Emilio Varela reuniuse ao día seguinte co director en funcións do colexio La Salle, Xesús Blanco. Ao pasar por diante do despacho no que fora asasinada Rosario De la Torre, o axente non puido evitar sentir un profundo cargo de conciencia. Tan só agardaba que desta vez a súa visita non tivese o mesmo final. Polo ben do señor Blanco, e pola súa propia saúde mental.
O despacho do antigo xefe de estudios era moito máis pequeno e modesto que o da finada directora. Xesús Blanco tiña 48 anos, era alto, moreno e levaba barba duns dez días. Chegara ao centro fai oito anos, polo que non coñecía nin a Iolanda López nin a Plácido Señarís. Varela fixouse nas olleiras que ensombrecían os seus ollos por debaixo das pálpebras. Igual ca él, non pegara ollo a noite pasada:
– Señor Blanco, unha vez máis sinto moito a perda da señorita De la Torre. Imaxino o duro que pode ser para o colexio.
– Gracias, axente. Desde logo que o é. Polo menos esta desgracia colleounos co curso rematado. Non quero pensar o que podería ter ocorrido cos alumnos rondando por aquí.
– Colleremos ao autor desta barbarie, prométollo.
Varela non se andivo con máis rodeos e foi ao miolo, pedíndolle colaboración para convocar aos antigos alumnos e profesores da promoción do 82, obviando o detalle de que un deles era o asasino:
– Será un encontro para lembrar ás vítimas. Os seus antigos compañeiros axudaránnos a ampliar a información que temos dos falecidos. Buscamos algún detalle que se nos esté escapando e nos permita acotar a investigación.
– ¿Teñen algunha idea de quén pode ser o asasino? -preguntou o señor Blanco, antes de pronunciarse sobre a proposta de Varela.
– Estamos traballando en varias liñas de investigación -explicou o axente-, pero cremos que reunir aos alumnos vai ser de axuda para centrarnos nunha única pista.
– ¿E por qué só os alumnos de 6ºA do 82? -o novo director estáballe collendo a medida ao posto, opoñendo a mesma resistencia que mostrara a súa predecesora.
– Aquel ano foi o único no que Plácido Señarís lle deu clase de relixión a Iolanda López, e por aquel entón Rosario De la Torre xa era directora. O curso seguinte, Iolanda deixou o colexio para empezar unha nova vida como Remedios Castro.
– Vaia, non estaba enterado diso -a preocupación do señor Blanco parecía sincera.
– Sei que xa llo preguntei onte tralo levantamento do cadáver, pero teño que volver a facelo. Estamos intentando averiguar por qué motivo Iolanda López cambiou de nome e deixou a escola. É moi importante que faga memoria. ¿Escoitou falar algunha vez dun escándalo antigo que fose tema tabú no centro?
– Non teño constancia -respondeu tras cavilar un intre-. Xa lle dixen que non teño nin idea. Axente, levo no colexio desde o 2006, comprenderá que non estea ao tanto do que ocorreu aquí no pasado, e moito menos fai 32 anos.
– Comprendo. Desculpe a insistencia. E ben, ¿qué me di? ¿Axudaráme a contactar cos alumnos de 6ºA?
– Se iso lles serve para avanzar na investigación, por suposto.
– Non sabe cánto llo agradecemos. Podemos facer a convocatoria dentro de tres días, o sábado 24 de xullo, véspera do Apóstolo, ás 10 da mañá.
– Claro. Chamarei persoalmente aos profesores daquel ano e poderemos avisar aos alumnos por carta e correo electrónico. Algúns aínda están subscritos aos nosos avisos electrónicos.
– Perfecto. Se lle parece comezaremos a enviar as citacións esta tarde.
– Sen problema. O venres poderemos enviarlles un recordatorio.
Pois que empece o show, pensou Varela, despedíndose do señor Blanco.
Non sei que me gusta máis, a historia ou a selección musical…. Pero con Queen acertas de cheo….. O mellor do mellor…..! ?
Jejeje, vai todo nun pack, alégrome que a disfrutes 😉 Gracias por comentar!