Track 2: Killer on the Road

– Sí, ola… bos días señor Torreira. Son Antón Maio, o amigo de Sara. Falamos a semana pasada, ¿lémbrase?

E como se ía olvidar del, despois da tralla que lle dera para que aceptase a súa proposta.

– Era para confirmar o da reportaxe, señor. ¿Viríalle ben comezar esta tarde? ¡Estupendo! ¿A qué hora?… Ás cinco vaime ben. Alí nos vemos, señor.

Perfecto. Aínda vai ser que lle dou xeito a isto de ser xornalista, pensou mentres pulsaba na pantalla a tecla de colgar. O inspector Torreira estivera estrañamente falador. ¿Sería porque lle chamara señor? ¿Ou sería que Sara lle dera un responso polo borde que fora con él o outro día?

Sara é a filla de Francisco Torreira, inspector xefe da Policía Local de Santiago. Ela e Antón estudan xornalismo en Compostela. En realidade, Sara é a que estuda, pois Antón é dos que prefire racanear na cafetería da Facultade. A él gústalle xustificalo dicindo que un xornalista precisa máis práctica que teoría, e que lendo os xornais do día aprende tanto ou máis que nas aburridas clases teóricas.

Apoiándose na súa amizade, Antón pedíralle a Sara se podía falar co seu pai para a reportaxe que tiñan que presentar a finais de curso. A Antón gustaríalle facer un seguemento do traballo do inspector Torreira no seu día a día. Sabía da fama de duro que tiña o pai da súa amiga, pero tamén oíra comentarios sobre o moito que lle gustaba fachendear do seu cargo, así que confiou en que a súa vaidade fose suficiente para decantar a balanza. E acertou.

O certo é que o inspector aceptara de mala gana. Deixárao claro na súa primeira conversa con Antón:

– O último que preciso agora é outro rabo entre as pernas -soltoulle-. Se vas vir comigo asegúrate de estorbar o menos posible. Anota todo o que queiras sen preguntar demasiado e sobre todo, déixanos quedar ben. A min e ao departamento, nesa orde. ¿Quedouche claro?

¡Señor, sí señor! Mentres lembraba o seu primeiro encontro co inspector Torreira, Antón entendeu porqué non deixara de chamarlle señor por telefóno. Sentía que estaba a falar co sarxento de ferro de Clint Eastwood. Esperaba non arrepentirse de escollelo como protagonista da súa reportaxe.

Durante as próximas dúas semanas tería que acompañalo un par de horas todas as tardes, ata que reunise o material suficiente para facer a reportaxe ou ata que a paciencia do inspector se agotase. Tanto él coma Sara sabían que a segunda opción era a máis probable de todas.

A Antón parecíanlle incribles as diferencias de carácter entre Sara e seu pai. Ao contrario que o inspector Torreira, Sara era humilde e agradable. Sí, podía chegar a ser algo vaidosa, pero para nada chegaba ao extremo de seu pai. Ademais era comprensiva e facía as cousas de boa gana. E se algo non lle gustaba dicíao, pero sempre con educación. Antón non era capaz de imaxinar a Sara pedíndolle que molestase o menos posible.

Con todo, o inspector Torreira fora algo máis amable e receptivo por teléfono. Xa era algo. Sobre as catro da tarde, mentres preparaba o caderno de notas e a grabadora dixital, Antón decatouse de que estaba nervioso. Ía ser a súa primeira experiencia xornalística de verdade e tiña medo de non estar á altura.

Mirou o reloxo e acabou de meter as súas cousas na mochila. Peiteouse diante do espello e arrancou.

Chegou á comisaría ao mesmo tempo que o inspector baixaba do coche patrulla.

– Agora non rapaz. Vai para casa. Xa falaremos -espetoulle.

– ¿Cómo? -preguntou Antón, sorprendido.

– ¡Qué te vaias xa! Hai un asasino sádico e despiadado solto pola cidade.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará