Track 5: Die to Live

Aínda cabreado pola intromisión de Antón no seu despacho, o inspector Torreira colleu o teléfono e chamou ao axente Varela. Cando éste estivo de volta, pediulle desculpas pola interrupción e instouno a que repasasen de novo os detalles do asasinato:

– Claro, señor -dixo Varela mentres tomaba asento-. ¿Vai todo ben? O rapaz parecía moi nervioso e excitado cando entrou.

– Sí, sí. Non te preocupes. Un problema menos -sinalou Torreira, satisfeito. Por fin se librara de Antón. Agora só tería que apaciguar a Sara-. ¿Por onde iamos?

– Polos resultados da autopsia de Remedios Castro.

– Ah, sí. Non o podo entender. ¿Cómo puido morrer envelenada? Ti viches o corpo desfeito e cheo de cortes tan ben coma min.

– Así é, e non mo dou quitado da cabeza. Pero a autopsia é clara a este respecto. Causa da morte: envelenamento por arsénico -leu Varela-. O forense atopou restos desta substancia entre os beizos destrozados de Remedios. Ao parecer, antes de desfigurala, o asasino fixo que enxerise a cantidade suficiente de arsénico para non matala ao instante, pero sí para que a súa agonía se prolongase arredor duns 30 minutos.

– Meu Deus, ¡qué barbaridade!

– E non só iso -proseguiu Varela-. A autopsia revela que todas as feridas foron producidas con anterioridade á morte da vítima. É dicir, mentres Remedios agonizaba coas náuseas e vómitos provocados pola intoxicación por arsénico, o asasino cortoulle os beizos a coitelazo limpo, reventoulle a boca do estómago ata que botou as entrañas fóra, e untouna con sangue de arriba abaixo.

– Pero foi o arsénico o que provocou e acelerou a súa morte.

– Sí. A vítima acabaría morrendo igual das feridas que tiña, pero por algunha razón o asasino quería que morrese envelenada. Tíñao todo controlado.

– Quizais non quería prolongar demasiado a súa agonía para poder marchar do escenario do crime canto antes.

– Pode ser, pero se así fose, ¿por qué entreterse en cubrila de sangue, esparcir os restos de vómito pola parede e deixarnos unha mensaxe? ¡Non o entendo!

– You are poison -lembrou Torreira.

– En galego, “es veleno” -traduciu Varela.

– ¿Referiráse á vítima?

– Iso parece. Está comparando a Remedios co veleno.

– Entón -continuou Torreira-, sostés que o asasino tiña planeado envelenala pero sen embargo non a matou instantáneamente senón que se recreou en destrozala durante media hora. Como si se quedase a medio camiño entre unha morte súbita e unha morte lenta e dolorosa. ¿Non sí? -Varela asentiu coa cabeza-. E non deixou nin a primeira pegada dactilar. Isto non hai por onde collelo…

– Totalmente de acordo.

– E outra cousa ¿por qué nos escribiu en inglés?

– Unha maniobra de distracción. Igual que a firma, Jimmy Zoso. Non é un nome común, ten que ser un seudónimo. A súa intención é que perdamos o tempo investigándoo.

– Pero temos que facelo, non vaia ser o demo. Encárgate ti -ordeou Torreira.

– Por suposto.

– E quédanos a cadea, ¿non?

– Así é, a cadea -continuou o axente-, que non deixou marcas no cadáver, o cal indica que foi colocada despois da morte da vítima. Isto tampouco o entendo, estamos outra vez na mesma. Se o asasino quixese prolongar a agonía da súa presa, entendo que a deixase colgada e que a deixase morrer desangrada lentamente. Pero se esa fose a sua intención, volvemos á pregunta de sempre, ¿por qué envelenala entón? ¡É unha contradicción!

– Estamos coma o principio, Varela. ¡Non temos nada! -suspirou Torreira. Por primeira vez en moitos anos, non levaba a iniciativa dun caso. Estaba superado polas circunstancias.

 

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *