Torreira entrelazou as mans e apoiou as puntas dos dedos índices no nariz, en pose reflexiva. Estáballe dando voltas á insinuación que Antón acababa de facer. Segundo él o asasino estaba namorado de Remedios Castro, pero o seu amor nunca fora correspondido. Tras una longa pausa, Torreira ergueu a cabeza e rompeu o silencio:
– Entón o móbil do asasino é a vinganza.
– Iso parece, señor -asentiu Varela.
– E segundo vós, ¿cal é o motivo polo que o noso home se vingou de Plácido Señarís? -as palabras o noso home saíron da boca do inspector con certa sorna, burlándose de Antón.
– A palabra pecador, que o asasino deixou escrita na fronte do sacerdote -replicou Antón, molesto pola burla do inspector-, suxire algún erro do pasado, algunha falta que o cura poidese ter cometido. Quizais o asasino presenciou ese pecado e decidiu vingarse del.
– O interesante sería saber se Remedios Castro estaba involucrada nesa suposta falta do clérigo.
– Iso correspóndeche a ti averigualo, Varela -Torreira sentía que a situación se lle escapaba das mans. O seu mellor axente e o seu… o que carallo fose Antón, estaban formulando hipóteses baseadas en meras especulacións-. Lémbroche que o teu traballo consiste en reunir probas e a partir de aí sacar conclusións. ¿Qué cona che pasa? Menos elucubrar e máis resultados. Que este espabilado -sinalou a Antón- non che coma a cabeza con teorías sen contrastar. Investigar os feitos. ¡Iso é o que necesitamos!
– Sí, señor. Desculpe. -Varela sabía que tiña que volver de San Roque con algún dato que confirmase as suposicións de Antón-. Se lle parece, despois de falar cos familiares e veciños das vítimas, repasarei as listas de alumnos do colexio La Salle, onde Plácido Señarís ensinaba relixión. Pode que Remedios Castro fose alumna súa. Ata é posible que o asasino fose compañeiro seu de clase. É un bo comezo, dalgunha maneira temos que ir reducindo a lista de sospeitosos.
– ¡Iso é o que quería oír, Varela! ¡A iso me refería! -o inspector levantouse da silla para darlle máis ordes ao seu axudante-. Consigue un listado dos nenos e nenas aos que Señarís bautizou e lle fixo a comuñón. Se o clérigo cometeu un descoido no pasado, como suxire Antón, teremos outra vía de investigación. Calquera detalle por nimio que sexa pode axudarnos.
– ¿E qué hai das monxas de clausura? -preguntou Antón-. É dicir, se Varela vai falar cos familiares e co colexio, eu podería achegarme a Santa Clara e facer unhas cantas preguntas desinteresadas para a miña reportaxe.
– ¿E ti cando tes pensado ir á clase? -soltoulle Torreira.
– Teño prácticas de radio na Facultade de catro a seis. Ao saír podo subir por Xoán XXIII ata San Roque e recoller material para a miña reportaxe no convento.
– ¿Así que tes pensado mentirlle ás monxas coa escusa da reportaxe para sacarlle información sobre o cura? -Torreira pescou de seguido as intencións de Antón.
– Sí, supoño que sí -recoñeceu o rapaz, encolléndose de ombros.
– Isto non me gusta nada.
– Señor, será unha mentira piadosa, tampouco é para tanto -defendeuse Antón.
– Non, non é iso -por primeira vez Torreira sentiu simpatía polo amigo da súa filla-. O que non me gusta é que me estás empezando a caer ben.
Acto seguido, o inspector colleu as súas cousas e dirixiuse cara a porta do despacho. Antón, incrédulo e incapaz de reaccionar, interpretouno coma un cumprido. Varela contivo a risa e preguntoulle ao seu xefe a onde ía.
– Vou ata o Instituto de Criminoloxía a polo informe psicolóxico. Mañá quérovos aquí ás nove. Non me falledes.