A última novela de Jöel Dicker, “El enigma de la habitación 622”, é unha homenaxe ao seu editor Bernard de Fallois. Ambientada en Suiza, presenta enredos, situacións e diálogos pouco realistas que restan credibilidade a unha trama que engancha de principio a fin.


O escritor prodixio das letras suizas, Jöel Dicker, regresou en 2020 cun novo libro no que lembra ao que fora editor seu desde a súa eclosión aló polo ano 2012. O falecemento de Bernard de Fallois en 2018 afectou a Dicker de tal xeito que lle adicou a súa seguinte novela. Os pasaxes nos que lembra ao editor que o descubriu intercálanse coa súa investigación -incorporándose él a sí mesmo coma unha personaxe máis na narración- sobre o enigma da habitación 622 do suizo Palace de Verbier.
Unha historia un tanto enrevesada e en ocasións pouco crible, pero que acaba enganchando ao lector gracias a dous grandes interrogantes que se manteñen case ata o final: a identidade do falecido e a identidade do asasino.
A trama principal transcorre en dúas liñas temporais: fai quince anos, cando se produce o asasinato na habitación 622 que da pé á novela, e quince anos atrás, cando os seus protagonistas se coñecen e inician unha serie de accións que derivarán no citado enigma. Estas dúas liñas temporais están protagonizadas por un trío amoroso formado por un banqueiro, Macaire Ebezner, unha aspirante a aristócrata rusa, Anastasia von Lacht e un botóns reconvertido en banqueiro de éxito, Lev Levovitch.
A estas dúas referencias temporais súmase unha terceira, na actualidade. É nesta cando se introduce o propio autor como unha personaxe, acompañada da impulsiva Scarlett Leonas, quen lidera a investigación e dialoga co alter ego do propio Dicker. Ambos alóxanse no Palace de Verbier e guían a narración da trama principal e maila homenaxe a Bernard de Fallois.
Problemas da novela


“El enigma de la habitación 622” resulta ser máis ben unha historia amorosa e unha loita de poderes entre os dous pretendentes de Anastasia, ambos banqueiros ambiciosos. O problema é que as situacións que plantexa son moi pouco cribles, os diálogos artificiais e as personaxes cambian de criterio e parecer en cuestión de páxinas con argumentos moi sinxelos, ás veces incluso infantís.
Semella que a principal intención de Jöel Dicker era rendir unha sentida homenaxe ao seu editor, sen dúbida as partes máis reais e cribles da novela, e a trama simplemente derivou nunha historia amorosa que se desvela a contagotas, facendo que por momento a lectura se faga lenta e repetitiva. Con todo, ao mesmo tempo, o lector non pode deixar de seguir devorando páxinas.
Cara ó final da novela, o ritmo aumenta e as pezas das tramas temporais encaixan con precisión, revelando un par de xiros na historia que recordan ao Dicker da obra que o lanzou á palestra literaria, “La verdad sobre el caso Harry Quebert”. A narración vólvese vertixinoso na parte final e atrapa ao lector coas revelacións dos distintos protagonistas. Nalgunhas ocasións hai certas reminiscencias das obras detectivescas de Agatha Christie: un grupo de sospeitosos, un único lugar onde ocorre un crime (mansión, hotel, etc.), mentiras e segredos do pasado que saen á luz…
Unha boa reflexión final
Pese ás miñas críticas a algúns dos aspectos mencionados da novela, a súa lectura resultoume moi entretida. Entre tanto enredo, a maestría de Jöel Dicker para facer encaixar todas as pezas é destacable. Isto é algo que xa se aprecia desde “La verdad sobre el caso Harry Quebert”, onde a trama está moito máis lograda que en “El enigma de la habitación 622”.
Outro dos aspectos máis destacados de “El enigma de la habitación 622” é a reflexión final que nos regala Jöel Dicker, que che deixa cun bo sabor de boca ao pechar a novela:
“La vida es una novela que ya sabemos cómo termina: al final el protagonista muere. Así que lo más importante no es cómo acaba nuestra historia, sino cómo vamos a llenar las páginas. Pues la vida, igual que una novela, tiene que ser una aventura. Y las aventuras son las vacaciones de la vida”.
Se che gustou esta reseña, podes atopar máis aquí.
FICHA TÉCNICA
Título
El enigma de la habitación 622
Autor
Jöel Dicker (tradución de M. Teresa Gallego Urrutia e Amaya García Gallego)
Ano
2.020
Edición
Quinta edición (en castelán)
Editorial
Alfaguara
Data
2.020
O mellor
A habilidade de Jöel Dicker para encaixar todas as pezas dunha trama complexa
O peor
Os diálogos e as situación son moi pouco cribles
A miña nota
7/10
Mercar El enigma de la habitación 622