¡Os alemáns son coma nenos!

Celebrando a Pascua en Viena

A celebración da Pascua en Alemania fíxome retroceder aos anos do ensino primario, cando os nosos mestres nos ensinaban a preparar e respetar as celebracións e tradicións de cada festividade. E é que os alemáns viven cada data sinalada sacando a súa version máis infantil, entregándose aos praceres dos doces típicos e respetando con cerimoniosa entrega as tradicións e rituais de cada celebración.

Villa | Dresden

A Pascua, ao igual que todas as datas sinaladas, vívese con moita paixón en Alemania. Podemos dicir pois, que en Alemania, a Semana Santa tamén é unha Semana de Paixón. Iso sí, enténdase o concepto paixón non desde a súa acepción relixiosa, pois aquí sonche a maioría evanxelistas e mesmo ateos (só o 3-4% son católicos), senón máis ben desde a súa acepción vencellada ao entusiasmo, a entrega que se pon nalgo.

Se hai algo que caracteriza ao pobo alemán, cando menos aquí en Sachsen, é a entrega encomiable coa que viven cada celebración sinalada. Pese á corrente comercial que soe rodear a este tipo de datas, algo que tamén está presente aquí, eles son quen de deixar esta vertente en segundo plano e agarrar polo brazo da tradición a celebración correspondente, sempre ao servizo dos máis pequenos. Eles son os verdadeiros protagonistas da Pascua. E do Nadal. E de moitas outras datas.

Ovos de Pascua (Ostereier)
Ovos cocidos e pintados de cores

Os alemáns recórdanme un pouco aos meus anos de colexio, no CEIP San Vincenzo de A Baña, cando cada pequena festa era agardada e preparada con agarimo e esmero. Eses magostos no patio “de parvulitos”, os carnavais na pista de futbito diante do pavillón ou os festivais de Navidade dentro do propio pavillón ou no patio cuberto.

 

Con certa antelación, o profesor adiantaba os plans para a data sinalada e ti xa non a borrabas da cabeza, poñendo todo o teu empeño en facer o disfraz, preparar a representación que tocase ou pelar as castañas do mellor xeito posible. Deste xeito, e como xa puiden comprobar no Nadal e máis recentemente na Pascua, os comercios, Centros Comerciais e principalmente as pastelerías daquí, engalánanse con tal encanto que nin que nos viñese visitar o flamante Papa Americano.

Os coellos son os reis da Pascua
Os coellos son os reis da Pascua

Como os alemáns desta beira non son católicos, aquí non existe a figura do Padriño que agasalla cun ovo de Pascua ao seu afillado. Aquí a estrela son os ovos, tanto os de chocolate coma os normais, e a atracción é o coello de Pascua. Os doces, coma en toda celebración alemana que se precie, son tamén o centro de atención.

Hainos de tódalas formas, a maioría en forma de coello coas orellas alargadas e algunha uva pasa facendo a forma dos ollos. As pasas tamén son o ingrediente imprescindible do Ostern brötchen (Ostern é Pascua en alemán, e brötchen é o diminutivo de brot, pan), un doce moi rico, cun sabor en certo modo similar ao Panettone italiano. Logo están os chocolates, tamén con forma de coello, ou con forma de ovo, moi elaborados nalgúns casos. A nós no traballo deixáronnos un xarrón a cada un na mesa cheo de caramelos e unha nota desexándonos unhas Felices Pascuas.

Osterhase (o coello de Pascua)
Osterhase (o coello de Pascua)

Como dicía, aquí a figura do Padriño é sustituída polo Osterhase, o coello de Pascua, aínda que a traducción literal de hase é lebre, que ten as orellas máis grandes que o kaninchen, o coello (non confundir co noso caniche, aínda que sone parecido). O Osterhase é o encargado de traer os ovos e os doces para os nenos, e como é moi xoguetón, gústalle xogar a esconde-los para que os cativos se empeñen en busca-los e non os coman todos xuntos. Di a tradición que o coello de Pascua se relaciona coa fin do inverno e o inicio da primavera, momento no que os coellos se deixan ver polos xardíns trala época das xeadas e o frío. A este paso os coellos van acabar saíndo en maio ou xuño, ata fai nada aquí estivemos cubertos de neve.

Outra das diferencias da Pascua alemana coa nosa son os días festivos. A Semana Santa para os católicos alemáns recibe o nome de Karwoche e en lugar dos nosos xoves, venres e sábado Santos, aquí os festivos son o venres (Karfreitag), o sábado (Karsamstag) e o luns (Karmontag ou Ostermontag). O Domingo de Ramos que da inicio á festividade aquí é o Palmsonntag e o Domingo de Pascua ou Resurrección, que pecha a Semana Santa é o Ostersonntag.

En Austria, onde pasei a fin de semana da Pascua visitando a imponente cidade de Viena, os festivos son iguais que en Alemania. Alí tamén puidemos desfrutar dos doces e do tradicional mercado de Ostern na Praza do Freyung, onde nos marabillamos coa variedade de ovos de colores, queixos de tódolos tipos e produtos frescos da zona do Tirol e arredores. Unha visita totalmente recomendable, nesta mesma praza tamén montan un Mercado de Nadal tódolos anos desde 1772. A Praza, por certo, recibe o nome de Freyung, free ou libre en alemán antigo, xa que nela había un Mosteiro que na época ducal tiña a potestade de protexer aos fuxitivos e aos estranxeiros.

Altwiener Ostermarkt
Na entrada do mercado de Pascua de Viena

Voltando aos festivos, pronto se celebrará tamén aquí a Ascensión, Christ Himmelfahrt, aínda que non montan atraccións nin poñen a tocar a Amaral, Melendi ou David Civera… (¡¡que la detengaaan, que es una mentirosaaaa!!”). Aquí lévase máis o techno. Este ano cadra a 9 de maio, e pouco despois, o 19 e o 20, temos o Pfingstsonntag e o Pfingstmontag, é dicir, o domingo e o luns de Pentecostés, sorprendentemente tamén festivos en Alemania. Xa indagarei cando cheguen esas datas porqué aquí en Sachsen tamén é festa se apenas son católicos, aínda que en orixe a Pentecostés parece que era máis unha celebración xudía. O caso é facer festa.

Moito colorido no Ostermarkt de Viena

E falando de festa, tamén me chama a atención a importancia que aquí lle dan aos “Días de…”. O pasado 8 de marzo, por exemplo, foi o Día Internacional da Muller, e nalgunhas empresas reciben ás mulleres cun agasallo, un pequeno detalle para recoñece-las no seu día. No meu traballo ese día, un dos xefes baixou ao comedor na hora da pausa e foi dándolle a man unha a unha a tódalas mulleres felicitándoas polo seu día. Como adoito dicir nestes casos. Son detalles.

De feito, agora co fin da Pascua, tiñamos programada unha festa de Ostern da empresa, que por mor do tempo foi posposta para primeiros de maio e rebautizada como “festa da primavera”. As conmemoracións aquí en xeral son moi valoradas e reciben un trato especial, que inevitablemente me lembra ao tratamento que o Día das Letras Galegas ou o Día da Nai ou do Pai lle adicabamos no colexio.

13 de febreiro

Sen ir máis lonxe, o pasado 13 de febreiro celebrouse un ano máis en Dresden a conmemoración dos bombardeos aliados que destruíron a cidade aló polo 1945, en pleno declive da Segunda Guerra Mundial. Unha data moi sinalada no calendario aquí en Dresden. Ás 22:14 horas do martes 13 de febreiro de 1945, martes negro de Carnaval, iniciouse o primeiro dos tres bombardeos que en menos de 24 horas deixaron caer  unhas  4.000 toneladas de bombas sobre o casco histórico da cidade, onde se chegaron a acadar temperaturas extremas de ata 1.000 graos centígrados. A cifra de mortos baila bastante segundo onde se mire, pero un estudo encargado no 2005 polo 800 aniversario da cidade (e publicado en 2010), sitúa o dato entre unhas 22.700 e 25.000 persoas. 

Destrucción de Dresden en 1945
Destrucción de Dresden en 1945

Desde fai uns anos, non puiden atopar exactamente cando, cada 13 de febreiro Dresden convértese nunha marcha contra o nazismo, con cadea humana e manifestación en contra do fascismo incluída. Ou en prol del, segundo se mire, xa que un grupúsculo minoritario de nazis programa para o mismo día unha contramanifestación para defender o indefendible. Semanas antes da efeméride, carteis convocando a manifestación con mensaxes contra o nazismo inundan as rúas da cidade. Todo o mundo se prepara para lembrar aquel fatídico día de 1945 e repudiar unha vez máis o movemento nazi, do que aínda queda unha mínima expresión, que aproveita a mesma data para lembrar aos nazis caídos no bombardeo e reivindicar as súas ideas xenófobas e autoritarias.

Ao longo do día sucédense os actos a xente sae á rúa para expresar o seu rexeitamento aos nazis, cuio réxime dirixido por Hitler provocou a destrucción da cidade nunha inxustificada demostración de forza militar por parte dos aliados cando a guerra tocaba ao seu fin. Cada 13 de febreiro, movidos pola Asociación Dresde Nazi Frei (“Dresden libre de nazis”), os cidadáns de Dresden expresan o seu rexeitamento aos fascistas formando unha cadea humana de varios kilómetros e bloqueando o itinerario da marcha nazi polo casco histórico da cidade.

A cadea humana nas beiras do Elba
A cadea humana nas beiras do río Elba

O resultado este ano foi bastante light, afortunadamente, pero ten habido Blockades (bloqueos) con leña e enfrontamentos importantes entre a manifestación antifascista (na que tamén se pode atopar algún grupúsculo que defende posturas radicais) e a minoría nazi. Este ano tiven a oportunidade de achegarme tímidamente despois do traballo á manifestación, da que vos ensino unhas cantas fotografías e o pequeno vídeo que podedes atopar ao final desta entrada.

Chamoume a atención moito, moitísimo, e eso que foi unha manifestación moi tranquila, a función da policía alemana no evento. Prometo que nunca vin tantos policías xuntos en ningún sitio e tan ben preparados para conter ou atacar o que fose. Mentres eu estiven alí, non utilizaron nin unha porra nin lle zouparon a ninguén. E eso que había un grupo de nazis e outro de antifascistas chamándose de todo. O grupo dos nazis, uns 30 ou 40, quedaron “acorralados” entre un amplo cordón policial dunhas tres filas e o resto dos manifestantes, a carón da Estación Central de Dresden (Hauptbahnhof Dresde). O grupúsculo, cheo de enmascarados, skins e demais simboloxía asociada ao movemento nazi, de vez en cando soltaba cánticos e berros que eran repudiados de seguido polos Nazis Raus! (¡Nazis Fóra!) e outros cánticos coma o “Ihr seid so lächerlich” (¡Sodes ridículos!), que lle adicaba a masa antifascista.

Manifestación antifascista en Dresden
Manifestación antifascista en Dresden Hauptbahnhof

No vídeo de abaixo podédesvos facer unha idea de cómo foi o final da manifestación, explícoo en castelán porque así tamén o entenden os meus compañeiros hispano-falantes de por aquí. Ao fondo, están os nazis separados do resto pola policía, e no resto da explanada, de xeito distendido e relaxado, a parte antifascista. Como se aprecia nas imaxes, no medio deles había unha mini-caravana cun megáfono que ía indicando os movementos do resto da marcha residual dos nazis, dispersa en pequenos grupos por distintos puntos da cidade, e mesmo suxeríndolle maniobras á policía para que o resto da marcha transcorrese sen enfrontamentos nin encontronazos indesexables.

A policía protexendo a marcha antinazi

Fun á marcha cun grupo de españois e italianos, e insisto unha vez máis, chamounos especialmente a atención a calma e a tranquilidade con que a policía alemana aplacou aos nazis e controlou sen problema algún a manifestación. Formando en amplos cordóns integrados por deceas de axentes, en ningún momento fixeron uso da violencia, simplemente se limitaron a contemplar e conter. Unha imaxe ben alonxada da Policía Nacional ou dos Mossos d’Esquadra partiendo la pana diante de indignados, escolares e manifestantes peligrosísimos. A comparación entre nazis e escolares é abrumadora, ¿non si? Son detalles.

One comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *