Antón viu cómo Torreira pechaba a porta do despacho e collía aire. Parecía aliviado, cando menos por un intre. Por primeira vez desde que se vira inmerso no caso, pensou na presión á que debía estar sometido o inspector xefe, e foi consciente dos riscos que asumía por deixar que se implicase na investigación.
Quixo dicirlle algo para animalo, pero foi Varela quen se anticipou:
– Ben feito, inspector. Agora o asasino estaráse preguntando ata que punto estamos detrás da súa pista. Isto vaino facer dubidar.
– E de paso gañaremos tempo para falar co entorno das vítimas e anticiparnos ao seu seguinte crime.
– ¿Qué queres dicir, Antón? -Torreira parecía contrariado e irritado.
– Digo que… -Antón dubidou ante a mirada inquisitiva do inspector.
– Creo que o que Antón quere dicir é que si investigamos o pasado de Remedios Castro e Plácido Señarís, atoparemos algunha pista que nos pode axudar a determinar os próximos obxectivos do asasino.
– Sí, algo así -Antón recuperou a compostura, pero non foi quen de continuar. Albiscaba a tormenta que o inspector xefe ía descargar sobre eles en menos dun minuto.
– Ben, iso xa entraba nos nosos plans. Varela irá a San Roque pola tarde e falará cos veciños. Punto. Non entendo a que vén esta ola de optimismo que vos acaba de invadir -Torreira colleu velocidade. Nin a maior ofrenda de ovos a Santa Clara podería deter a que lles viña enriba-. O que dixen aí fora estivo ben para calmar á opinión pública, pero non nos enganemos. A teoría de Antón indícanos o patrón de comportamento que segue o asasino, pero non desvela nada acerca da súa identidade. En calquera momento podemos atoparnos cun terceiro cadáver, e qué imos facer, ¿ir ás tendas de discos e pedir os nomes dos clientes amantes do rock? ¡Oh, agarda! Ninguén compra discos hoxe en día. Mellor poñeremos un anuncio no periódico. Búscase seguidor dos Rolling con instinto asasino, paixón polo satanismo e as ciencias ocultas, e habilidade para descuartizar cadáveres. Valoraránse coñecementos de debuxo con sangue a man alzada.
– Desculpe, señor -Antón encheuse de valor, aínda empapado pola tromba do inspector-. Entendo o seu punto de vista, pero despois de analizar a letra da canción que o asasino utilizou como guía no primeiro crime, veume unha idea á cabeza. Antes non me deu tempo a falarlle dela, pero penso que os versos das cancións encerran algo máis que os castigos que o noso home lle infrinxe ás súas vítimas.
– Merece a pena escoitalo, señor -Varela confiaba no instinto de Antón, pero coñecía o carácter intransixente do inspector.
– Dous contra un, ¿non sí?. Adiante.
– Gracias, señor. A canción en cuestión chámase Poison, veleno, do rockeiro americano Alice Cooper. No escenario do crime podemos ver varios elementos que forman parte da letra da canción. Chama a atención que sexan menos que no segundo cadáver, no que sen dúbida o asasino colleu a confianza suficiente para recrearse nos detalles.
O inspector colleu a copia da canción que lle achegou Antón. Leu a traducción dos versos destacada en vermello:
“Quero probarche pero os teus beizos son velenosos.
Es veleno correndo polas miñas veas,
Es veleno, non quero romper as cadeas”
– Estes versos -proseguiu Antón- fan referencia ao veleno atopado no interior da vítima, ás cadeas que tiña arredor de pes e mans, e ao sangue co que o asasino pintou as veas na pel de Remedios Castro. Pero ademais diso, suxiren unha pista moi interesante.
– ¿Cál? -preguntou Torreira.
– O asasino amaba a Remedios Castro e ésta rexeitouno.