Track 18: School’s Out

Esa mesma tarde, no despacho do inspector, Torreira e Varela analizaron o contido do sobre. Rosario De la Torre deixara unha nota escrita a man no seu interior, dirixida ao axente Varela.

Señor axente, pídolle desculpas se fun brusca con vostede. As súas palabras fixéronme reflexionar. Gustaríame falarlle de Iolanda López, a verdadeira identidade de Remedios Castro.

Varela lembrou as verbas ás que se refería a falecida e repetiullas ao inspector Torreira: “Ás veces a verdade doe, pero é necesaria para poder salvar aos que seguen entre nós”. Ao parecer Varela conseguira o efecto desexado, facer que a directora recapacitase e prestase a súa colaboración, pero iso non fora suficiente para que a señorita De la Torre seguise entre nós. Varela non podía evitar sentirse culpable.

– Ese ánimo arriba -consolouno Torreira, consciente da loita interna do seu compañeiro-. Fixeches o teu traballo. Non podíamos saber que isto ía pasar.

– Gracias, señor. Temos que atrapar a ese fillo de puta -susurrou, collendo o listado de alumnos do colexio La Salle.

Seguían sen saber cál fora o incidente que tivera Plácido Señarís no colexio, pero agora sabían que Remedios Castro, a primeira vítima da que ninguén parecía saber nada, chamábase en realidade Iolanda López. Varela recuperou o ánimo cando atopou o nome real na lista.

– ¡Aquí está! -sinalouno para que o inspector o comprobase-. No ano 1982, Iolanda López era alumna de 6°A no colexio La Salle. E o seu profesor de relixión era Plácido Señarís. Foi o único ano que lle deu clase. En anos anteriores tivo unha profesora nesa asignatura, Rosa Brandariz. E o máis curioso, nos anos seguintes non aparece como alumna. Deixou o colexio.

– Bo traballo, Varela. Isto corrobora a nosa teoría. Remedios Castro xa encaixa no quebracabezas. O asasino ten que ser un dos compañeiros da súa clase. Temos que localizalos a todos e falar con eles. Hai que descubrir qué pasou aquel ano, con qué alumnos tivo o problema Plácido Señarís, e se ese foi o motivo polo cal Iolanda López deixou o colexio e cambiou de nome.

– Traterei de localizar tamén a algún dos profesores daquel curso. Se descubrimos o nome dos implicados no incidente, reduciremos o número de sospeitosos.

– Estamos na boa liña, Varela. Imos a collelo.

– Hai algo que non me cadra en todo isto, señor -recoñeceu o axente-. Co coidadoso que é o asasino para non deixar ningunha pegada, ¿cómo non se decatou da presencia da axenda?

– Pola mesma razón que eu tampouco a vin -dixo Torreira-. Estaba tirada debaixo da mesa. O asasino estaría centrado na vítima e en escribir a mensaxe e a firma sobre o escritorio, non tiña motivos para revisar o que había debaixo da mesa.

– Xa, pero… a axenda tivo que caerlle á vítima das mans. Quizais cando foi sorprendida polo asasino.

– Ten sentido, probablemente ocorrese así. ¿A onde queres chegar, Varela?

– Penso que o asasino actuou con présa desta vez. Non tiña planeado matar a Rosario De la Torre, cando menos non onte. Fíxoo porque sabía que ela nos ía dar o verdadeiro nome de Remedios Castro.

– ¿Pero cómo? Estamos sendo coidadosos.

– Está seguindo os nosos pasos. Quizais me viu saír do colexio despois de falar coa directora e decidiu matala naquel intre. A traballadora do servizo de limpeza atopou o cadáver un par de horas despois da miña visita. Non tivo tempo para preparalo.

– De aí que o escenario do crime sexa máis pobre comparado cos demais. Matouna nun arrebato.

– Está cabreado. Sabe que por primeira vez temos unha vantaxe sobre él.

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *