Por un ensino público e de calidade

Ensino público e de calidade

Pouco antes de chegarmos ao Samaín, e en plena resaca da folga xeral no ensino, déuseme por lanzar unha sincera e enrabietada homenaxe ao ensino público a través das redes sociais. Unha mensaxe en forma de redacción que hoxe comparto aquí tamén con vós, farto de ler e ver un e outro ataque a todo aquilo que os nosos pais e avós foron conseguindo para permitir que moitos de nós poidésemos ter acceso aos estudios secundarios, carreiras, Másters e demáis formación de xeito gratuito ou cando menos, económico e á altura de todos.

“Hola profe. Esta é a redacción que nos puxeches de deberes e que fixen despois de axudar aos meus pais na casa. Espero que che guste. Como dixeches que podíamos face-la do tema que quixéxemos, eu escollín a escola e o ensino público, non vaia ser que algún día se acabe. Se che parece vouche contar todas as cousas que aprendín. Ahí van, son unhas cantas, ¡eh!

No ensino público ensináronme a respetar aos demais e sobre todo aos profes, por exemplo, a chamarlle Don Paco aos mestres chamados Paco e Doña Ana ás mestras chamadas Anas. Tamén me ensinaron a comer de maneira educada e a compartir a comida cos demais, ademáis de a recoller e limpar a mesa, ¡claro! Ata me ensinaron a enxuagar os dentes con flúor ou a devolver os libros na Biblioteca de maneira ordeada.

Unha das cousas que máis me gusta é que no colexio ensináronme a valorar as tradicións e costumes da miña terra, así como a prepara-las xunto cos meus compañeiros con ilusión e dedicación, o Magosto, o Entroido, o Nadal… No colexio vin as primeiras películas e obras de teatro, e as primeiras representacións en vivo. Ata fixemos un simulacro dun incendio, ¡eso sí que é estar preparados!. No ensino público tamén me ensinaron a conseguir metas pequenas con esforzos non tan pequenos, mesmo me ensinaron a competir deportivamente nos Xogos Escolares, a saber gañar e a saber perder, a respetar ao rival.

Ah, e tamén me ensinaron que hai que aprender dos erros do pasado e que as ideas non se poden impoñer contra a vontade dos demais, pero claro, non toda a xente tivo a oportunidade de ir a un colexio público, hai quen prefire privatiza-lo e facelo innacesible, non vaia ser que a clase media teña educación e conciencia crítica. ¿Sabe qué profe? Vostede ensinounos que as inxustizas hai que combati-las e non baixar a cabeza nin deixa-las pasar. Así nos poñamos a dar clase os uns aos outros na casa do veciño como fixeron os nosos pais e avós, pero non imos permitir que nos quiten o dereito a aprender, a correxir, a pensar, e criticar e a construir unha comunidade arredor das nosas Escolas. O ensino público é de todos, e así vai seguir sendo…”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *