El Rey

El Rey, de Sandrone Dazieri (2018)

Sandrone Dazieri puxo con “El Rey” punto e final (quizais a parte?) á triloxía protagonizada por Colomba Caselli e Dante Torre cunha terceira entrega cos mesmos ingredientes que as anteriores: acción, orixinalidade na trama e unha dosis de inverosimilitude propia das series de televisión da era Netflix.

En 2018 Sandrone Dazieri rematou a triloxía iniciada coa sorprendente “No Está Solo” (2015) e coa continuación “El Ángel” (2016), thrillers que presentan a unha das parellas máis orixinais da novela negra europea dos últimos anos. Colomba Caselli e Dante Torre son o equivalente italiano de Antonia Scott e Jon Gutiérrez, ou máis ben ao revés, xa que Juan Gómez-Jurado iniciou en 2018 a súa triloxía Reina Roja, que pronto verá a luz como serie de televisión da plataforma Amazon Prime.

En ambas parellas atopamos certas similitudes. Antonia e Dante son uns xenios atormentados polo seu pasado, o cal sempre atopa o seu camiño de volta para seguilos torturando emocionalmente. Ningún dos dous forma parte do corpo policial como tal, se non máis ben como colaboradores estrela. Por suposto,o seu inxenio é clave para resolver a trama.

Jon e Colomba, en cambio, son os representantes das forzas da orde, brutas e executoras, con moi bo corazón aínda que ás veces lles xogue malas pasadas a ambos. Os dous teñen que aprender a convivir coas manías de Antonia e Dante, os cales precisan da parella para funcionar plenamente e resolver os problemas aos que se enfrontan.

Ambas parellas de investigadores son, sen dúbida, do mellorciño que deu a novela negra europea recentemente.

El Rey

Sandrone Dazieri
Sandrone Dazieri

Aparentemente, El Rey continúa directamente onde remata a segunda novela da saga. Digo aparentemente, porque só os primeiros paragrafos lembran brevemente o incidente final de “El Ángel”. Despois, a trama continúa un ano e medios despois daqueles feitos.

No seu retiro montañoso e mentres cura as súas feridas físicas e mentais, Colomba atópase en plena nevada cun neno autista cuberto de sangue. As dúbidas sobre se o rapaz asesinou aos seus pais ou non acaban arrastrando a Colomba nunha nova investigación que a leva a onde inevitablemente debe ir: tralos pasos de Dante.

A figura de El Padre, tan presente no pasado de Dante nas novelas anteriores, reaparece en El Rey traendo respostas, dúbidas e novos interrogantes para o atormentado protagonista. Coa axuda de Colomba, a dupla de investigadores pecha a trama da triloxía cun interesante xiro como broche final.

Ao igual que as súas predecesoras, a última entrega da triloxía presenta un ritmo trepidante, unha trama enrevesada pero eficaz e unha dosis tolerable de inverosimilitude. Sandrone Dazieri sempre é unha boa recomendación para as tardes de verán.

FICHA TÉCNICA


Título

El Rey


Autor

Sandrone Dazieri (tradución de F. Javier González)


Ano

2.018


Edición

Primeira edición (en castelán)


Editorial

Debolsillo


Data

2.021


O mellor

Unha triloxía moi entretida, amena e orixinal


O peor

Unha trama por momentos enrevesada e inverosímil


A miña nota

7/10


Mercar El Rey
portada El Rey
Portada de "El Rey"

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *