Diario de viaxe: Estambul (I)

Tiña previsto publicar esta entrada aló polo mes de maio, pero diversos compromisos fórona retrasando ata setembro. De todas formas, como vai sobre viaxes e vacacións, de seguro que se vos fai do máis ameno. A finais de abril, aproveitando as vacacións de Semana Santa, lanzámonos a coñecer  un novo país: Turquía. En total foron 11 días, 7 en Estambul, 2 días na rexión da Cappadocia e un día no paraíso termal de Pamukkale. A medio camiño entre Europa e Asia, Turquía sorprendeunos pola amabilidade e o trato da xente, o colorido, a diversidade e a animada vida da súa cidade emblema, Estambul; e tamén pola riqueza de paisaxes impresionantes de pobos coma Göreme, Uchisar ou Pamukkale. Unha visita máis que recomendable que nos deixou moitas anécdotas e máis ganas de adentrarnos en Asia.

Villa | Dresden

Sábado 19 de abril de 2014. Turquía recibiunos con tempo soleado e agradable, pero tamén cun pequeno gran susto. Ao chegar ao enormísimo aeroporto Atatürk, no lado europeo da cidade, dispuxémonos a pasar o control de pasaportes para, por fin, pisar territorio turco. Mentres avanzaba a cola, decatámonos da existencia duns carteis que indicaban os países que precisaban dunha Visa para entrar en Turquía. A maioría deles eran africanos, tan só había tres ou catro europeos: Portugal, Croacia, Irlanda e… ¡España! ¿Pero cómo? ¡Se a única Visa que tiñamos era a tarxeta do banco!

Durante os largos 45 minutos que pasamos na cola, e que nos pareceron 3 horas, repasamos mentalmente os preparativos da viaxe. Un detrás do outro. En ningún momento léramos nada dunha Visa. ¡Pero si Turquía ten parte europea! Nós xa nos víamos atrapados no aeroporto emulando a Tom Hanks en La Terminal. Total, que ao remate da cola, entregamos os pasaportes no control e dinos o policía do posto: 

– Se sodes españois necesitades unha Visa para entrar.

– ¿Cómo? Pero si outros países europeos coma Italia ou Alemania non a precisan, ¿por qué España sí?

A Visa de marras!!
Cuño con valor de 25 €, carallo!

Indiferente, o policía encolleuse de hombros e sinalounos unha oficina que estaba case escondida ao outro lado da cola: “alí podedes sacar a Visa”. Aliviados, alá fomos. Sacar unha Visa que che da dereito a 90 días de estadía en Turquía costa o módico prezo de 25 euros por cabeza. Nós, que iamos só 11 días, tivemos que pagar igualmente os 25 euros, claro. ¡E eu pensando que en Turquía se podía regatear! ¡A ver se imos quitando as fronteiras eh! O que sigo sin entender é por qué a maioría dos países europeos non teñen que presentar nin pagar Visa e nós sí. Está claro que en Europa, pouco pintamos.

Unha vez que desfixemos o nudo da gorxa, pisamos por fin  territorio turco. Cambiamos euros por liras turcas (1 euro = 2,90 liras) e dispuxémonos a coller o autobús que nos levaría á zona onde reserváramos o hotel. Librados de sustos e de Visas, atopámonos coa segunda anécdota da viaxe. Mentres o conductor do autobús nos recollía as maletas e as metía na bodega do bus, non paraba de repetirnos:  ¡¡Taksi, Taksi!! Nós, confundidos, pois taksi é como se di taxi en turco, non dábamos crédito:

– ¡Pero se nos estás metendo tí mesmo as maletas no bus, cómo imos ir en taksi oh!

–  ¡¡Taksi, Taksi!!

E outra vez co taxi a voltas, ata que caemos na conta de que o que nos preguntaba o homiño era se íbamos a Taksim, no centro de Estambul, e non se queríamos ir en taxi. Subimos ao autobús mortos de risa, despois de indicarlle ao conductor que aonde queríamos ir era a Sishane, e non a Taksim. O hotel foi todo un acerto, céntrico, barato e ao lado tanto dos puntos de visita obrigada como da longa e transitada rúa Istiklal Caddesi, un auténtico paraíso para saír a tomar algo, cear ou perderse en facer compras.

Taksim, no centro do mapa
Taksim, no centro do mapa

Nela desfrutamos da primeira velada en Estambul, ceando nun restaurante tradicional, onde os camareiros ían vestidos coma os turistas cren que deben vestir todos os turcos. Logo perdémonos camiñando pola transitada e ruidosa Istiklal Caddesi (caddesi é rúa en turco), chea de turistas e nativos deténdose a desfrutar dos músicos ambulantes, das tendas abertas ata as 24:00 horas en pleno sábado, e da variedade de locais onde tomar algo. Sen dúbida o máis chamativo foi ver a fermosa Igrexa Católica de San Antonio de Padua aberta, celebrando misa a iso das 23:30 horas, alucinante.

Rematamos a noite tomando unha Efes Pilsen fresquiña, na terraza dun local con música en directo, algo co que tamén nos quedamos sorprendidos. En cada todos os locais había case sempre concertos en directo. Estambul nunca dorme.

A impoñente Mezquita Azul de Estambul
A impoñente Mezquita Azul de Estambul

Domingo 20 de abril de 2014. Almorzamos o simit, pan típico de Estambul, e tras sacar a Istanbul Kart para movernos no transporte público, movémonos cara á zona de Sultanahmet. Alí vimos a Sultan Ahmet Camii (mezquita do Sultán Ahmed), a famosa Mezquita Azul, coñecida así polos mosaicos de tonalidade azulada que se atopan no interior. É a única mezquita de Estambul que posee 6 minaretes, os mesmos que tiña A Meca, o que no seu momento foi considerado unha ofensa. A solución foi instalar un séptimo minarete na Meca e todos contentos. ¡Se hai que encofrar, encófrase!

Antes de entrar no templo escoitamos impresionados a chamada á oración, amplificada polos potentes altavoces situados no alto da mezquita. Cinco veces ao día, os crentes son chamados aos rezos desde os minaretes de todas as mezquitas da cidade. A asistencia ao rezo na mezquita non é obrigatorio, pódese facer en privado, pero impresiona ver o balbordo de xente moverse cara o templo mentres soa o impoñente chamado en árabe. Homes, mulleres, anciáns, nenos… todos collen dirección á mezquita máis cercana.

Durante o rezo, as mezquitas están pechadas ao público, polo que visitamos o interior do templo unha vez rematada a oración. Collemos a mellor hora, pois apenas había cola. Antes de entrar, é obrigatorio descalzarse e tapar as pernas, brazos e ombros. As mulleres deben ademais cubrir o pelo, xa sexa cun velo ou cun chal. É frecuente tamén atoparse co ritual de lavar os pés antes de entrar na mezquita, unha purificación ou pequena absolución que deben facer os musulmáns antes de orar. Esta acción é levada a cabo nos laterais do templo, onde están habilitados lavadeiros con asentos e grifos. Tanto a purificación coma a oración en sí faise por separado, homes por un lado e mulleres polo outro.

O interior da mezquita chama a atención polas impresionantes lámpadas en forma de araña que colgan do teito. As diferencias cun templo ou igrexa católica son evidentes. Non hai símbolos nin representacións alegóricas, nin sequera bancos para os crentes. O chan está cuberto dunha alfombra xigante onde rezan os crentes, de xeonllos ou de pé. Mulleres e homes teñen distintas zonas de rezo, e non hai altar, senón que a oración se fai mirando cara a Meca, cuia orientación está sinalada polo mihrab, visible desde todos os puntos da mezquita. A única nota desagradable desta visita foi o intenso olor a pés que inunda o interior da mezquita.

Interior da mezquita azul
Interior da mezquita azul

Despois de visitar o interior da Mezquita Azul, botámoslle un ollo ao Hipódromo, a praza que preside Sultanahmet. Nela atópanse os obeliscos de Constantino e Teodosio, a base da Columna das Serpes e a fonte alemana, construída en 1900 para conmemorar a visita do emperador Wilhelm I a Estambul. Logo fixemos cola para visitar a Cisterna Basílica, unha cámara subterránea sostida por unhas 360 columnas xigantes de estilo dórico e xónico, entre as que destacan tres piares tallados co rostro da Medusa. Construída no ano 532, a Cisterna abasteceu de auga no seu momento ao Gran Palacio de Constantinopla, e posteriormente ao Palacio de Topkapi.

Despois de visitar a Cisterna, achegámonos á Mezquita de Santa Sofía, xusto en fronte da Mezquita Azul. Logo de dar unha volta polos arredores da enorme mezquita, arquitectónicamente a máis distinta de todas as de Estambul debido á súa enorme cúpula, da que por certo se dixo que cambiou a historia da arquitectura; atopámonos cun dos postos típicos da cidade, ademais dos de millo ao grill ou os de castañas. Un home cun cuchillo enorme estaba cortando cunha destreza inusual as sandías máis grandes que vin na miña vida, así que non poidemos resistirnos a refrescarnos co xugo desta sabrosa froita.

Nena con burka diante da mezquita azul
Nena con burka diante da mezquita azul

O que máis nos chamou a atención no noso primeiro día de turismo por Estambul foi o uso do burka entre as mulleres turcas. Vímolos de todo tipo e de distintas cores. Desde mulleres de distintas idades tapadas de arriba abaixo, en riguroso negro e deixando ver só os ollos, ata xóvenes levando o burka e todo o corpo cuberto, lucindo unhas modernas zapatillas Converse e toqueteando a pantalla do seu smartphone ou da súa tablet de última xeración. 

O máis impactante foi a mirada das mulleres que só deixaban os seus ollos á vista. Un par delas pilláronme mirándolle os ollos con curiosidade. A expresión da súa mirada tras ser descuberto fíxome sentir coma se as estivese mirando espidas. Gustaríame saber máis acerca do seu uso e función, e sobre todo, acerca da vontade e poder de decisión que teñen as mulleres sobre él, pero a forza e intensidade que transmite a mirada destas mulleres é impresionante.

Despois de visitar as mezquitas e a Cisterna Basílica, continuamos cara o Parque Gülhane, onde se atopan o Palacio Topkapi e o Museo Arqueolóxico da cidade. Paseamos polos seus fermosos e floridos xardíns e desfrutamos do típico té vermello turco nunha das terrazas do parque, con vistas directas ao Bósforo. Servíronnos o té en dous pequenos vasos de cristal e dúas teteras, unha co té misturado cun pouco de agua, e outra só con auga quente. Despois de colar o té da primeira teteira, enchemos o vaso coa auga quente, un pouco de azúcar e a desfrutar. Riquísimo.

Té vermello a pés do Bósforo
Té vermello a pés do Bósforo

Á volta vimos xa algún que outro comercio con prezos e productos interesantes. Un deles estaba rexentado por un xioeiro sirio que falaba un español moi fluído. Alá nos quixo vender uns pendentes que valían uns 60 euros. Nós non estabamos interesados en comprar, pero o xoieiro, moi falador, comezou co seu ritual de venta. Contounos que vivía en Estambul coa súa familia desde facía uns anos, pois tivera que fuxir de Siria por mor da guerra, pero que él non era coma os turcos. Si él tiña un producto de calidade e un prezo, non o andaba baixando según lle conviña para marear aos turistas.

Nós asentíamos, complacidos pola integridade comercial do sirio, que de verdade tiña unhas xoias moi bonitas. Sen sequera facer ademán de regatear, o sirio comezou a baixar o valor dos pendentes él só, mentres continuaba co seu ritual. Así, tan pancho, cinco minutos despois de soltar que él non era coma os turcos, chegounos a baixar o prezo ata 25 euros, sen nós esforzarnos en negociar. Incrible. Ao final marchamos sen os pendentes, pois aínda había moitas tendas e moitas xoias que ver.

Restaurantes baixo a ponte de Gálata
Restaurantes baixo a ponte de Gálata

Pasada a media tarde, demos un paseo polo barrio de Gálata e dispuxémonos a buscar un restaurante para cear peixe, que en Alemania ben que o botamos en falta. Atopamos o que buscabamos baixo a iluminada ponte de Gálata, nun dos numerosos restaurantes que inundan os seus 490 metros de lonxitude. Na parte superior, centos de pescadores proban sorte coa cana ao mesmo tempo que na parte inferior, miles de turistas degustan o peixe fresco probablemente pescado a escasos metros de alí. Unha imaxe curiosa.

Luns 21 de abril de 2014. Adicamos o luns a pasear, callejear e ir de tendas polos bazares. Como tiñamos que sacar os billetes de bus para a noite seguinte en dirección a Göreme (Capadoccia), comezamos vendo a cercana praza de Taksim. Sí, a mesma da anécdota do bus do primeiro día, e a mesma na que a policía turca soe repartir leña nas frecuentes manifestacións contra o réxime de Erdogan. Por sorte ese día estaba tranquila.

Despois de mercar os billetes de bus coa compañía Metro (moi recomendable, xa veredes!), continuamos o noso paseo carra o barrio de Besiktas, onde se atopan o Dolmabahçe (antigo Palacio Imperial otomano), e o Museo Naval da cidade. Desde aí fomos paseando polas beiras do Bósforo cara á ponte de Gálata, emblema do corno de Ouro, ese estuario que divide Estambul no estreito do Bósforo, no punto no que éste entra no Mar de Mármara.

Mexillóns recheos de arroz
Mexillóns recheos de arroz

Ao chegar á ponte de Gálata, o olor a peixe frito abriunos o apetito e alá nos sentamos nun posto baixo a ponte a comer un bocadillo de peixe á prancha con verdura. Tralo bocata probamos outra das delicias que os postos na rúa nos ofrecían: mexillóns recheos de arroz cun chorriño de limón. Exquisitos e baratos. O vendedor abríache un diante túa, botábache o limón ao momento, e a medida que ías pedindo máis, regateabas o prezo sacando 6 polo prezo de 8 e cousas así. Deliciosos.

Coas forzas recuperadas, visitamos a Mezquita Nova, xusto en fronte da ponte Gálata. Xunto coa de Sultanahmet, a Mezquita Nova é para min das máis fermosas de Estambul. E así, case sen darnos conta, adentrámonos no Bazar das Especias e logo, unhas rúas máis atrás, no  Gran Bazar. A nosa primeira toma de contacto bastou para darnos de conta da inmensa cantidade de postos, tendas e comercios que inundan a zona. Como estábamos bastante cansados da camiñata desde Dolmabahçe, decidimos reservarnos e volver ao día seguinte con máis forzas.

A mezquita nova co chamán de Ames
A mezquita nova e o chamán

Continuamos cara a zona da Universidade de Estambul, onde as diversas Facultades comparten protagonismo coa impoñente mezquita Suleymaniye, a máis grande en tamaño de todo Estambul. Situada no alto dunha colina, as vistas da cidade desde a mezquita son impresionantes. Tras visitar a mezquita seguimos paseando cara o Saraçhane Parki, un pequeno parque que enmarca outro monumento impresionante, o acueducto Bozdogan Kemeri. Con 64 metros de altura, tamén ofrece unha gran panorámica da cidade, aínda que para subir a él hai que arrimar o ombro e trepar un pouquiño, pois non ten ningún acceso habilitado.

Tras visitar o acueducto continuamos callejeando, buscando un sitio no que cear. Arredor da Universidade había tascas e bares con comida turca casera, pero atopamos o que buscábamos ao chegar ao barrio de Kumkapi, a dez minutos a pé de Sultanahmet. Kumpaki é un barrio de pescadores con moita vida, cheo de restaurantes onde degustar peixe e marisco fresco, e nos que tamén se pode desfrutar de música na rúa e nos propios locais.

Sen dúbida, o mellor da noite foi a improvisada romaría que se marcaron os veciños da mesa de atrás. Un trío de músicos achegóuselle á mesa e alá empezaron a saír todos a bailar e a a sacar á xente das mesas dos arredores, como se pode ver no vídeo de abaixo. Foi un dos momentos máis espontáneos e divertidos da nosa viaxe. Os turcos, coma todo bo pobo mediterráneo, saben armar unha boa festa arredor dunha mesa. Case coma os galegos!

Martes 22 de abril de 2014. Último día da primeira parada, Estambul. Ata a noite non collíamos o autobús destino Capadoccia, polo cal, aproveitamos o día para facer unhas cantas compras pola Istiklal Caddesi e para visitar ben frescos o Gran Bazar. Pola mañá renovei o meu vestiario nunha tenda desas de roupa moderna, tipo Breskas como diría miña nai, sen que a tarxeta se resentise. Comprei tres camisetas, dúas camisas, un polo (dos de vestir, non dos de comer!) e máis un cinto polo módico prezo ao cambio duns 30 euros. Prométoo. A moda en Dresden acércase máis ao estilo Chimo Bayo ou Leticia Sabater, así que me sorprendín a min mesmo mercando ben e barato en terras turcas. E aínda nos quedaba o Gran Bazar.

Varias cousas chamaron a nosa atención nel: o moito que engancha regatear,  a capacidade dos mercaderes para averigüar que eres español sen abrir a boca, e o barato que son os tenis. Imos por partes.

O Gran Bazar é un paraíso para as compras baratas e o regateo. Nel podes atopar gangas de calidade media e baixa, e de vez en cando, artigos de calidade alta a bo prezo, pero unha cousa é clara: o regateo é fundamental para saír do Gran Bazar satisfeito. Normalmente os comerciantes ofrecen un prezo inicial que é un 50 ou 60% superior ao prezo final de venta, así que hai que estar alerta e facer unha contraoferta ben baixa para acordar un prezo intermedio que satisfaga a ambas partes. Se o mercader ten interese en vender chegaráse a un acordo case con total seguridade, pois prefire vender baixo a non vender, pero se as pretensións do comprador lle parecen demasiado baixas, nin truco nin trato!

Ruela do Gran Bazar
Ruela do Gran Bazar

Os bolsos merecen un capítulo á marxe. Aí hai gangas e tamén productos de grandes marcas caros, pero en comparación co prezo orixinal, moi rebaixados. Tampouco chos regalan. O máis divertido aquí foi cando preguntamos por un tipo de bolso en concreto. En dous postos distintos dixéronnos: “vide vide, que vos imos ensinar algo”. 

Alá nos conduciron por pasillos estreitos cara ó exterior do Gran Bazar, a unha especie de almacén privado. Tranquila mamá, non era un deses almacéns dos chinos onde che quitan os órganos! Ao final non acabamos comprando ningún, pero foi toda unha experiencia seguir aos comerciantes cara un ghalpón repleto dun arsenal de bolsos de todas as cores, formas e prezos posibles. Sentíaste coma un cliente VIP ao que lle ensinan unha colección exclusiva, reservada para clientes especiais. Esa sensación desapareciu ao abrir a porta do almacén e ver a outra parella agardando co compañeiro do “noso” vendedor. A cara de decepción da parella foi similar á nosa, aínda que nós botámonos a rir ao instante. Tan surrealista como divertido.

Non se admiten cambios
Isto non é o Corte Injlés!

Paseando polos rueiros estreitos do Gran Bazar alucinamos coa capacidade dos vendedores para detectar a túa procedencia. Con nós intentábano en español e en italiano, penso que oírnos falar en galego os despistaba. Moitas veces, sen sequera abrir a boca, xa nos trataban de vender en español. Asaltábanche co típico: “los mejores bolsos” (léase co acento de Balki dicindo: “Primo Larry”, na serie Primos Lejanos), ou “españoles, no? Pasa, pasa”. Teñen unha habilidade extraordinaria para adiviñalo. Ata vimos un cartel encima dun posto que dicía: “Aquí engañamos menos que el Corte Inglés”, coma se ve na foto.

No Gran Bazar atopas de todo, especias de todo tipo, pendentes, xoias, reloxos, bolsos, sudaderas, cuencos, alfombras, mochilas… e sobre todo, amabilidade, sorrisos e té. Despois de regatear para mercar unha pulseira e uns pendentes a xogo, pedímoslle ao vendedor, un rapaz afgano que estudiaba unha Enxeñería polas tardes e traballaba no Bazar polas mañás, que  axustase a medida da pulseira. Antes de poñerse en faena, foi ao posto de en frente e volveu con dúas tazas de té de mazá que nos ofreceu cortesmente. A espera foi máis doce así.

Saíndo do Bazar estivemos falando cun vendedor que era metade turco e metade mexicano. Tras ofrecernos a probar unhas delicias turcas, contounos que o Bazar pechaba ás 7 da tarde, hora á que había que desaloxar o enorme recinto para deixar paso aos fumigadores, que cada día despois da fulgurante actividade do mercado, limpaban e fumigaban a conciencia o labirinto de corredores que forman o Gran Bazar para evitar pragas e malos olores.

Nove horas en bus, menos mal que foron de noite!!
Nove horas en bus, 732 km… menos mal que foron de noite!!

Así que logo dunha tarde completa, volvemos cara ó hotel a recoller as maleta e dirixímonos cara á oficina de Metro, a compañía de buses que nos ía levar á Capadoccia. Nove horas de viaxe nocturno cara o corazón de Turquía. Como lle forzamos á hora de sacar o billete, tocounos a última fila de asentos do autobús. Un pouco chafados ao pensar que nos ían tocar os asentos máis estreitos e incómodos, levamos unha agradable sorpresa ao sentarnos neles. Igualmente amplos e espaciosos que o resto, con marxe para inclinalos, espacio de sobra para estirar as pernas, e cunha moderna tablet para cada pasaxeiro incrustada no asento de diante. Qué gozada.

Descalzámonos, estirámonos e seleccionamos unha película das moitas que nos ofrecía o menú da tablet. Entretanto, o supervisor, pois en todo bus turco hai un axudante que revisa todo e che ofrece bebidas de todo tipo, aparecía de vez en cando para ofrecernos té, café, zumo ou auga. Todo incluído no prezo do billete, por suposto. Tralas paradas convenientes e despois de durmir case tan ben coma nunha cama, comezamos a avistar a curiosa paisaxe da Capadoccia. Desabrochade os cinturóns que chegamos a Göreme, un pobo sinxelamente impresionante. Cóntovolo na segunda parte deste diario de viaxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *