Track 29: A Night at the Opera

Sara en mans do asasino. A soa idea de pensar no que lle podía facer era terrible. Antón cerrou os ollos con forza e pediulle a todos eses santos nos que non cría que ese monstro non a tocase, que a deixase vivir. Ao outro lado do teléfono, Torreira lanzaba xuramentos dirixidos con toda seguridade aos mesmos santos aos que Antón lles pedía axuda. En cuestión de segundos, o inspector ía ter que cambiar o destinatario dos seus xuramentos.

– É culpa miña, señor -xa non tiña sentido manter a promesa con Sara.

– ¿Qué carallo dis?

– O outro día Sara acompañoume ao convento para falar coa monxa. Díxenlle que non podía vir, pero insistiu e pediume que non lle dixera nada. Foi ela quen lle sacou á clarisa que Señarís tivera un incidente con varios alumnos no pasado.

– Eu a ti mátote -o inspector estaba furioso-. Como ese fillo de puta lle toque un pelo á miña filla, asegurareime de arruinarche a carreira e facerche a vida imposible.

– Señor, non sabemos con seguridade se o asasino nos seguiu aquel día como fixo con Varela -o ton de Antón era de súplica.

A resposta que obtivo foi o sinal de chamada finalizada. Torreira colgáralle, incapaz de escoitalo máis. As ameazas do inspector afectáranlle case tanto coma o secuestro de Sara. Abatido, só lle rondaba unha idea pola cabeza. ¿Por qué Sara? Por moito que o asasino os estivese vixiando, non tiña forma de saber que fora ela quen conseguira a mellor pista para perseguilo. Había algo máis.

Absorto, Antón apenas reparara en que o teléfono do axente Lemos soara. Varela quería falar con él:

– Antón, non llo teñas en conta, ponte no seu lugar -tratou de tranquilizalo Varela-. Escoita, a Policía Nacional desplegada para os fogos do Apóstolo vainos a axudar a buscar a Sara e ao asasino por toda a cidade. Temos homes de garda no domicilio de Fuentes e acabamos de enviar patrullas ao colexio e ao convento. O inspector e máis eu imos rexistrar o Obradoiro e a Alameda cos nosos homes, palmo a palmo. Tememos que o asasino queira facer o seu propio espectáculo esta noite. Imos a atopala, ¿óesme?

– Sí, -susurrou Antón, sen forzas-. Gracias Varela, mantenme informado.

Devolveulle o teléfono a Lemos, que seguiu a conversa con Varela, atento ás súas instrucións. Antón tocara fondo, pero obrigouse a pensar, a queimar os miolos. Lembrou que cando todo isto acabase, a súa intención era pedirlle a saír a Sara. ¿E qué pasaría se isto remataba coa súa amiga morta? Era unha carga demasiado grande como para vivir con ela. Non podía abandonar a Sara á súa sorte. Non despois de poñela en perigo. Tiña que descubrir onde a retiña o asasino.

Antón seguiu pensando. Tratou de meterse na cabeza do asasino, pensar coma él. Miguel Fuentes pechara o seu círculo vingativo. Xa non tiña vestixios do pasado aos que eliminar. Se a súa vinganza rematara ¿qué estaba a facer? ¿Buscando unha nova ocupación coa que saciar a súa sede de sangue? Iso era. Unha nova obra. O asasino xa non precisaba facer máis versións diábolicas de clásicos do rock, agora alcanzara un status, unha posición que lle confería a autoridade suficiente para compoñer a súa propia ópera rock.

Por iso non seguira os versos de Rock and Roll no seu último crime. Xa non era un teloneiro máis, agora era unha estrela e tiña os seus propios temas. A súa propia posta en escea. ¿Qué expresión utilizara Varela? O seu propio espectáculo. Coma as grandes bandas de rock and roll que enchían escenarios e anfiteatros. Escenarios e…

¡Claro! ¡Xa o tiña! ¡Sabía onde buscar a Sara e ao asasino!

https://www.youtube.com/playlist?list=PL30A5BA3ADC7D55E7

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *