Esta sorprendente novela engancha desde o inicio, guiada por dous protagonistas fóra do común e unha historia orixinal e cargada de xiros.
Este verán descubrín a Sandrone Dazieri. Sentinme atraído pola trama de “No está solo” nada máis ler a sinopse e non me decepcionou. Cun ritmo trepidante, un arranque de novela negra que se acaba pasando ao thriller e unha atractiva dupla de personaxes atormentados -dun xeito nada habitual-, formada por Colomba Caselli e Dante Torre; “No está solo” engancha de principio a fin. Está claro que a novela conta con elementos que rozan a inverosimilitude, e por momentos a trama semella demasiado enrevesada, pero a súa axilidade e orixinalidade convértena nunha lectura fenomenal para as vacacións de verán.
Nunha época na que estamos acostumados á espectacularización das series de televisión e dos filmes, resulta aceptable e incluso crible que nunha novela deste tipo se introduzcan elementos un tanto esaxerados. En ocasións os capítulos de “No está solo” recordan a unha desas series que non podes deixar de ver durante horas e horas nunha fin de semana calquera de inverno. Son incontables os capítulos que acaban cun xiro impredecible que che impide parar de ler.
Uns protagonistas atípicos
Bombas, asasinatos misteriosos, secuestros e misións científicas secretas configuran un thriller distinto, áxil e espectacular, con todo o bo e malo que ese termo implica. Unha última sorpresa final abre o camiño dunha continuación (“El Ángel”), xa no meu poder, da que espero dar conta próximamente. “No está solo” é sen dúbida unha novela entretida e recomendable. Perfecta para engancharse a ela durante as vacacións.
Engadido: o éxito da saga continúa coa terceira entrega, “El Rey”, que pecha a triloxía adicada á curiosa parella formada por Colomba Caselli e Dante Torre. Outra recomendación para engancharse á lectura durante as vacacións de Nadal.
FICHA TÉCNICA
Título
No Está Solo
Autor
Sandrone Dazieri (tradución de Xavier González)
Ano
2.015
Editorial
Debolsillo
Data
2.017
O mellor
A dupla formada por Colomba e Dante
O peor
A trama roza por momentos a inverosimilitude
A miña nota
8/10
Mercar No Está Solo
4 comments