Recuerdos del pelo largo…

Alberto Cereijo (Los Suaves) co seu deseño Guitar Calavera

Aproveito o peche do ano para recapitular as entrevistas a guitarristas que fixen durante 2013 para a páxina web Guitar Calavera. Nela podedes mercar orixinais deseños exclusivos para amantes da guitarra e a música rock en xeral, ademais de atopar información sobre o panorama rock español, comprar entradas para concertos… Este post, que ía ser simplemente unha recopilación de entrevistas, converteuse nunha homenaxe ás raíces musicais da miña infancia, protagonizados polos meus irmáns, os Indecisos, Rockin’13… ¡Adiante, está aberto!

Villa | Dresden

Como moitos xa sabedes, desde fai un tempo veño colaborando na edición e realización de entrevistas para a páxina web Guitar Calavera, posta en marcha fai uns anos polo meu irmán Pablo Villaverde, gran deseñador gráfico e apaixonado da guitarra e do rock and roll. Él ten a culpa de que me acabase interesando polo rock e polo mundo da guitarra eléctrica.

Póñovos en antecedentes. Pablo foi o guitarrista co-fundador no ano 1992 da mítica banda de rock Indecisos, que recibiu ese nome minutos antes do seu primeiro concerto no Instituto Xulián Magariños de Negreira. Ante a indecisión dos membros da banda por atopar un nome adecuado para a formación, unha profesora soltoulles algo así como: “mira que sodes indecisos”, e así quedou o conto. Os bañeses Pablo Villaverde (guitarra) e Juan Silva (batería), e mailo nicrariense Fran Capeáns (guitarra e voz) iniciaban a revolución musical barcalesa.

Indecisos nas festas da Pena
Os Indecisos tocando nas festas da Pena

Aínda conservamos nalgún rincón da casa o vídeo daquel momento, cando a xuventude barcalesa comezou a escoitar en vivo e en directo, moitos incluso por primeira vez, temas como Jumpin’ Jack Flash dos Rolling Stones, Hey Joe de Jimi Hendrix ou Sittin’ on the dock of the Bay de Otis Redding, cantados coa inconfundible voz rasgada de Fran Capeáns. Temas que pronto se intercalaron coas súas propias cancións, himnos para a xeración dos Campamentos Val de Barcala como 600 Heridos Indecisos (escrita no lexendario pub negreirés 600), Ella ou Vida Maldita. Podes escoitar estes temas no perfil myspace dos Indecisos facendo click aquí.

Solo de guitarra de Pablo
Pablo á guitarra

A batería poderosa e contundente de Juan facía imperceptible a ausencia de baixo, rol en ocasións exercidos polo meu primo David Budiño, e servía de guía para a voz de Fran e a guitarra de Pablo, que se encargaba de adornar os temas con solos melódicos e veloces ao máis puro estilo Hendrix. Recordo que miña nai toleaba cas melenas de Pablo, podedes ver unha mostra na foto do lado, pero co tempo foise acostumando a elas e mesmo lles colleu cariño (bueno, ¡igual tampouco tanto eh!).

Recordo daqueles tempos os ensaios no Local Social da Baña, eu tiña 7 ou 8 anos e non podía asistir aos concertos, así que ía a veces a velos ensaiar. Sí recordo un concerto deles na Casa da Cultura de Negreira, o mesmo día que coñecín a miña cuñada Ana, por aquel entón aínda moza de Pablo, mentres soaba a canción dos Burning, Una noche sin ti. Recordo tamén que compartiron escenario nas festas da Baña coa orquestra Los Satélites e, aínda que non cheguei a velo en vivo, lembro que chegaron a actuar na mítica Sala NASA santiaguesa no festival-concurso Rock Parrulo. O audio dos temas colgado no MySpace creo que corresponde a ese día.

Por aqueles anos Pablo tratou de ensinarme a tocar a guitarra, lembro coma se fose hoxe que me ensinou os acordes de Love Rescue Me, de U2 e tamén a melodía de Piensa en mi, de Luz Casal. Eran sinxelas e eu repetíaas na guitarra pero era moi pequeno para adicarlle tempo e funo deixando. Anos despois, pasados os 90 e a época dos Indecisos, cando nos mudamos a vivir a Ames e xa con quince anos animeime a aprender a tocar a guitarra en serio. Pablo, que daquela traballa e vivía na Coruña, ensinábame cousas na fin de semana e eu practicábaas entre semana para ensinarlle os meus avances o finde seguinte.

Portada de Passion & Warfare, de Steve Vai
Passion & Warfare, de Steve Vai

O verán seguinte adiqueino a tocar a guitarra 4 ou 5 horas tódalas mañás e a ver tódolos vídeos de Steve Vai, Joe Satriani, Jimi Hendrix ou os Guns n’ Roses que Pablo me poñía de pequeno e que aínda conservamos. Lembro perfectamente adicarlle horas e horas a aprender a canción Thunder March de Marty Friedman torturando a meu irmán Miguel, que estaba na sala contigua estudiando, con cada repetición que facía dela. E tamén lembro a primeira canción que compuxen pouco despois, Juerga, con Antón Fernández Torroncho ao baixo e meu irmán Miguel de letrista e cantante. Xuntos formamos a banda de rock más lonxeva que xamais pisou un escenario, Crazy Worm.

Despois daquela Antón pasaría por bandas como Icewind, Ruxe Ruxe e actualmente Anfibia. Temos unha birra e un concerto de Crazy Worm pendente. Qué ben soaba a nosa versión de Big Me de Foo Fighters no faiado da súa casa en Aldea Nova. Con Antón tiven a oportunidade de ir no 2010 ao concerto de Kiss no Palacio dos Deportes de Madrid, foi un dos momentos máis felices da súa vida, fan él incondicional de Kiss. Logo tamén celebramos xuntos un Samaín no Irish Rover de Madrid cando tocaba en Ruxe Ruxe. Menudo concertazo deran. Gran tipo Antón.

Miguel e máis eu, despois de tocar con Antón, xuntámonos con Pancho Cancela, Mario Sieira e Esteban García para formar a banda de rock Rockin’13, continuación do proxecto Provisional que iniciaron os catro uns meses antes e ao que me incorporei tras rematar os exames do primeiro curso de Xornalismo. Co tempo Mario deixou a banda e no seu lugar incorporouse Rubén Mayo “Little”Cambiamos o nome provisional polo definitivo Rockin’13 porque os nosos ensaios eran na casa de Esteban, no lugar de Trece en A Riba (A Baña) e básicamente porque facíamos rock. Indecisos xa estaba collido, ¿vale?.

Rockin'13 en concerto
Rockin’13 de concerto na Baña

O soño dun concerto conxunto cos Indecisos case se fixo realidade aló polo 2006 ou 2007, non recordo exactamente. Ía ter lugar no pub Óxido de Santa Comba pero os Indecisos ao final non puideron e tocamos sós. Aínda gardo o cartel daquel concerto, unha mágoa pero quen sabe, igual algún día se repite. Logo estivemos tamén a punto de dar un concerto unha formación espontánea formada por Juan Silva dos Indecisos á batería, o cantautor nicrariense X.M. Lago ao baixo e os irmáns Villaverde na guitarra (Pablo solista e eu rítmico) con Miguel de cantante (cóllase a súa acepción en tódolos sentidos). E aínda tonteamos coa posibilidade de incorporar a meu irmán maior Paco (fan de Glenn Miller e fiel seguidor dos metais dos Satélites) á trompeta nalgún tema. Ao final Lago caeuse da formación e sustituíno Pancho, pero o proxecto quedou nuns cantos ensaios na taberna vella de Ninocho, o tío-avó de Juan.

Juan, batería dos Indecisos
Juan, batería dos Indecisos

Con Juan vivín unha das anécdotas que gardo con máis cariño da época dos Indecisos e da miña infancia. Por aquel entón Juan estaba de prácticas ou como axudante (non o recordo exactamente) no Colexio Público de A Baña. Eu estaba en 2° de Primaria, na clase de Don Moncho, curiosamente hoxe profesor do Colexio de Bertamiráns no que estudia a miña sobriña, e non lembro por qué razón aquel día Don Moncho deixounos poñer música na clase.

Money For Nothing
Money For Nothing

Eu levara un cassette dos Dire Straits, Money for Nothing, con esa portada tan característica ca silueta de Mark Knopfler e alá llo puxen a tódolos meus compañeiros de clase. Xusto no momento no que soaban os acordes iniciais tocados por Mark Knopfler, Juan abriu a porta para darlle un recado a Don Moncho e ao decatarse do que soaba, mirou cara min ríndose: “Esto é cousa túa ¿non? Así me gusta”. Fíxome un xesto cariñoso na cabeza e volveu a saír pola porta.

Estas anécdotas que aquí vos conto están presentes detrás de cada entrevista que fixen para Guitar Calavera. As influencias musicais que un recibe na infancia determinan os gustos da madurez, e as miñas foron claramente marcadas polos Indecisos e pola guitarra de Pablo. Tamén Miguel e Paco influíron moito nos meus gustos, pero doutra maneira e noutros momentos, quizais, pero foi Pablo o que máis me guiou. Aínda lembro con cariño a decoración da súa habitación na Baña, coa súa silueta tocando a guitarra debuxada na parede e os logos das súas bandas e artistas favoritos pintados por él mesmo ao longo da habitación: Steve Vai, Dire Straits, Nirvana, Queen, Loquillo, U2 e moitos máis. Tamén lembro o que me impactaron sendo cativo as mortes de Kurt Cobain e Freddy Mercury.

Nevermind, Nirvana
Nevermind, Nirvana

Son estes recordos os que fixeron e fan que siga vibrando con cada riff de guitarra ou que odie a música das radiofórmulas comerciais, sen alma e vacías de contido. Repetitivas e prefabricadas. Nada que ver cos soños dos músicos amateurs que desfrutan facendo música de maneira modesta pero ca misma paixón que se fosen profesionais. O traballo, o esforzo e os recordos destas vivencias teñen máis valor que calquera outro tipo de recoñecemento.

Eso é o que trato de plasmar e rescatar nas entrevistas que aquí vos presento, o esforzo e adicación que diversos guitarristas recoñecidos a nivel nacional, algún incluso máis aló das fronteiras, tiveron que ir forxando para chegar a onde están hoxe. As horas de entrega a un instrumento e a unha paixón que non sempre da para vivir, e menos nestes días de recorte e recesión cultural. Un bo exemplo é o guitarrista cacereño Manu Herrera, a quén veño de entrevistar fai pouco máis dun mes (aquí podes ler a entrevista). Mestre de profesión, guitarrista en corpo e alma, leva anos e anos durmindo pouco e sacando tempo despois das clases e de coidar aos seus fillos para editar dous discos de gran calidade musical. Noutro país e noutras circunstancias ao mellor podería adicarse de maneira profesional e en exclusiva á música. Pero él tamén o desfruta así.

Richie Kotzen & Guitar Calavera
Richie Kotzen & Guitar Calavera

Neste link podedes consultar tódalas entrevistas a estes artistas das seis cordas, realizadas ao longo de 2013. Co tempo estou tratando de darlle un toque máis persoal ás entrevistas, pensando tamén na persoa e non só no músico, e nas circunstancias que o levaron a adicarse á guitarra e a conseguir un sonido e un estilo propio. Adiviñar por qué se produce a evolución dun músico cara certos estilos e cales son as súas motivacións. Non é fácil. Neste listado están tamén a edición que fixen, en base á traducción de Ana Rocha, da entrevista ao gran Stevie Ray Vaughan publicada na revista Guitar World no ano 1984; e maila entrevista en vídeo realizada por Marité Suite a Los Suaves na que colaborei na preparación previa. Unha pequena espiña non poder ir a ese concerto e sentarme con eles a facer a entrevista, pero pese a estar en Alemania durante a súa preparación, sentínme case coma se estivese ante a cámara falando con eles.

Por certo que para o ano que vén xa estamos preparando máis entrevistas e quen sabe, calquer día podemos sorprendervos con algunha que outra entrevista a algún destacado guitarrista do panorama internacional. ¡Ata aquí podemos ler que cas estrelas nunca se sabe!

4 comments

Deixa una resposta a Pablo Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *