“Xa estaba. Conseguira facelo. O primeiro de todos fora o máis sinxelo en execución, pero o máis difícil por todo o que implicaba. Agora ninguén o podería deter. Comezaba o xogo.
Tanto tempo agardando este momento e por fin se atrevera a dar o paso. Xa ía sendo hora de tomar cartas no asunto, de saldar as contas que quedaran pendentes. Ían caer todos os culpables. Un detrás do outro. Xustiza e rock and roll, ostia.
Coidou que tódolos detalles estiveran no seu sitio. A carta de presentación tiña que causar efecto antes de que os acontecementos se precipitasen. Estaba satisfeito. Sobre todo ao lembrar cómo ela lle pedía clemencia. A mesma que a él lle denegaran. Quizais así fose capaz de entendelo. Que se podra no inferno.
Lembrou cómo se poñía amarela mentres vomitaba as súas propias entrañas. Esbozou un sorriso mentres remataba de atar as cadeas arredor dela. Perfecto.
O inspector xefe Torreira íase atopar un escenario dantesco. Imaxinou cómo sería o momento. Coñecíao ben. Levaba tempo fixándose nel. Entraría no edificio co peito inchado e coa súa habitual arrogancia, botaría a todo o mundo fóra…”
…pois detestaba que a xente contaminase o escenario do crime. Antes de ver o espectáculo, Torreira berrou:
– ¡Veña! ¡Todos fóra, chegaron os expertos!
Gustáballe entrar marcando o territorio, aínda que ás veces o acusasen de chulo. Un asasinato era un asunto demasiado serio e había que sacar de aí aos curiosos. Sorprendeulle que ninguén protestase. Un silencio sepulcral presidía a escea do crime, lonxe do balbordo habitual neste tipo de casos. Non é que abundasen moito os asasinatos en Santiago, pero precisamente por iso, cando había un, levantaba moita expectación. Desta volta era diferente. Ninguén falaba. Entendeu o porqué tan pronto viu o interior do baño.
Así que isto é ao que lle chaman un baño de sangue, ironizou co seu habitual humor negro. En vinte e cinco anos de servicio vira cousas do máis tétrico, pero aquilo superábao todo. A expresión do axente Emilio Varela parecía suxerir a mesma estupefacción.
O primeiro que lle chamou a atención foi a posición da vítima, nada ortodoxa. ¿Qué clase de desequilibrado podía entreterse en colocar un cadáver daquel xeito? ¿Acaso non tivera suficiente con aquela desfeita que tiña que recrearse en adornala? Pensaba que iso só ocorría nas películas.
Examinou con detalle o corpo da vítima, unha muller loira duns 45 anos. O seu corpo espido estaba colgado boca abaixo, amarrado na barra que rodeaba o prato da ducha e que servía de suxeición da cortina de baño. Os pés da vítima estaban amarrados con saña á barra cunha robusta cadea de aceiro. A cadea descendía arredor do corpo inerte para rematar nas mans, atadas tamén coa mesma virulencia.
Torreira xirou o corpo da muller e de seguido arrepentiuse de facelo. Varela retrocedeu uns pasos e o inspector xefe reprimiu as ganas de vomitar. O rostro estaba completamente desfigurado, especialmente a boca, onde a carne dos beizos colgaba en tiras, tallada sen piedade cun obxecto cortante.
O resto do corpo non tiña mellor aspecto. O asasino utilizara o sangue da vítima para marcar o percorrido das veas na súa pel. As entrañas colgábanlle do estómago. Debaixo, no chan, había un enorme charco de sangue, misturado con restos de vómito.
Detrás, na parede, había máis restos de vómito, esparcidos de tal xeito que parecían resaltar a mensaxe que deixara o asasino, escrita en inglés co sangue da vítima:
You are poison.
E debaixo, a firma, escrita coa mesma tinta: Jimmy Zoso.