Nov 23, 2010 - Caixón Desastre    No Comments

Xan Solo continúa presentando “Un home, un escenario”

Despois do éxito colleitado o pasado día 28 de outubro no concerto de presentación do seu primeiro disco en directo, “Un home, un escenario”, Xan Solo continúa coa promoción do seu traballo na capital galega. O vindeiro xoves actuará no Bar Medusa de Santiago de Compostela ás 22:30 horas.

Xan Solo continua levando a súa música a tódolos recunchos da capital galega. Desta volta, a presentación de “Un home, un escenario” trasládase ao Bar Medusa, en Compostela, a carón do antigo Conservatorio da cidade (en Casas Reais). Trátase dun local intimista, acolledor… perfecto para a posta en escea de Xan Solo.

Neste concerto, Xan presentará os temas do seu primeiro disco en directo e dos seus dous anteriores traballos, “Cancións informais” e “Un lánguido poema arde”. Ademais, o concerto no Medusa servirá para traer algún novo tema e máis historias musicadas que o maxín creativo de Xan segue a parir de pouco en pouco.

Como é habitual en cada espectáculo de Xan Solo, a ironía, o sarcasmo e o humor están garantizadas nunha montaxe musico-teatral que pouco a pouco vai collendo adeptos polos arredores de Compostela e por diversos puntos da xeografía española. Na edición de “Un home, un escenario”, colaborou Xusto Lera, que ademais de encargarse da posproducción do CD, participa en varios temas deste disco.

A estrea

“Un home, un escenario” foi grabado o pasado mes de maio na Sala Rinconete de Madrid e a súa presentación oficial tivo lugar o 28 de outubro no Café Bar “As Dúas”, de Santiago. Xan Solo encheu tanto o escenario, coa súa perfecta escenografía e interacción co público; coma o local, que se abarrotou para desfrutar da nova experiencia en vivo de Xan Solo.

Podes coñecer máis acerca de Xan Solo no seu blog http://xansolo.blogspot.com.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

Got anything to say? Go ahead and leave a comment!