“Chámome Diego e son xornalista. Estudiei e exercín o suficiente para dicir aínda que son xornalista, aínda que agora traballe nun bar”. Así me describía no 2011, ano no que comecei a escribir neste blog, pouco despois de deixar unha beca tan satisfactoria como pouco rentable en Marca TV, e convertirme en camareiro do Meigas, Pulpo & Friends, na madrileña calle Eguilaz. E así sigo case dez anos despois, xornalista alonxado da profesión e dun país que leva anos recuperándose sen recuperarse, mentres os “xoves talentos emigrados” cada vez son menos xoves e acumulan máis anos vivindo no estranxeiro.
Eu xa levo case dez en Alemaña, os primeiros cinco e medio en Dresde, no este, e os últimos catro en Braunschweig, no corazón do país motor de Europa. Aquí traballei en atención ao cliente e en marketing, aprendín alemán e a manexar unha cámara de fotos e vídeo. Agora son Video-Artist no Departamento de Comunicación do Hospital de Braunschweig, mentres me preparo para dar o salto á educación, despois de completar en 2018 o Máster en Formación do Profesorado para o Ensino Secundario.
Entremedias, este blog foi sobrevivindo coas miñas aventuras en Alemaña e algunha que outra incursión na literatura, a miña gran paixón. Agora trato de mantelo activo facendo reseñas de libros, principalmente das últimas lecturas que vou facendo. Espero que vos guste. Sentade e tomádelle outra. O verdadeiro xornalismo está nos bares.