Track 11: Under Pressure

Torreira aclarou a gorxa antes de dirixirse aos medios de comunicación. A súa situación era moi delicada, e a chamada que acababa de recibir do alcalde Xerardo Mirás, así o corroboraba. Sen apenas avances visibles na investigación, o obxectivo da rolda de prensa era claro. Contar o menos posible do caso, e convencer á opinión pública de que ese segredismo era sinal de que estaban sobre a pista do asasino.

Había que conter o nerviosismo da poboación a escasos días das festas do Apóstolo. Torreira sentíase coma os detidos das películas aos que lles lían os seus dereitos. O que dixese a continuación podería ser utilizado na súa contra. Sobre todo polos xornalistas dos medios locais, desexosos de carnaza antes estas mortes “crueles y morbosas, que empañaban de manera trágica un año que debería ser recordado por el récord de visitantes y no de fallecidos”.

Era irónico que Torreira tivese a un futuro xornalista carroñeiro como a súa mellor baza para dar caza ao asasino. Era unha carta que non estaba disposto a desvelar. Antes de tomar a palabra, preguntouse durante cánto tempo máis precisaría a axuda de Antón. Pronto tería que apartalo da investigación e protexelo da exposición pública. Non tanto polo rapaz, senón máis ben por Sara.

– Boas tardes a todos -saudou o inspector con voz decidida-. Como saben, a tranquilidade da nosa cidade viuse perturbada por dous tráxicos sucesos nos últimos días. Desde aquí quero transmitir o meu pésame e o apoio da Policía Local ás familias dos falecidos. Estamos á súa disposición para o que precisen. Doulles a miña palabra de que imos atrapar ao responsable destes crimes -fixo unha breve pausa, desas que indican que o interlocutor está a piques de soltar o titular que os xornalistas deben resaltar-. Nestes intres, un psicólogo forense da Universidade de Santiago está a elaborar un perfil psicolóxico do autor desta barbarie que nos axudará a acotar a investigación. Por razóns obvias non podo darlles máis detalles, só dicirlles que sabemos cómo pensa o asasino e por qué actúa como actúa. Temos os recursos para atrapalo e imos a facelo. Moitas gracias a todos pola súa atención. Non se admiten preguntas.

Torreira saíu da sala de prensa da comisaría de Santiago de Compostela satisfeito pola súa intervención. De seguido veulle a cabeza o sermón que lle ía botar Sara por permitir unha rolda de prensa sen preguntas. Iso axudoulle a aillarse do acoso dos xornalistas, que o perseguían intentando sacarlle sen éxito algún dato máis sobre o caso.

O inspector dirixiuse ao seu despacho, onde Varela e Antón o agardaban coas persianas baixadas. Tiñan previsto que a prensa perseguise a Torreira trala rolda de prensa, polo que tomaron precaucións para evitar que Antón fose visto. O último que precisaban era titulares do tipo: “Estudante de 21 anos asesora á Policía Local no caso máis difícil da súa historia”.

Por fortuna, Torreira amosárase firme e seguro. A mensaxe de que estaban na pista do asasino e que ían dar con él fora transmitida con convicción. Ata o propio inspector se autoconvencera diso. Preguntouse qué lle pasaría pola cabeza ao asasino naqueles intres. Quizais estivese pensando que…

… o prepotente de Torreira ía ter que tragar as súas propias palabras. O único perfil que ía facer o forense sería o da próxima vítima. Se querían collelo debían ser un pouco máis listos.

Estaban moi lonxe de saber cómo actuaba e máis aínda de atrapalo. Aínda lle quedaban moitas contas que axustar. O xogo non fixera máis que comezar.

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *