Logo da CRTVG

Mamá… ¡saquei un dez nas oposicións!

 

Bueno, un dez non, saquei un 75 sobre 75, e no exame teórico. O que vén sendo o mismo. Mamá, son un fenómeno. Acertar 75 preguntas nunha oposición xa ten mérito, ¿eh? E ademais para a Radio Galega, ¡que non é moco de pavo! Anda. Espera un momento. Ademais de min, outros 39 opositores sacaron tamén un 75. E 9 deles un 74. ¿Pero isto qué é? ¿Unhas oposicións ou unha feira?

Villa | Madrid

Recinfo feiral de Silleda. 17 de decembro de 2011. 8 e media da mañá. Fai un frío de carallo. Nada que ver co frío seco da capital. O frío daquí métese nos ósos e non hai quen o saque. “¿Tomarémoslle un café ou?” Dígolle a Iván, o  meu compañeiro de promoción. Iván, o de Vedra, Cutrín po’s amighos. E alá vamos Cutrín e máis eu. No coche viñemos rindo, recordando os vellos tempos da Facultade. Media hora antes de facer o exame teórico das oposicións para a TVG (él) e para a Radio Galega (eu), a nosa principal preocupación era escorrentar o frío.

Un par de meses antes fixéramos as probas orais, de galego e locución. Tras ler un texto ante o tribunal, a miña nota foi dun 10,3 sobre 15 en galego oral, e dun 24,2 sobre 30 no de locución. En galego oral esperaba un pouquiño máis, en locución andiven na media. Como diria José Tojeiro, lo normal en estos casos (léase con acento “delacoruneno”). Pero volvamos á feira. Perdón, ao exame.

Unha vez que entramos en calor, saíu a relucir a pregunta estrela que nos acompañou durante a fase de estudio das oposicións. “¿E logho será tan fácil?” E vaia si foi. 75 preguntas, 15 de galego, 30 teóricas e 30 prácticas, aínda que a día de hoxe sigo sin entender qué tiñan de teóricas unhas e qué tiñan de prácticas as outras. O da dificultade xa é outro capítulo.

Creo que os opositores á telegaita somos os únicos en todo o mundo que preparamos unha oposición nunha semana, no mellor dos casos, e en tres días, no máis común dos casos. Eu creo que non cheguei á semana, quedeime nos cinco ou seis días. Atrevido. Suficiente para memorizar (usar aquí o verbo estudar sería un insulto) a batería de 360 preguntas teóricas (?) sobre radio e “cultura xeral” e 90 sobre a lingua galega.

Radio Galega

De entrada supoño que vos chocará tanto coma min que “a organización” nos facilitase a batería de preguntas que ían caer no examen. Nin o menos esixente dos meus profesores da ESO o facía, se mal non lembro. De todas formas, non fagades caso. Teño mala memoria. Non, a telegaita dache a batería enteiriña. Caerán 75 de 450. Estúdaas que maloserá oh!

E aquí ven outro dos méritos que os opositores á excelentísima Corporación de Radio e Televisión de Galicia poderemos engadir ao noso currículo só por ter participado neste proceso polo que pagamos 40,74 €. Ao mérito de estudar unhas oposicións en menos dunha semana, poderemos sumar a heroicidade de ter estudado unhas oposicións pola Wikipedia. Sí, sí. Como ledes. A Wikipedia. Contrastando por suposto, que para algo somos xornalistas, qué carallo. A profesión vai por dentro, ou algo así. Xa sabedes, mala memoria.

Teño que confesar que pequei. Das 450 preguntas, só estudei pola Wikipedia 360. As restantes 90, as preguntas de galego, pasoumas unha compañeira coas solucións marcadas. Sen dúbida iso restaráme puntos na puntuación final, pero qué queredes, o tempo é ouro, e perde-lo buscando a resposta a se o teísmo é un fenómeno dialectal que consiste en utilizar te en vez de che ou separando a palabra adoeciamos en sílabas, pois xa me entendedes…

As preguntas teóricas tamén tiñan delito. Repetide comigo. Oposicións á Galega. Á Radio e Televisión de Galicia. Medios de comunicación públicos que informan (?) do que ocorre en Galicia, da política, da cultura, do noso cona. Entón, ¿qué carallo pintan preguntas coma as seguintes? Que alguén mo explique que como vivo en la capital, Galicia me queda lejos y no lo pillo…

231. Qué actriz rodou “Vida conyugal sana”?

a) Amparo Muñoz

b) Nadiuska

c) Analía Gedé

d) Yenny Llada

A resposta é Nadiuska, que debeu nacer en Lalín ou ler algunha vez o pregón da Feira do Cocido, saír na portada dalgún disco dos Heredeiros da Crus ou escribir relatos infantís en galego, pero claro, como teño mala memoria, non lle acabo de ver a vinculación coa miña terra. Esta tampouco ten desperdicio…

225. Dos seguintes nomes quen non é un matador de touros?

a) Antonio Corredor

b) Morante de la Puebla

c) Daniel Luque

d) Antonio Barrera

A pregunta ten trampa. Moitos pensaredes que é Morante de la Puebla, de la Puebla del Caramiñal por supuesto. Todos sabemos que en Galicia hai unha forte tradición taurina en tódalas localidades costeiras agás na Pobra. Pero non, ¡JA!. Disque o tal Morante ese sí que é toureiro. Un descartado. A opción Antonio Barrera tamén tiña trampa. Barrera. “Cómo son os da galega, ¿eh?” Ver os touros desde a barrera e non no tendido. Qué chispa. Pero non, ese tal Barrera tamén é matatouros. Daniel Luque ou Antonio Corredor. Pola regra de tres de razoamentos que na galega deben pensar que temos os xornalistas deste país, o Corredor este será un atleta, así que xa temos a solución. Daniel Luque. ¿Estamos parvos ou qué? E así con máis da metade das preguntas.

Preguntarédesvos se aprendín algo nestas oposicións. Sí. Faltaría máis. Ademais de aprender cousas tan galegas e tan nosas como que o guionista de Balada Triste de Trompeta é o propio Álex de la Iglesia, que Frederick Forsyth escribiu a novela Cobra, que Josep Piqué ademais de ser o tío do futbolista ese que se papa á Shakira é o presidente de Vueling, ou que Raphael ten un museo máis que merecido en Linares (que debe quedar saíndo da Gudiña á man dereita, cómo está hoxe a miña memoria…), ademais de todo iso aprendín algo. Non quero traballar na Radio nin na Televisión de Galicia. Ou cando menos, non me gustaría acceder a un posto de traballo nesa Corporación deste xeito.

Oposicións á CRTVG

Desde o minuto 1 tiña claro que iso non ía ocorrer. Primeiro, polo inxusto sistema de puntuación. Os méritos, que lle chaman. Unha palabra que segundo o contexto pode ter un significado moi profundo. Partindo da base de que nunca fixen prácticas nin tiven algunha relación coa CRTVG, a miña puntuación na fase de méritos só se limita a un papel que firmou o sogro de Urdangarín e que di que son xornalista. A miña experiencia previa en diversas radios e TV’s non vale de nada. Cero patatero. E segundo, porque non me apetece ser un xornalista funcionario. Sabemos facer máis cousas que entrevistar á veciña ou veciño de Rodeiro a quen o raposo lle comeu as galiñas a noite anterior.

En Galicia ocorren cousas máis interesantes, ostia. Xa está ben de converter os informativos nunha rolda de accidentes, sucesos e política institucional. Sabemos facer máis. E á xente interésanlle máis cousas que os roubos na gasolinera de Carballo ou que os pubs de Santa Comba teñan todos licencia de tablao flamenco. Aínda que claro, vendo o nivel preguntas da oposición, e a falta de respeto que o proceso no seu conxunto supón cara a xente que se presentou (asesores lingüístas, operadores de cámara, realizadores, redactores, documentalistas, etc.), a un xa non lle sorprende que lle ofrezan iso á audiencia.

Ás veces a linguaxe da no cravo. Concurso-oposición. Sí, aquelo semellaba un concurso. Incluso o lugar escollido para as probas teóricas, o recinto feiral de Silleda, foi todo un acerto. Porque, señores, aquilo non foi unha oposición. Aquilo foi unha feira. Unha feira na que en media hora marcamos cun lapis as respostas a unhas preguntas de coña. Unha feira na que 40 persoas sacamos a máxima puntuación (só en radio, no resto de categorías pasa o mesmo, podédelo consultar aquí).

Unha puntuación, que de pouco vale se non tes méritos. Sumadas as notas da proba oral e teórica, estou de 30 para 12 prazas. O listado saíu onte e podédelo ver aquí. Agora queda a fase de méritos, aínda que, visto o visto, o meu mérito é non ter méritos. Non os quero. Quédome coa miña mala memoria e co sorriso de miña nai sabendo que o seu fillo sacou un dez nas oposicións. Ela tamén sabe que non vale de nada, pero como din as nais: filliño, por probar…

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará