Track 16: No More Lies

Ás nove da mañá do día seguinte, Torreira, Varela e Antón volvéronse a atopar no despacho do inspector. Éste tivera o detalle de deixar tres cafés con leite enriba da mesa. Todo un xesto vindo de Torreira. Sobre todo tendo en conta a bronca que nos botou onte, pensou Antón.

– Bos días, tomade asento -o inspector parecía de mellor humor-. Probade o café, está boísimo. É para compensar a bronca de onte. Este é o caso máis difícil desde que dirixo a comisaría, así que non quero que vos relaxedes. Sobre todo ti, Varela.

– Seino, señor. A enerxía e o entusiasmo de Antón son contaxiosos. A súa interpretación dos crimes é a nosa mellor pista polo momento.

– Por iso está aquí, pero Antón -dirixiuse a él-, non esquezas que o noso trato é que molestes o menos posible. Gústame que teñas iniciativa, pero cando a investigación se poña quente vas quedar nun segundo plano. Quero aclaralo antes de nada.

– Enténdoo, señor -asentiu Antón.

– Ben, xa está falado. ¿Qué temos, Varela?

– A Arquidiócese quedou de enviarme o listado da xente á que Plácido Señarís lle fixo o bautizo e a comuñón, espero recibilo entre hoxe e mañá. Tamén me confirmaron que á vítima non lle quedaba ningún familiar vivo. Ao seu pai levouno un cancro fai máis de 20 anos e a nai morreu pouco despois. Tiña outro irmán sacerdote que morreu de accidente cando Don Plácido era pequeno.

– ¿E a familia de Remedios?

– Ningún familiar vive no seu bloque e os veciños din que non recibía visitas. Non se relacionaba moito. No traballo din que apenas falaba cos compañeiros.

– Vaia. ¿E qué tal che foi coa directora da Salle?

– É unha señora con carácter. Recibiume de mala gana e deixoume claro que non ía permitir que manchásemos o nome do colexio por culpa da nosa incompetencia.

– ¿Así cho dixo? -Torreira riu, sorprendido.

– Sí. E logo deume o listado de alumnos do colexio. Non figura ningunha Remedios Castro, e á excelentísima señorita De la Torre -burlouse Varela-, non lle soa de nada ese nome. Pero teño a sensación de que nos está ocultando algo.

– ¿E iso por qué?

– Pois verá, inspector. Respondía ás miñas preguntas sen pararse a pensar, como se tivese a resposta ensaiada. Cando lle preguntei por Don Plácido non amosou dor nin emoción algunha, como se non lle afectase. Segundo ela, levábase ben con todo o mundo. Nunca tivo problemas cos alumnos ou co resto de profesores. Era unha persoa admirable.

– E pode que sexa certo -Torreira fixo unha pausa, pensativo-. O que me parece extraño é que a directora fose tan fría falando dun compañeiro seu. ¿E se se levaba ben con todo o mundo menos con ela?

– Non o pensara. Investigareino.

– Eu teño algo que pode ser de axuda -Antón deixou o seu papel de “non estorbar” para explicarse-. A monxa de clausura que me atendeu dixo que Don Plácido falaba sempre con orgullo do seu traballo como mestre. Entón referiuse a unha pequena mancha no seu expediente, algo que ocorrera cuns alumnos fai moitos anos. Non me quixo dicir nada máis -Antón estábase esforzando por non citar a Sara diante de seu pai-, salvo que aquel incidente non fora culpa del e que só pretendía axudar.

– Bo traballo, Antón. O psicólogo forense di que o perfil do asasino apunta a un desequilibrado que sufriu algún tipo de shock ou abuso na súa infancia. Actúa por vinganza. Varela, apreta á directora e entérate se o que nos está ocultando ten que ver co incidente que di a monxa. Remedios Castro non estará no listado de alumnos, pero o asasino ten que aparecer nel. Fáltanos encaixala a ela nesta historia.

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *