Track 3: Can You Hear Me?

Se había un asasino solto por Santiago, non ía ser él quen fose para a casa sen máis. Estaba aínda enrabietado e impactado a partes iguais tralo seu breve encontro co inspector Torreira. Enrabietado pola súa negativa a atendelo naquel intre, e impactado pola exclusiva que lle acababa de dar.

Entendía os motivos do inspector para suspender a súa cita con él, pero estaba ansioso por saír dos corredores da Facultade e exercer dunha vez. Quería ser xornalista de verdade e escribir unha historia real, e non un deses casos ficticios que lles asignaban nas clases de redacción. Agora tiña diante dos fociños a oportunidade da súa vida. E tiña que aproveitala.

Se o inspector Torreira non podía atendelo, xa o faría. De momento non dependía del como fonte principal para desenvolver a historia. Tiña que investigar pola súa conta e acudir ao xefe da Policía só cando o necesitase. Sen molestar nin preguntar demasiado, tal e como él mesmo lle pedira. Eres un xenio, Antonciño.

O primeiro era descubrir quén era a vítima e saber cómo e onde fora asasinada. Pero para iso precisaba ao pai de Sara. Pois ben pronto que tes que recorrer a él. Igual non é tan sinxelo isto de investigar por conta propia. Non podía renderse xa. Non sen antes probar sorte. Tiña unha idea.

Entrou na comisaría e díxolle ao recepcionista que a cita das cinco do inspector Torreira acababa de chegar. O recepcionista examinouno de arriba abaixo mentres Antón localizaba coa vista o despacho do inspector. Cun sorriso, atreveuse a vacilalo:

– Son amigo da súa filla, non matei a ninguén. Se lle parece agardarei ao inspector alí -dixo sinalando unhas cadeiras ao lado do despacho. O recepcionista, aínda sorprendido pola espabilación do rapaz, asentiu contrariado.

Púxose de costas ao despacho, pegado á parede, coa esperanza de oír o que ocorría no interior. O inspector tiña un ton de voz alto, inconfundible. Con él había cando menos unha persoa máis, pero o seu ton era moito máis feble. Puxo a orella e sacou o caderno de notas con discreción. Cando o fixo, notou cómo lle tremía a man. Estaba suando.

Só foi capaz de anotar impresións soltas, pois quen levaba o peso da conversa era o acompañante do inspector, de voz case inaudible. Semellaba que estaba recapitulando a información que recollera no escenario do crime. O inspector apenas interrompía ao seu interlocutor. Tras cinco minutos de esforzo auditivo, Antón mirou o caderno e examinou os conceptos que anotara con letra de médico: muller rubia, destrozada, barbarie sen precedentes, sangue e vómito, cadea arredor…

Pouca información pero bastante concreta. En cinco minutos descubrira que a vítima era unha muller loira que fora atada a algún sitio cunha cadea. Supoñía que o cadáver fora destrozado polo asasino e que nel se atoparan restos de sangue misturados con vómito. Para ser un debutante non está nada mal. Volveu a poñer a orella.

Agora era o inspector xefe quen tomara a iniciativa. A él podía sacarlle case todo o que dicía:

– Gracias Varela… moi preocupante… tal cousa vin… O asasino quixera dicir… pero non acabo de entender… Jimmy Zoso. ¿Qué carallo de nome é ese?

Antón rematou de anotar o que dicía Torreira e cavilou un intre. Jimmy Zoso. Semellaba que o asasino deixara unha firma no lugar do crime e, salvo que fora estranxeiro, utilizaba un seudónimo. Jimmy Zoso… ¿Por qué tiña a impresión de qué ese nome lle dicía algo?

¡Claro! ¡Xa o tiña! Estaba excitado. Debía falar co inspector Torreira canto antes. ¡Tiña unha pista para dar co asasino!

https://youtu.be/lHFkU7Ay5V0

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *