Loba Negra continúa a historia de Antonia Scott e Jon Gutiérrez iniciada en Reina Roja, seguindo unha nova trama principal pero sen perder o trasfondo dos feitos que ocorren na primeira parte da saga.
Juan Gómez-Jurado segue adquirindo cada vez máis lectores en tódolos rincóns do mundo gracias á saga Reina Roja, protagonizada por Antonia Scott e Jon Gutiérrez, da que vos falei xa neste post. Nesta ocasión, con Loba Negra, Jurado introdúcenos no mundo da mafia rusa en Málaga, cunha trama interesante que mistura polis corruptos, axustes de contas, trata de mulleres e unha misteriosa asasina a soldo que leva o pseudónimo que da título ao libro.
Entremedias, Jon ten que facer de tripas corazón e axudar a Antonia a superar unha crise persoal que parece perturbar as súas dotes investigadoras. Con todo, ambos son capaces de canalizar as súas pesquisas arredor do paradeiro de Lola Moreno, unha personaxe cun papel destacado na novela. Non vou contar máis da trama, pero sí vos vou contar qué me pareceu.
Valoración Loba Negra
En xeral, Loba Negra sorprendeume e gustoume menos que Reina Roja. A trama da primeira parte é máis orixinal e atrapa máis que a de Loba Negra, onde o efecto novidoso de achegarse ás personaxes de Antonia Scott e de Jon Gutiérrez desaparece. Loba Negra ten unha trama máis típica e ao meu parecer, menos lograda. Conta cun par de xiros interesantes e cun final que che deixa con ganas de comezar Rey Blanco canto antes, ademais dos habituais flashbacks que atopamos na entrega anterior e que nos axudan a entender mellor a personaxe de Antonia Scott, algo que botaba en falta e que agardaba atopar nesta segunda entrega. Pero no conxunto, Loba Negra perde ante Reina Roja.
Por momentos, a trama principal parece desapegada dos feitos que ocorren na primeira parte da triloxía, aínda que sospeito que na terceira parte, Rey Blanco, se irán vinculando dunha forma máis clara. As cousas como son, o meu xuízo tamén está condicionado pola lectura máis irregular que fixen da novela, inmerso como estaba en pleno proceso opositor e con menos tempo do habitual para unha lectura continuada.
Unha novela entretida
En definitiva, Loba Negra ofrece unha lectura entretida que combina a presentación inicial das novas personaxes (Yuri, Lola Moreno…) coa evolución progresiva das personaxes coñecidas de Antonia, Jon e Mentor. Ambos grupos de personaxes mistúranse na nova trama sen esquecer os retazos da trama de Reina Roja, cun final sorprendente a modo de cliffhanger para que non queiras facer outra cousa que comezar Rey Blanco de seguido. E iso fixen, así que pronto vos contarei que me pareceu o peche desta triloxía.
FICHA TÉCNICA
Título
Loba Negra
Autor
Juan Gómez-Jurado
Ano
2.019
Edición
Primeira (en castelán)
Editorial
Ediciones B
Data
2.019
O mellor
Unha maior profundización nos medos de Antonia Scott
O peor
Baixa o nivel con respecto a Reina Roja
A miña nota
7/10
Mercar Loba Negra
One comment