Track 27: Tubular Bells

O operativo para atrapar ao asasino estaba listo. Unha patrulla da Policía Nacional acompañaría ao inspector Torreira ao domicilio de Miguel Fuentes. Varela e os seus axentes encargaríanse de Xaime Silveira, e a Policía Local de Padrón, de Alfonso Sánchez. As ordes eran claras: localizar e deter aos sospeitosos, a poder ser, dunha peza. Mentres, Antón permanecería de garda na comisaría co axente Lemos.

Torreira foi o primeiro en chegar. Nin rastro de Fuentes. Os veciños levaban días sen velo e a súa nai, unha anciá duns 90 anos, dicía que era normal que o seu Migueliño faltase da casa durante semanas sen dar explicacións. ¿Estaría xa baixo as fauces do asasino ou sería él o monstro ao que buscaban? Torreira deixou á patrulla vixiando e tomou rumbo ao domicilio de Xaime Silveira, nas aforas de Santiago.

De camiño, Torreira estrañouse de non ter noticias de Varela. Ao pouco soou o teléfono. En Padrón sí que había novas. Os axentes atoparan o cadáver de Alfonso Sánchez colgado do teito do seu salón. Fora unha morte limpa. Sen mensaxes. Sen firma. O suicidio do pervertido sexual, libreiro e outrora profesor de educación física, parecía real.

Torreira pensou que quizais decidira quitarse a vida tras recibir a citación. O medo a enfrontarse ao pasado puidera con él. O inspector non puido evitar sentir unha punzada de rabia. Quería encerralos a todos por destrozar a infancia de Iolanda López. Que pagasen por elo en vida. A morte era demasiado premio para aqueles miserables. Agora só quedaban dous.

Cando o inspector aparcou fronte á vivenda unifamiliar de Silveira, viu a Varela diante da porta, axitado, co teléfono pegado á orella esquerda. Éste reparou en Torreira, gardou o móbil e achegouse con urxencia.

– ¡Xusto ía chamalo outra vez! Antes deume sinal de ocupado. Temos outra vítima.

– Seino -asentiu Torreira-, xa me chamaron polo suicidio de Alfonso Sánchez.

– ¿Suicidio? Non estaba informado, señor… eu faláballe de Xaime Silveira, atopamos o seu cadáver. Un momento, ¿entón…? -Varela mirouno contrariado, atando cabos.

– Sí. Fuentes é o asasino -confirmou Torreira-. Deixei á patrulla vixiando a casa por se volve, só estaba a nai. Leva varios días sen aparecer por alí. Vexamos ese cadáver, a ver se nos da algunha pista sobre o seu paradoiro.

Desta vez Miguel Fuentes esmerárase coa decoración. Unha vinganza de tal calibre merecía un escenario do crime á altura das circunstancias. O corpo espido de Xaime Silveira xacía boca abaixo na cama do seu dormitorio, coa cara de lado. Da boca sobresaíalle o seu propio pene, que o asasino probablemente lle extirpara antes de acabar coa súa vida. No lombo tiña pintada a cara satánica de expresión triunfal que xa coñecían.

A firma do asasino, pintada con sangue sobre o cabeceiro da cama, era máis visible que nunca. Debuxado ao seu carón, Torreira recoñeceu o símbolo do Zoso que lle ensinara Antón na portada daquel disco de Led Zeppelin. O cuadro sádico estaba completado polo 666, o número do diaño; e pola mensaxe do asasino: It’s been a long time. Pasou moito tempo.

Enriba da cama había varios obxectos: unha Biblia e un crucifixo, salpicados con restos de sangue; e un taboleiro de Ouija co número catro rodeado de sangue: a cuarta vítima. No alfabeto tallado na táboa de madeira, tamén había varias letras destacadas: CEIMORSX.

Torreira ordeounas ata formar a palabra inglesa EXORCISM. Non precisou a traducción de Varela para saber o que significaba.

Jimmy Zoso invocara ao demo para exorcizar a Xaime Silveira.

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *