A praia dos afogados

“A praia dos afogados”, de Domingo Villar (2009)

Tralo seu prometedor debut en 2006, Domingo Villar retomaba tres anos despois a personaxe do inspector Leo Caldas, o patrulleiro das ondas, en “A praia dos afogados” (2009). Unha novela máis madura e de alto nivel que se vai cocendo a fogo lento.

A praia dos afogados
Cuberta da tradución alemá

Esta Noiteboa, a miña benquerida sogra tivo a ben de regalarme as dúas últimas novelas do autor vigués Domingo Villar, “A praia dos afogados” e “O último barco”. O meu afán por ampliar as lecturas en galego e continuar as peripecias investigativas do inspector Leo Caldas cobraba forma.

A segunda novela da (por agora) triloxía, “A praia dos afogados”, leva á acción á vila mariñeira de Panxón, no concello de Nigrán. Nela, o inspector vigués Leo Caldas e o axente zaragozano Rafael Estévez investigan o aparente suicidio do mariñeiro Xusto Castelo, cuxo corpo sen vida aparece na praia da Madorra. Un pequeno detalle na autopsia fai sospeitar a Caldas de que o suicidio non foi tal, arrancando unha investigación que acaba sacando a luz o afundimento do pesqueiro Xurelo, do que formaban parte Castelo e outros tres mariñeiros da vila, trece anos atrás.

A sombra do capitán Sousa, o único falecido naquel naufraxio, agrándase na vila de Panxón espertando todo tipo de fantasmas e supersticións que poñen a proba o raciocinio de Leo Caldas. A investigación estáncase ata que se esclarecen os feitos acaecidos no afundimento do Xurelo. Ahí aparecen motivos e sospeitosos que empurran a Caldas a formarse unha visión máis clara do que lle ocorreu a Xusto Castelo.

Pero Domingo Villar, que no seu debut “Ollos de Auga” presentaba unha trama efectiva e máis sinxela, resérvase para o final un xiro propio de novela negra que lle da o fervor final a unha historia moi ben cociñada.

Maior profundización nas personaxes

Outro dos elementos destacados de “A praia dos afogados” é a evolución da personaxe de Leo Caldas, algo que na primeira entrega se botaba en falta. O seu carácter reservado, de observador analista, debátese entre os intentos por achegarse ao seu pai e a morriña polo amor perdido de Alba. Tamén as pescudas trala morte de Xusto Castelo espertan en Leo Caldas sentimentos intensos que o levan a padecer, máis que polo morto en sí, polos vivos que choran ao morto.

Pola súa parte, o axudante aragonés Estévez continúa tratando de conter a súa forza bruta, principalmente cando se trata de obter testemuños dos sospeitosos. Unha das esceas máis divertidas da novela reflexa o seu intento continúo por tratar de comprender, sen demasiado éxito, a retranca e o carácter galego. Cando entran na taberna predilecta do inspector Caldas, a Estévez chámalle a atención o limpas que están as tixolas da cociña. Asombrado, pregúntalle a unha das empregadas qué usan para deixalas así de brillantes, ao que ésta responde: “moito esforzo, filliño”.

No vídeo que vos comparto ao final desta reseña, podedes ver o trailer da adaptación cinematográfica de “A praia dos afogados”, realizada por Gerardo Herrero en 2015,  e protagonizada por Carmelo Gómez no papel de Leo Caldas, Luis Zahera e Pedro Alonso como os compañeiros de naufraxio de Xusto Castelo, e Antonio Garrido como o axente Estévez. Ademais da versión cinematográfica, “A praia dos afogados” tamén foi traducida a numerosos idiomas, entre eles o alemán, como vedes na cuberta que aparece ao inicio desta entrada.

O último barco

O terceiro libro da serie adicada a Leo Caldas, “O último barco”, promete non defraudar. Entre “A praia dos afogados” e a súa continuación transcorreron dez anos, polo que agardo ansioso comprobar a evolución narrativa de Domingo Villar, nun volume que chega ás 800 páxinas. Será posiblemente unha das lecturas deste verán ou de finais de ano. Agora xa me estou a ocupar de “El Rey”, o peche da triloxía de Sandrone Dazieri da que xa vos teño falado neste blog.

 

FICHA TÉCNICA


Título

A praia dos afogados


Autor

Domingo Villar


Ano

2.009


Edición

Segunda edición (en galego)


Editorial

Editorial Galaxia


Data

2.019


O mellor

A evolución e maior profundización da personaxe de Leo Caldas


O peor

Que a descubrise tantos anos despois


A miña nota

8/10


Mercar A praia dos afogados
portada A praia dos afogados
Portada de "A praia dos afogados"

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *