Simpatía polo Diaño

Así se chama o último relato de certa extensión, a última novela curta que escribín, con data de xuño de 2014, para participar no concurso “Novela por Entregas” de La Voz de Galicia. Ando últimamente tentando sacar tempo e forzas para retomar a escritura, e como primeiro impulso decidín compartir con todos vós os 31 capítulos de “Simpatía polo Diaño”.

Así, desde o 30 de xaneiro e ata 29 de febreiro, a razón de un capítulo por día, irei publicando cada unha das entregas desta novela protagonizada por Antón Maio, un estudante de xornalismo que se ve envolto na investigación dunha serie de crimes satánicos que ocorren en Santiago de Compostela. A implicación de Antón na resolución dos crimes porá en perigo tamén a vida de Sara Torreira, filla do inspector encargado da investigación e compañeira de Antón na Universidade.

Para abrir boca, un adianto:

Xa estaba. Conseguira facelo. O primeiro de todos fora o máis sinxelo en execución, pero o máis difícil por todo o que implicaba. Agora ninguén o podería deter. Comezaba o xogo.

Tanto tempo agardando este momento e por fin se atrevera a dar o paso. Xa ía sendo hora de tomar cartas no asunto, de saldar as contas que quedaran pendentes. Ían caer todos os culpables. Un detrás do outro. Xustiza e rock and roll, ostia.

Sinopse:

Santiago de Compostela vive aterrada baixo a ameaza dun asasino en serie que segue como patrón para os seus crimes as letras de clásicos do rock. En cada un dos asasinatos aparece sempre a mesma sinatura enigmática: Jimmy Zoso.

Mentres, o estudiante de xornalismo Antón Maio prepara unha reportaxe sobre o traballo do inspector xefe da policía local Francisco Torreira. Os seus coñecementos de música rock axudarán ao inspector a atrapar o sádico asasino destapando un segredo que levaba 32 anos agochado.

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *