Reina Roja

Reina Roja, de Juan Gómez-Jurado (2018)

“Reina Roja” é un thriller moi entretido, de lectura áxil e que engancha desde o principio. As personaxes de Antonia Scott e sobre todo, a de Jon Gutiérrez, destacan nunha trama que promete emocións fortes nas seguintes entregas.

Coa triloxía de Antonia Scott e Jon Gutiérrez -inclúo na denominación da saga ao axente vasco, para min o mellor da novela-, Juan Gómez-Jurado consolidou a súa posición de mellor autor español de thrillers con proxección internacional. Para min, Jurado está moitos escalóns por enriba dun dos éxitos editoriais máis recentes, Javier Castillo, de quen tamén reseñei “El día que se perdió la cordura”. De Gómez-Jurado xa lera a súa primeira novela,”Espía de Dios”, aló polo ano 2009 -e teño “El Paciente” ocupando un dos estantes da libraría, pendente de ler-, e desde aquela novela ata “Reina Roja”, notei unha gran evolución na súa técnica narrativa, hoxe consolidada e cuns rasgos moi marcados.

O humor de Reina Roja

En “Reina Roja” chamoume especialmente a atención o humor de Jon Gutiérrez, maxistral en ocasións. Este axente de Bilbao, entrado en carnes, gay e moi unido á súa nai (amatxo), enamora ao lector co seu enorme corazón e as súas ganas de facer o correcto e axudar aos máis febles. Este é sen dúbida o gran acerto de “Reina Roja”. O humor, ao non ser un rasgo exclusivo de Jon Gutiérrez, se non máis ben do estilo narrativo de Gómez-Jurado, por momentos pode resultar abrumador e excesivo, pero consegue facer a narración máis cruda e realista, e por suposto, máis divertida.

Antonia Scott, a verdadeira protagonista da novela, é unha superdotada cunha mente que traballa a unha velocidade distinta do resto dos mortais, o cal ás veces lle supón un problema. Recoñezo que as acción destaca personaxe ten momentos que rozan o inverosímil, e outros nos que se humaniza e perde ese carácter excepcional que se manifiesta a pinceladas ao longo da novela. Agardo que na continuación, “Loba Negra”, o seu potencial alcance o seu esplendor. Se vos sentides atraídos pola personaxe de Antonia Scott, recoméndovos encarecidamente a lectura da triloxía de Colomba Caselli e Dante Torre, do autor italiano Sandrone Dazieri. Para min hai un certo paralelismo entre as personaxes traumatizadas e superdotadas de Torre e Scott, aínda que penso que a de Dante Torre está mellor lograda e resulta máis impactante.

Estilo narrativo áxil e dinámico

Recoñezo que me costou adaptarme á narración en tempo presente. Acostumado á clásica narración en formas de pretérito, ao principio costoume collerlle o ritmo, e iso que resulta áxil e directo: o lector parece estar vivindo a acción nun tempo real, case simultáneo, coma se dun streaming cuns escasos segundos de retardo se tratase. A economía de linguaxe, outro rasgo característico de “Reina Roja”, contribúe a unha narración dinámica e sen respiro.

Eu prefiro unha narración máis laboriosa tanto da acción como da evolución interna das personaxes, algo que por exemplo John Verdon fai de maneira maxistral na serie de novelas adicadas a David Gurney. Que tamén vos recomendo, e moito.

“Reina Roja” ten un final pechado se falamos estrictamente da trama que se desarrolla nela, pero ao mesmo tempo deixa un par de fíos abertos que animan á lectura da súa segunda parte, “Loba Negra”, a cal xa está no meu poder desde o pasado 23 de abril, Día do Libro. Un gran regalo que me puxo en bandexa continuar coas aventuras de Antonia Scott e Jon Gutiérrez, unha peculiar parella que contra todo pronóstico se entende mellor do que calquera dos dous se atrevería a recoñecer.

Agardo que na segunda parte Gómez-Jurado nos de máis pistas desa misteriosa liña argumental que se anuncia ao final de “Reina Roja”. Xa estou desexando contarvos qué me pareceu “Loba Negra”, pero mentres tanto, se xa leches “Reina Roja”, anímote a compartir conmigo as túas sensacións lendo este intenso thriller.

FICHA TÉCNICA


Título

Reina Roja


Autor

Juan Gómez-Jurado


Ano

2.018


Edición

Cuadraxesimoséptima Edición (en castelán)


Editorial

Ediciones B


Data

2.020


O mellor

A personaxe de Jon Gutiérrez


O peor

O potencial de Antonia Scott está contido


A miña nota

8/10


Mercar Reina Roja
portada Reina Roja
Portada de "Reina Roja"

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

3 comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *