“La Muñeca Dormida” é a primeira novela protagonizada por Kathryn Dance, personaxe nacida da mente creadora de Jeffery Deaver, autor que se deu a coñecer en 1997 coa primeira entrega da saga “El coleccionista de huesos”.
Despois dunha decea de novelas, Jeffery Deaver salta á fama gracias a “El coleccionista de huesos”, adaptada ao cine en 1999 baixo título homónimo, con Denzel Washington interpretando o papel do emblemático detective tetrapléxico Lincoln Rhyme. Na sétima entrega da saga Rhyme, “Luna Fría” (2006), Jeffery Deaver introduce á axente especial Kathryn Dance, experta na análise da linguaxe corporal. Tras esta aparición coma axudante de Lincoln Rhyme, Kathryn Dance gánase o dereito a unha saga de novelas policiacas propia, que o autor inicia en 2007 con “La Muñeca Dormida”, e que na actualidade conta xa con catro entregas.
La Muñeca Dormida


A novela comeza cun breve encontro no cárcere entre a protagonista, Kathryn Dance, e o asasino Daniel Pell, apodado “o fillo de Manson” debido ás súas similitudes co famoso asasino do Helter Skelter. Daniel Pell cumple condena polo brutal asasinato do empresario de Silicon Valley Thomas Croyton, e da súa familia. Todos falecen no suceso, salvo unha das fillas de Croyton, que se salva mentres dorme plácidamente no piso de arriba, allea á matanza de Pell. Este feito fará que a pensa a bautice como “la muñeca dormida”. Con todo, tanto o apelativo de “La Muñeca Dormida” coma o papel da súa personaxe non teñen demasiado peso na trama, só silandeiramente, sendo un dos puntos máis febles da novela.
O encontro entre Dance e Pell serve de pretexto para que o asasino poña en práctica unha fuga espectacular. Isto da inicio a unha longa persecución na que Daniel Pell sempre se anticipa aos movementos dun equipo policial encabezado pola propia Kathryn Dance (representante do CBI, o California Bureau of Investigation), o seu amigo Michael O’Neil, da oficina do Sheriff e mailo axudante do FBI, Winston Kellogg. A persecución altérnase co día a día de Kathryn Dance, viúva e nai de dous fillos; ao tempo que imos sabendo máis detalles da Familia de Daniel Pell, desfeita oito ano atrás despois da matanza da familia Croyton.
Un Charles Manson moderno
Daniel Pell é unha recreación moderna de Charles Manson. Jeffery Deaver toma elementos similares da Familia Manson e insértaos no século XXI, en ocasións de maneira acertada, e outras veces, de maneira forzada ou menos crible. Si é revelador o momento no que as tres antigas integrantes da Familia Pell, que teñen un papel importante na trama, se reencontran e son conscientes da manipulación á que as sometía Pell oito anos atrás. Este é un dos episodios máis logrados da novela, e onde máis se achega o autor ao universo Manson.
Os intentos do autor de mansonizar a Daniel Pell teñen tamén influencia nos motivos da súa fuga e nos seus actos posteriores, imitando a idea de Manson de fundar unha nova colonia no Death Valley. Esta idea fai por momentos que as accións de Daniel Pell rocen o ilóxico, intentando deixar atados todos os cabos dunha fuga tan perfecta como irreal. Con todo, se nos poñemos no lugar de Pell, hai certa coherencia nas súas accións.
Para os lectores que queiran aventurarse na novela, convén saber que o duelo entre Pell e Dance pouco ten que ver con outros duelos célebres da literatura criminal, coma o de Clarice Starling e Hannibal Lecter. Esta é unha novela de persecución na que a análise kinésica é unha característica intrínseca da súa protagonista, Kathryn Dance. En “El silencio de los corderos” a análise do comportamento criminal é o trasfondo do intenso duelo psicolóxico entre Starling e Lecter.
En definitiva, “La Muñeca Dormida” é unha novela policial entretida e moi ben narrada, cunhas personaxes interesantes e varios xiros finais que denotan a calidade e a experiencia de Jeffery Deaver. Sen dúbida un libro recomendado para os amantes das mellores novelas policiacas.
FICHA TÉCNICA
Título
La Muñeca Dormida
Autor
Jeffery Deaver (tradución de Victoria E. Horrillo)
Ano
2.007
Edición
Primeira Edición (en castelán)
Editorial
Books4Pocket
Data
2.015
O mellor
A análise do comportamento kinésico que fai Kathryn Dance
O peor
O título "La Muñeca Dormida" non ten o peso correspondente na trama
A miña nota
7/10
Mercar La Muñeca Dormida