Track 17: Bullets

Outro asasinato. Torreira recibira o aviso unha hora despois da sua productiva reunión con Varela e Antón. Jimmy Zoso subira a súa aposta a tres cadáveres. Xusto cando acababan de descubrir que a segunda vítima, Plácido Señarís, tiña unha mancha no expediente que os podía levar ao nome do asasino, éste actuaba de novo. E de qué maneira.

O cadáver de Rosario De la Torre, directora do colexio La Salle, fora atopado por unha traballadora do servizo de limpeza horas despois da visita do axente Varela ao seu despacho. O asasino seguira un procedemento similar ao dos crimes anteriores. Unha morte cruel, a mensaxe no escenario do crime e a firma habitual: Jimmy Zoso. Só había un par de cambios no seu proceder.

Con este crime o asasino acababa de contrarrestar os avances da investigación policial. Trala confesión que a monxa lle fixera a Antón, Rosario De la Torre convertérase na fonte directa que podía desvelar de inmediato aquel incidente que emborronara o pasado de Plácido Señarís. Estar en posesión dese dato permitiríalles reducir a investigación a moi poucos sospeitosos. Pero agora terían entrevistar un por un a tódolos alumnos e profesores que coincidiran coas dúas vítimas naqueles anos. Un traballo que lles podería levar semanas.

A segunda novidade era o corpo. Mentres que as dúas primeiras vítimas apareceran colgadas, Rosario De la Torre fora atopada tirada no chan do seu despacho. Sí, a súa morte fora igualmente sanguenta, pero desta vez o asasino rebaixara un pouco a virulencia da execución. Quizais buscase un efecto distinto. ¿Pero cál?

Varela, de pé a carón do inspector sen mediar palabra, non podía crer que o día anterior estivese falando coa persoa que xacía alí cos miolos esparcidos pola alfombra do despacho. Cruzou a mirada con Torreira. Ambos sabían que esta xogada os ía retrasar moito na investigación. Aínda en silencio, decidíronse a examinar o cadáver con detalle.

A vítima tiña unha pistola de gran calibre colocada na man. A autora da considerable perforación que Rosario De la Torre tiña na sen esquerda era unha Star Modelo P do calibre 45. O forense tería que levar a cabo un minucioso exercicio de extracción para recuperar as balas do cráneo da vítima. A segunda delas fora introducida por debaixo da mandíbula, mentres que a terceira deixara un buraco limpo e redondo na fronte da malograda directora.

Varela atopou a cuarta e a quinta bala á altura dos riles. Tivo que esforzarse por atopalas. O asasino debuxara novamente co sangue da vítima a mesma cara cos cornos de Lucifer que deixara no corpo de Plácido Señarís. Non se molestara en pintar os ollos, pois éstes foran marcados con dous balazos igualmente redondeados. Un novo guiño satánico do asasino cara ós seus perseguidores. ¿Pero por qué?

A outra mensaxe para eles estaba escrita en letras maiúsculas no escritorio da señorita De la Torre. Coma sempre, en inglés e con sangue. Aínda que ninguén dos dous o dixese, Torreira e Varela sabían que só Antón podería descubrir a qué clásico do rock pertencía con só lela. Yes, I did, I shot her (sí, fixeno, dispareille). A este paso, Torreira non ía poder prescindir dos seus servizos.

Entón Varela viu algo. Foi o brillo dorado do marcapáxinas o que chamou a súa atención. Debaixo da mesa do escritorio, tirada, había unha axenda, apenas visible. Varela recolleuna e abriuna polo marcapáxinas, movido pola curiosidade. No interior había un sobre pechado coa seguinte inscrición:

Para o axente Varela.

E debaixo, unha firma: Rosario De la Torre.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará