O cazador de mentes do FBI, John Douglas, e mailo seu compañeiro de letras Mark Olshaker, volven cunha nova entrega das súas entrevistas e análise de catro asasinos en serie, protagonistas de “Con el asesino enfrente”.


Fai pouco máis dun ano que vos falaba de “Mindhunter“, obra que estes dous autores lanzaron en 1995 e que inspirou a famosa serie homónima da plataforma Netflix. John Douglas, pioneiro na análise do comportamento no FBI e encargado da Unidade de Apoio á Investigación da axencia estadounidense durante moitos anos, presenta en “Con el asesino enfrente” catro casos singulares de asasinos en serie cuxos comportamentos criminais teñen a súa orixe en detonantes do máis diverso.
A obra, escrita no 2019 e traducida ao castelán en 2021, entra na mente perturbada e asasina de Joseph McGowan, un profesor causante do asasinato impulsivo e violación da nena Joan D’Alessandro, veciña súa; Joseph Kondro, causante da morte e violación de cando menos tres rapaciñas que o consideraban case da familia; Donald Harvey, un enfermeiro letal culpable do falecemento repentino de máis de 80 pacientes en distintos hospitais americanos; e Todd Kohlhepp, quizais o asasino máis complexo dos catro e o que mellor entendía a súa propia natureza criminal.
Unha coincidencia casual
Souben da existencia de “Con el asesino enfrente” de casualidade, este verán en Lugo, trala lectura ante o tribunal da primeira parte do exame das oposicións a profesor de secundaria nas que estaba participando. Entre as novidades da librería atopábase este exemplar que non podía deixar escapar.
Teño pendente unha nova visita a Lugo para mercar outro libro, xa que un par de semanas despois de mercar “Con el asesino enfrente”, vin nunha das casetas da Feira do Libro Antigo e de Ocasión unha fantástica edición de “El Quijote de la Mancha”, precisamente un dos temas que tiven que defender ante o tribunal aquela tarde de xullo. Quedeime coas ganas de preguntar o prezo dese exemplar que representaba mellor que nada o valor do adxectivo quijotesco, pois ademais de contar cunhas ilustracións moi fermosas, tiña un tamaño e un peso que superaba con creces o volume dos meus apuntes de opositor. Terei que voltar de novo.
Edición e lectura
Ao contrario da pobre edición de Mindhunter, a cargo da Editorial Crítica, a edición de Harper Collins de “Con el asesino enfrente” está moito máis coidada. A pesar de non contar con imaxes, non contén erros de impresión e a tradución está moito máis traballada. A portada tamén é moito máis suxerente e non se sirve do tirón de Netflix para comercializar o libro.
A lectura desta obra faise moi amena, a pesares do tétrico do tema, xa que está dividida en catro bloques, un adicado a cada un dos asasinos arriba mencionados. Entremedias, John Douglas aproveita para ir relacionando as dinámicas de comportamento criminal destes depredadores sexuais con outros asasinos ou casos semellantes, establecendo paralelismos e diferencias entre os modos de actuar e razoar de cada suxeito.
O “cazador de mentes” que inspirou a personaxe de John Crawford na película “El Silencio de los Corderos” ofrece unha nova clase maxistral de psicoloxía criminal. Para que vos fagades unha idea do estilo de John Douglas ao enfrontarse cun asasino en serie, aquí vos deixo dúas reportaxes que fixo para a cadea de televisión MSNBC sobre Joseph Kondro e Donald Harvey, que tamén aparecen mencionadas no libro.
Se aínda non vistes a serie Mindhunter de Netflix, anímovos encarecidamente a que o fagades, xa que a recreación que fai das técnicas interrogativas de John Douglas é moi fiel ao retrato que o ex-axente do FBI relata nos seus libros. Sen dúbida unha excelente opción para regalar este Nadal aos amantes do true crime.
FICHA TÉCNICA
Título
Con el asesino enfrente
Autor
J. Douglas e M. Olshaker (tradución de Sonia Figueroa)
Ano
2.019
Edición
Primeira edición (en castelán)
Editorial
Harper Collins Ibérica
Data
2.021
O mellor
A exhaustiva análise do comportamento de catro depredadores sexuais
O peor
Pensar no pobre destino das vítimas destes asasinos
A miña nota
7.5/10
Mercar Con el asesino enfrente