Ollos de Auga de Domingo Villar

Ollos de Auga, de Domingo Villar (2006)

Ollos de Auga é a novela debut de Domingo Villar e do inspector Leo Caldas. Unha trama sinxela, de lectura áxil e final ben pechado. Sen luxos nin artificios, unha novela que funciona ben.

Este verán, de paseo pola Feira do Libro da Coruña cos meus pais, merquei a primeira novela de Domingo Villar, “Ollos de Auga”. Son moito de comezar as sagas pola orde correcta, así que debido ao éxito de ventas de “O Último Barco” -a terceira novela de Villar-, animeime a coñecer desde o principio as peripecias do inspector Leo Caldas.

“Ollos de Auga” está ambientada en Vigo, cidade natal do autor, e comeza cun caso de asasinato na illa de Toralla. O feísmo urbanístico da torre que goberna esta illa -cuia existencia descoñecía (ignorancia 1-o coñecemento)-, é o escenario dun crime non menos feo. O músico Lois Reigosa aparece morto no seu dormitorio, atado e co seu membro prácticamente podre.

As pesquisas do inspector Caldas, estrela da radio a pesares de que resista a recoñecelo, van acompañadas polas queixas continúas de Rafael Estévez, axente zaragozano incapaz de habituarse ao carácter galego. Pouco a pouco, a dupla de axentes vaise achegando á verdade, aínda que por momentos a intuición de Caldas tambalea. Entremedias, intercálanse esceas ambientadas na escea homosexual viguesa, os clubes de jazz e a burguesía da cidade olívica.

Valoración Ollos de Auga de Domingo Villar

“Ollos de Auga” é unha gran carta de presentación para un autor debutante. Sen embargo, bótase en falta algún enredo máis na trama, relativamente sinxela pero eficaz, e un pouco máis de profundización nas personaxes. Imaxino que a segunda e terceira novelas de Villar, “A praia dos afogados” e “O último barco”, afondan máis nestas cuestións e, sen dúbida, amosan unha maior madurez que a que aquí se aprecia.

Desde logo, o obxectivo desta novela está cumprido. Agora quero saber máis sobre a evolución do inspector Leo Caldas e os seus novos casos. Quedan anotadas como vindeiras lecturas. Levaba tempo sen ler en galego, pero tras facelo coa tradución de Maus, de Art Spiegelman, e con “Ollos de Auga”, dun autor nativo, entran ganas de ler máis na língua propia.

 

FICHA TÉCNICA


Título

Ollos de Auga


Autor

Domingo Villar


Ano

2.006


Edición

Segunda Edición (en galego)


Editorial

Editorial Galaxia


Data

2.018


O mellor

O inicio da saga literaria de Leo Caldas


O peor

Bótase de menos unha maior profundización nas personaxes


A miña nota

7/10


Mercar Ollos de Auga
portada Ollos de Auga
Portada de "Ollos de Auga"

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

3 comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *