Sandrone Dazieri confirma con “El Ángel” a súa capacidade para xerar unha trama complexa e orixinal cun sorprendente final. A historia de Dante e Colomba chega cargada de interrogantes a “El Rey”, a última entrega da triloxía.
A continuación de “No está solo” (2015), que inicia a triloxía protagonizada polo atormentado Dante Torre e a impulsiva Colomba Caselli, segue a liña de thriller trepidante iniciada na primeira parte. Iso sí, o efecto sorpresa e o impacto da historia é moito maior en “No está solo” que en “El Ángel”. Algo lóxico, pois a historia do secuestro de Dante e a orixe dos seus problemas de sociabilidade é moi potente e apenas se pode competir con ela. Pese a iso, “El Ángel” introduce unha investigación con aire a Guerra Fría que engancha moito, incidindo ademais novamente nos procesos de manipulación e control da mente que tanto lle gustan a Sandrone Dazieri.
O arranque de “El Ángel” está envolto nun suposto ataque yihadista que acaba coas vidas dos pasaxeiros dun tren que viaxa de Milán a Roma. Pronto o instinto investigador de Dante descobre que algo non cada no ataque terrorista. Tras un tenso reencontro con Colomba, o primeiro desde os sucesos narrados en “No está solo”, a curiosa dupla embárcase nunha trepidante investigación que os leva por Berlín e Ulm, en Alemaña, para rematar en Venecia.
O estilo narrativo de Dazieri é fiel ao iniciado na primeira entrega da saga. Ritmo áxil e trepidante, con espacio para a espectacularización de estilo televisivo. Nótase que o autor tamén é guionista de series, o que da resultado a un novo thriller de lectura máis que recomendable. Ademais, o xiro final da novela fai moi apetecible a lectura da terceira e última entrega da triloxía, “El Rey”.
FICHA TÉCNICA
Título
El Ángel
Autor
Sandrone Dazieri (tradución de Xavier González)
Ano
2.016
Edición
Primeira Edición (en castelán)
Editorial
De Bolsillo
Data
2.018
O mellor
A investigación que transcorre por Alemaña
O peor
A trama é por momentos un tanto enrevesada
A miña nota
7.5/10
Mercar El Ángel
2 comments