Sep 10, 2014 - Diario de Viaxe    1 Comment

Diario de viaxe: Capadoccia, Pamukkale e Estambul (II)

Vista panorámica de Göreme

Esta entrada é a continuación do diario de viaxe a Turquía, que comeza en Estambul e que podes ler aquí. Nesta segunda parte adentrámonos no interior de Turquía, para coñecer a rexión da Capadoccia, na que estivemos dous días,  e mailo pequeno poblado de Pamukkale, onde se atopan unhas pozas termais formadas por salinas. Novas anécdotas a cada cal máis surrealista e novas paraxes as que aquí vos achegamos. Tomádelle outra que invito eu! 

Villa | Dresden

Mércores 23 de abril de 2014. Despois dunha máis que confortable noite no autobús da Metro, comenzamos a avistar o curioso paisaxe do noso seguinte destino: Göreme. Este pequeno pobo situado na rexión da Capadoccia, en Anatolia Central, é o paradigma desta maravillosa área xeolóxica que foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985. Tanto Göreme coma os pobos cercanos de Uchisar, Ürgüp ou Avanos, entre outros, atópanse nun enorme val onde predominan as rocas, covas ou as chamadas chimeneas de fadas, coma as da foto de portada que ilustra esta entrada. Centos e centos de hectáreas protexidas con estes curiosos monolitos de diversas formas, que albergaban igrexas, castelos, vivendas e palomares, como vos explicarei ao largo desta entrada.

Chegamos a Göreme pasadas as 8 da mañá, e xa no autobús alucinamos coa paisaxe. A entrada desde o alto do val cara o pobo ofreceunos unha vista fantástica dos paraxes hinóspitos que nos agardaban na Capadoccia. Cando un chega a este tipo de sitios todo son facilidades. Ser turista aquí equivale a ter cero preocupacións. Dancho todo feito. Ao baixar do bus preguntamos na oficina de información onde poderíamos atopar o noso hotel. Tras dicirlle o nome do hotel, o homiño colleu o teléfono e chamoulle. Ao colgar dinos, esperade ahí diante que en 5 minutos xa vos recollen. E así foi.

Fachada do Elif Star Cave Hotel

Fachada do Elif Star Cave Hotel

Kader, o dono do establecemento, veunos recoller nunha mini furgo e levounos ao hotel. Bueno, á cova, porque as habitacións do Elif Star Cave Hotel son todas covas acondicionadas para acoller turistas. A nosa habitación era unha antiga Igrexa, con pedra tallada no interior e situada na parte inferior do edificio, en sí unha enorme cova, como podedes apreciar na foto. Nun perfecto español, que foi aprendendo co paso dos anos falando cos turistas, Kader explicounos todo o que podíamos facer na Capadoccia en dous días. Recomendounos facer un tour pola rexión que comezaba ás 9:30 da mañá e remataba ás 17:30. Decidimos face-lo, pois así xa deixábamos unha parte da rexión vista sen preocuparnos polo transporte e por priorizar un ou outro sitio.

Co tempo xusto para deixar as mochilas, asearnos e almorzar un sabroso té de mazá con queixo fresco da rexión (boísimo!), saímos a explorar a Capadoccia cun grupo dunhas dez persoas e un guía local. Entre os viaxeiros había unha familia estadounidense bastante curiosa, unha parella alemana pouco faladora, un par de escoceses moi simpáticos e unha tola polaca que falaba 14 idiomas e que, ademais de falar polos codos, se pasou toda a viaxe ignorando ao seu mozo e botándolle os trastos a unha profesora italiana. Tal cual.

Que a forza vos acompañe!!

Que a forza vos acompañe pequenos jedis!!

O tour comezou no Monasterio de Selime, un complexo paisaxe de rocas, covas e edificacións de formas diversas, formadas ao longo dos séculos pola erosión e a actividade volcánica. Alí poidemos contemplar as igrexas e capelas que conforman o conxunto do mosteiro, cavado polos monxes no século XIII, e admiramos as fermosas panorámicas que as ventás talladas na roca nos ofrecían. O guía explicounos que a paisaxe que se vía detrás do monasterio foi utilizada para recrear o planeta desértico de Tattoine, na primeira película da saga Star Wars, de George Lucas. Ao parecer, problemas de permisos co goberno turco daquel entón, obrigaron a Lucas a recrear unha paisaxe similar en Túnez, pero a inspiración, disque, veulle daquí.

A segunda parada ía ser a cidade subterránea de Derinkuyu, pero á hora que chegamos había bastante xente e deixámola para despois de comer, así que a primeira parte do tour, que comezara moi ben, foise diluíndo entre os paseos en furgoneta e a longa visita ao val de Ihlara. Un val fermoso, sí, con paseo polo río e tal, pero certamente, nada que non viramos ata o de agora por Galicia ou as aforas de Dresden, na preciosa Sajonia Suiza. Botamos unhas 2-3 horas andando e desandando o camiñado sen moito sentido, perdendo o tempo. Desde logo, estes tours están pensados para facer caixa e deixar aos turistas con ganas de máis, a metade do tempo foi desaproveitado. Mentres paseábamos pola ruta xa decidimos que ao día seguinte alquilaríamos un coche e iríamos ao noso aire.

Comemos en Belisirma, despois regresamos pola beira do río e desandamos o camiño, algo que tanto a nós como á parella alemana nos repateou en especial. O resto dos integrantes do grupo parecían encantados con tanta volta. En fin, a comida estivo ben, peixe fresco nunha terraza sobre o río e charla agradable co grupo estadounidense. Por sorte, a cousa mellorou pola tarde.

Plano dos niveis da cidade subterránea de Derinkuyu

A primeira parada da tarde foi a prometida cidade subterránea de Derinkuyu, utilizada como refuxio polos cidadáns da zona ante as continuas invasións que sufría a rexión da Capadoccia. Os historiadores falan que che se chegaron a construír 40 niveis subterráneos, pero hoxe en día só son visitables 8 niveis. Dise que a cidade podía chegar a albergar a unhas 10.000 persoas. Un labirinto de tuneis, pasadizos, corredores, escaleiras empinadas, e diversas estancias (cociña, establos, bodegas, pozos, etc,..) do máis  interesante, e cun sistema de protección moi efectivo. En varios puntos clave da cidade subterránea, os habitantes podían chegar a bloqueala cunha enorme pedra que só podía ser aberta desde dentro, aillando ao grupo dos posibles invasores.

Nós no Pigeon Valley

Nós ante o Pigeon Valley

Despois de visitar Derinkuyu, dirixímonos ao outro dos lugares destacados da excursión, o Pigeon Valley, ou o que é o mesmo, o Val dos Pichóns ou Val das Palomas, xa que acolle edificacións en forma de cova que se usaban como refuxio de palomas, pichóns e demais familia. A panorámica do val é impresionante, as fotos falan por sí soas. Estivémolo contemplando en silencio durante un bo anaco, ata que nos decatamos que a xente do tour xa estaba a piques de subir á furgoneta para seguir a ruta. Incrédulos, pois apenas nos dera tempo a desfrutar do lugar máis impresionante da excursión con diferencia, sacamos unhas cantas fotos rápidas e voltamos á furgoneta botando pestes contra os organizadores por meternos présa nas visitas interesantes e facernos perder o tempo pola mañá. Indignante.

A nosa indignación medrou na última visita do tour, a unha fábrica de onyx (ónice en castelán, unha especie de mineral semiprecioso moi común na rexión da Capadoccia), á que nos levaron como remate de visita para ver se alguén picaba e mercaba algo. Unha vez e nada máis. Foi o noso primeiro e último tour organizado. Menos mal que as vistas da rexión e do Pigeon Valley compensaron estes inconvenientes.

Panorámica do Val dos Pichóns

Panorámica do Val dos Pichóns

Ao remate do tour, chegamos á nosa hotel-cova e comentámoslle a Kader a nosa mala experiencia co tour e a nosa intención de alquilar un coche para o día seguinte. Kader, maxísimo e atento, díxonos que él se encargaba de todo. Teríamos un coche por 25-30 € desde xa e durante todo o día seguinte. Comentámoslle que nos quedáramos sen liras turcas e que tiñamos que ir ao pobo a por elas. Díxonos que deso nada, que nolas deixaba él e que ao día seguinte xa lle pagaríamos todo xunto. Un encanto de anfitrión.

Así, en menos dunha hora xa estaba o tipo da empresa de alquiler co coche diante da nosa terraza, co contrato na man. Nin tivemos que ir alí a por él. Nun plis xa contábamos con transporte “propio”. Satisfeitos, rematamos de instalarnos na cova e desfrutamos dun té con galletas na terraza, impresionados polas maravillosas vistas do fermoso poblado de Göreme. Foi un gran anoitecer. Qué gozada. 

Atende o lume María!!

Despois de dar unha volta polo pobo e desfrutar das vistas nocturnas, voltamos cara ó hotel para desfrutar dunha auténtica cea turca. A muller de Kader fíxonos unha cea exquisita, caseira e sabrosa, digna de comentar. Os entrantes eran unha especie de ensaladilla, pementos similares aos do piquillo e un par de salsas para untar no pan de pita, o pan típico de Turquía. Pero o prato estrela foi o Testi Kebap ou pottery kebab (en inglés) típico da rexión da Capadoccia. Consiste nunha especie de pote de barro selado cunha tapa, que ven directamente do forno á mesa e que hai que romper cun pequeno martelo para poder degustar o seu contido.

Pedimos un de polo e outro de tenreira, e ambos estaban para relamerse. A carne misturada coas verduras e a salsa, cociñada a fuego lento dentro do pote colle un sabor xenuino e único. Para pechar unha velada fantástica, a muller de Kader ofreceunos un postre caseiro riquísimo, unha especie de pastita esponxosa e bañada en caramelo. O sabor da auténtica comida turca no corazón deste extenso país. Para rematar a velada, sobremesa e té na mesa da terraza, e durmir nunha cova, toda unha experiencia máis que recomendable.

Impresionante panorámica do val desde o mirador

Impresionante panorámica do val desde o mirador que vai a Ürgup

Xoves 24 de abril de 2014. Se durmir na cova foi gratificante, máis o foi amencer. Un espertar calmo, sen ruídos, coa luz da mañá entrando polas contras e cun almorzo delicioso ao aire libre, embaucados aínda polas vistas salvaxes de Göreme. Ademais ese día foi o primeiro que Kader e a súa muller (sinto non recordar o seu nome) se animaban a facer un almorzo tipo buffet, co cal poidemos servirnos ao noso gusto e probar novos productos turcos. As laranxas turcas son unha delicia, tanto nos postos da rúa de Estambul, onde che exprimen un zumo de laranxa doce e exquisito por menos de cincuenta céntimos, como na Capadoccia, onde segundo nos explicou Kader, almacenan as laranxas en covas manténdoas frescas todo o ano.

E así deu comezo o noso tour propio pola Capadoccia. Mapa en man e seguindo as recomendacións de Kader, lanzámonos a descubrir as paraxes hinóspitas destre tremendo val, coñecido tamén como a terra dos cabalos belos (iso significa Capadoccia, ou máis ben Katpadukya), cabalos que antaño eran utilizados como regalo e ofrenda aos reis.

Chimeneas de fadas

As famosas chimeneas de fadas da Capadoccia

A primeira parada da nosa ruta foi un mirador con vistas coma as que vedes na foto de arriba, camiño do pobo de Ürgüp. Este pequeno pobo, similar a Göreme, foi unha das nosas primeiras opcións para hospedarnos, pero descubrimos que era moito máis turístico que Göreme, invadido por hoteis e atractivos artificias para os visitantes. Göreme resultou ser máis auténtico. Despois de Ürgüp dirxímonos a Mustafapasa, unha curiosa vila con historia propia.

Moita máis pequena, Mustafapasa foi coñecida no seu tempo como Sinasos, na época do imperio otomano. Era un pobo cunha poboación mixta, metade cristiá (gregos e turcos) e metade musulmana (o resto dos turcos), pero a comezos do século XX houbo un acordo por razóns relixiosas entre os gobernos grego e turco, polo cal a poboación cristiá de orixe grego foi expulsada a Grecia, a cambio de traer aos musulmáns turcos que vivían en Grecia de volta ao país. En Mustafapasa erixiuse unha fermosa capela en recordo da convivencia pacífica que por aquel entón tiveron os gregos e turcos, independemente da súa relixión. Coma sempre, o binomio relixión e política acabou por escarallar o asunto.

A igrexa de Mustafapasa

A igrexa antiga de Mustafapasa

Despois de visitar Ürgup e Mustafapasa seguimos a ruta polo extenso val da zona, parándonos de vez en cando a desfrutar das chimeneas, igrexas, rochas erosionadas de diversas formas, etc., e tamén o Damsa Dam, un fermoso lago rodeado dunha zona boscosa que chamaba a atención no medio dunha paisaxe seca e case desértica.  A nosa seguinte parada foi o mosteiro Keslik, construído en rocha volcánica na época bizantina. Consta de dúas igrexas, un refrectorio e restos de frescos apenas visibles nas paredes. Polo módico prezo de 5 liras turcas, menos de dous euros, poidemos visitar o interior e desfrutar un té de mazá feito na “tetera” artesanal da foto de máis abaixo.

Se a mañá de tour pola nosa conta xa compensou o alquiler do coche, a tarde aínda máis, pois gracias a él poidemos desfrutar das mellores vistas e experiencias sensoriais da Capadoccia: a Göreme Panorama e o Göreme Sunset Point. Calquera das dúas panorámicas deixounos sen palabras. No Sunset Point, anunciado coma “o mellor amencer do mundo”, estivemos máis un par de horas sentados sen apenas dicir nada, simplemente empapándonos da sensación de paz e inmensidade que transmite este val, unha especie de Cañón do Colorado cun estilo e unha paisaxe propias. Tumbados nos asentos habilitados para desfrutar das vistas, sumerxímonos nunha fusión de cores, formas e figuras espectacular.

Unha das vistas máis relaxantes e inspiradoras que vimos na Capadoccia

Unha das vistas máis relaxantes e inspiradoras que vimos na Capadoccia

Algo semellante nos pasou no Göreme Panorama, un mirador enorme desde onde se poden contemplar as magníficas vistas do pobo de Göreme e a profundidade de todo o val. Ao fondo, nun lado o impoñente Sunset Point, e do outro lado, a colina de Uchisar, unha pequena vila pronunciada que resulta ser o punto máis alto da Capadoccia. Alí rematamos o noso tour vendo o castelo romano, cuias habitacións e salas están todas conectadas por túneis e pasadizos; e alucinando coas covas e vivendas amontonadas unhas enriba das outras.

Uchisar coas súas figuras incribles

Uchisar coas súas figuras incribles

Marchamos da Capadoccia convencidos de que a viaxe ata alí merecera moitísimo a pena, moi satisfeitos, seguros tamén de que houbéramos aproveitado tamén un terceiro día na rexión. ¡Pero non se pode ter todo! Tras recoller as cousas, devolver o coche e mercar té de mazá, collemos o bus nocturno cara Pamukkale, o noso próximo destino. A única nota negativa deuse tras subir ao autobús, cando nos demos conta de que perdéramos a tarxeta SD coas fotos todas da nosa primeira estancia en Estambul. Por sorte, á volta de Pamukkale íamos poder quitar o mal sabor de boca volvendo a Estambu. Pero antes, ¡imos ás termas!

Venres 25 de abril de 2014. Chegamos a Pamukkale sobre as 6 da madrugada. Non tiñamos opción de chegar a outra hora, pois desde Göreme só hai un bus ao día, á tarde-noite. A chegada ao pobo foi surrealista, coma moitos dos episodios que nos ocorreron alí. Tras nove ou dez horas de viaxe, o bus deixounos a nós e a outro grupo de 4-5 persoas no medio dunha estrada perdida, onde nos agardaba unha furgo para transportarnos ao pobo de Pamukkale, a uns 15 minutos dalí. Ao parecer, todo o grupo tiña reservado ese servizo de transporte menos nós, pois o conductor tiña unha lista de nomes na que os únicos que non aparecían eran os nosos. Ninguén se estrañou, así que subimos co resto e alá nos levaron a Pamukkale.

A furgo deixounos a todos nun hotel cutre no medio do poblado, rexentado por un vividor vestido ao estilo chulo de praia, con bermudas, chanclas y a lo loco, pitillo en man e pelo canoso engominado patrás, capaz de venderche a súa nai e de regatear a Piqué e a Sergio Ramos en menos de medio metro e sen despeinarse. Un figura. Ao principio todo amabilidades. Deixade aquí as cousas, tomade esta pulsera de regalo, tomade un té, un café, o que queirades. Estivemos algo máis dunha hora alí, pois o noso hotel non abría ata as 7:30. Pouco a pouco o noso chulo de praia foise animando e lanzouse a vendernos os packs de actividades e tours dispoñibles en Pamukkale e parte do estranxeiro.

Pamukkale, o "castelo de algodón"

O impoñente “castelo de algodón” de Pamukkale

Como xa estabamos espantados do tour de Göreme, rexeitamos a súa oferta, pois o noso hotel estaba situado moi preto das termas de Pamukkale e da antiga cidade helenística de Hierápolis. Non necesitábamos nin transporte nin guía. O noso amigo ofreceunos tamén un par de visitas a puntos turísticos cercanos ao pobo, pero a nosa idea era adicar o día enteiro a desfrutar das augas termais. Para rizar o rizo, o chulo de praia quíxonos vender un salto en parapente desde o alto mismo da colina onde se formaron as termas. Primeiro costaba 100 euros e só se podía facer ás 10:00 e ás 13:00 horas por mor do vento. Ao mostrar un mínimo de interese, o prezo cambiou a 60 euros e de repente xa se podía facer tamén ás 3 da tarde. Pasamos, pois non nos deu ningunha confianza o tipo.

O home tratou de facer o mesmo cunha chica arxentina que viaxaba sola, pero tras mareala durante un anaco a chica arrancou e deixouno alí cos seus tours e as súas ofertas. A nós recolleunos a xente do noso hotel preto das 8, e tras deixar as cousas e almorzar, sobre as 9 da mañá xa arrancamos para o “castelo de algodón”, significado de Pamukkale en turco. Imaxinade unha montaña xigante toda de cor branco, pero non pola neve, senón pola acumulación de minerais (bicarbonato, calcio) na zona. Impresionante. 

Travertinas abertas ao baño

Travertinas abertas ao baño

Esta acumulación de minerais deu lugar ás travertinas, unha sorte de pozas semicirculares e escalonadas que descenden desde o alto da colina ata a base, acollendo a agua que cae desde o alto e que se vai acumulando nelas. No medio, curiosas estalacticas de pedra caliza unen as pozas unhas coas outras. Fómonos bañando en cada unha delas con calma, desfrutando o baño e o ambiente relaxado e tranquilo de primeira hora da mañá.

Sorprendeunos que moita xente viñese só para ver as travertinas pero non para bañarse nelas. Tamén nos chamou a atención que moitos paseaban entre este fenómeno natural coma se nada, sen apenas deterse en contempla-lo, coma se en realidade non estivesen ante unha maravilla case única no mundo, Patrimonio da UNESCO desde 1988. Só hai 4 asentamentos termais similares por todo o mundo, como para non deterse!!!. 

As travertinas en cascada, que pasada!!

As travertinas en cascada, que pasada!!

Ao mediodía, tras darnos unha boa sesión de baños termais, chegamos ao alto da colina, xa copada pola presenza de moitos máis turistas. Sentamos ao sol nas rochas e cando nos demos conta da cor vermello camarón que estábamos collendo, fomos comer á sombra. Paseamos por entre as ruinas de Hierápolis, o teatro e os baños romanos, e botamoslle un ollo ás travertinas da parte superior, pechadas ao baño. Atopámonos cun par de noivos que facían o seu book de fotos de voda en tremendo paraxe, e tras un último chapuzón nas travertinas colina abaixo, voltamos ao hotel.

A remollo nas termas

A remollo nas termas, qué gusto!

Se tivésemos que escoller entre Capadoccia e Pamukkale non saberíamos, ambos sitios son distintos e ofrecen unha paisaxe espectacular e descoñecida, pero o que máis apreciamos e desfrutamos nos dous lugares foi a paz e a tranquilidade que transmiten estas maravillas naturais. Ambos sitios son totalmente recomendables, imprescindibles para aqueles que queiran ir a Turquía. Nunca vira algo tan impresionante e diferente. Sen palabras.

Sábado 26 de abril de 2014. Queimados vivos, sí, pero máis que satisfeitos, erguémonos ben cedo para ir ao aeroporto de Denizli, a uns 45 minutos en coche. Resultou ser o aeroporto máis pequeno que vin nunca. Era un cuarto do antigo de Lavacolla, máis pequeno aínda que o de Vigo! A entrada era a zona de control de equipaxes e ao outro lado do pasillo estaba a zona para embarcar. Desde o frontal da porta de embarque xa vías os avións en fila, pode que incluso fose o único aeroporto do mundo sen escaleiras!

O máis surrealista pasounos xa no avión de volta a Estambul. Xusto antes de arrancar puxeron un vídeo no que unhas azafatas da compañía que nos levaba, Pegasus Airlines, explicaban as típicas recomendacións de seguridade bailando ao ritmo dunha canción típica turca. Para que vos fagades unha idea, imaxinádevos a Ana Obregón explicando cómo suxeitar o cinto e tirar do chaleco salvavidadas mentres baila un flamenco acompañada das azafatas de Noche de Fiesta. Turquía is different.

Back to the city!

Back to the city!

De volta xa en Estambul, o sábado adicámolo prácticamente ás últimas compras e a volver por algún dos sitios nos que xa estivéramos, sobre todo para facer algunhas fotos de recordo, pois perdéramos en Göreme as dos primeiros días. A miña nai compreille no Gran Bazar uns pendentes moi bonitos para o Día da Nai, tras negociar un bo anaco co vendedor, que falaba español de maravilla.

Domingo, 27 de abril de 2014. O domingo preparámonos para facer un cruceiro polo Bósforo, un percorrido dunha hora e media aproximadamente saíndo do Corno de Ouro e pasando pola primeira ponte construída sobre o Bósforo (Boğaziçi Köprüsü). Durante o cruceiro poidemos botarlle un ollo ao lado asiático, e descubrimos que as casas e a evolución da cidade neste lado foi menos masificada e menos caótica que no lado europeo. Tamén nos gustou moito a Fortaleza de Rumeli Hisari, situada máis alá da ponte do Sultán Mehmet.

Metal para Giris!!!!!

Metal para Giris!!!!! Yeaaah!!

A última anécdota divertida que nos deixou Estambul foi na parada do tranvía. Cando fomos a recargar a tarxeta de transporte, a ranura para introducir as moedas tiña a seguinte inscripción: “metal para girisi”. Alá empezamos a facer o paiaso co xesto típico dos metaleros, erguendo a man cos dedos índice e meñique estirados e os outros dobrados. Un par de giris rockeros perdidos por Estambul. Evidentemente, tanto giris como girisi significan “entrada”, ¡o que nos indicaba a inscripción era por onde había que meter as moedas!

Luns, 28 de abril de 2014. E como todo o bo se acaba, a nosa estupenda viaxe por Turquía tamén. Non sen as últimas anécdotas da viaxe. No aeroporto de Estambul, igual que á ida, levamos un bo susto, pois o voo non saíu á hora. Aterrizamos en Münich ás 17:35 e o noso avión destino Leipzig saía ás 17:50. Por sorte, neses 25 minutos metéronnos nun minubus con outros dous pasaxeiros, cambiamos de terminal, fixéronnos pasar un control de pasaporte privado, leváronnos ata a porta do avión… e aínda nos sobraron cinco minutos. Ata entramos de primeiros. ¡Chapó por Lufthansa!

A última sorpresa foi ao chegar a Leipzig. Fomos recoller as maletas e só había unha. Preguntamos e ao parecer, a segunda non dera entrado a tempo no enlace. No stand de Lufthansa xa tiñan constancia delo e ao día seguinte trouxéronma directamente ao traballo. Un servizo exemplar. Por suposto, o bus de Leipzig a Dresden saíu tamén con máis de media hora de retraso, ¡non ía ser menos! Contratempos que recordamos con agarimo, ao igual que esta maravillosa viaxe que nos levou a descubrir un país sorprendente, con paisaxes idílicas e unha xente simpática e amable. Sin duda unha das experiencias máis completas e enriquecedoras que tiven a sorte de vivir. ¡E as que virán! 

“El mundo es un libro y aquellos que no viajan, tan sólo leen una página”

“El mundo es un libro y aquellos que no viajan, tan sólo leen una página”

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

1 Comment

Got anything to say? Go ahead and leave a comment!