El informe Müller

Informe Müller, de Antonio Manzanera (2013)

Estamos ante unha novela de espías que transcorre dez anos despois do remate da Segunda Guerra Mundial. Nela, dous investigadores seguen o rastro de Heinrich Müller, líder da Gestapo, mentres tratan de dilucidar qué ocorreu no búnker da Chancelería de Berlín o día que se suicidou Hitler.

Unha trama así de potente pode resultar perigosa. As expectativas antes de ler Informe Müller, a primeira novela de Antonio Manzanera, eran bastante altas. E a novela consegue por momentos un alto nivel de interese e tensión, sobre todo cando o autor recrea na primeira parte do libro as últimas horas de Hitler no búnker, contadas desde a perspectiva de Heinrich Müller. Esa é sen dúbida a mellor pasaxe da novela.

Na novela, este testemuño de Heinrich Müller previo ao seu asasinato en Múnich no ano 1955 orixinan unha serie de investigacións da CIA e do MI6 para tratar de dilucidar, primeiro quen matou a Müller, e segundo, qué ocorreu entre o 30 de abril e o 1 de maio de 1945 no búnker onde se suicidou Adolf Hitler. Na vida real, Heinrich Müller foi o único oficial nazi de rango cuxa morte ou captura nunca puido ser confirmada. Este é, insisto, un dos puntos máis fortes da novela, recrear qué puido suceder nun dos momentos máis históricos do remate da Segunda Guerra Mundial. Iso, e máis o abundante traballo de documentación do autor sobre as personaxes reais envoltas na trama.

Investigacións

A parte máis frouxa da novela son, para min, as investigacións que seguen á morte de Heinrich Müller. Hugh Trevor-Roper, historiador ligado ao MI6 (o servicio secreto británico no exterior) acompaña ao axente da CIA, o maior Oughton, por distintos puntos de Alemaña e Austria para entrevistarse coas últimas persoas vivas que estiveron no búnker da Chancelería de Berlín en abril e maio de 1945. No transcurso das pesquisas, van abrindo vías de investigación novas que os levan a entrevistarse con outros implicados.

O que chama a atención desta parte, por momentos lenta, é que todos os entrevistados falan e contestan con demasiada facilidade. Sí, maquillan en certas ocasións o ocorrido para non empaparse ou incriminarse, pero colaboran sen moita dificultade. Un espera que, nunha novela de espías, haxa un pouco máis de acción que unhas simples entrevistas para recabar información.

Ademais, as personaxes de Oughton e Trevor-Roper carecen de profundidade e son, en xeral, planas. Son meros transmisores da narración sen excesivos conflictos internos ou intervencións destacables. Oughton gárdase un par de ases na manga cara ó final, pero tampouco sobresae como un espía intelixentísimo e carismático.

Novela entretida e orixinal

Müller

Con todo, a novela ofrece unha lectura entretida e moi documentada que, sobre todo nas partes inicial e final, fai que queiras seguir lendo máis. Informe Müller é a novela debut de Antonio Manzanera, que desde esa publicou varias novelas máis de trasfondo histórico como “Nuestra parte del trato”, ambientada na Guerra Civil española ou “La suave superficie de la culata”, de novo coa CIA envolta nunha trama que relaciona aos Kennedy e a Fidel Castro. Anotarei esta segunda na lista de novelas futuribles, sobre todo para comprobar se os destellos de calidade narrativa que se aprecian en Informe Müller se afianzan nalgunha das súas seguintes obras.

E xa que falamos de novelas nas que se revisitan feitos históricos, unha recomendación moi destacada é sen dúbida “22/11/63” de Stephen King, a mellor novela deste xénero que lin, cun exhaustivo traballo de documentación e coa orixinalidade e maestría de King como avais. Se vos interesa achegarvos á morte de John Fitzgerald Kennedy e á figura de Lee Harvey Oswald desde unha perspectiva de ficción histórica, esta é a mellor opción para desfrutar ducha novela apaixoante.

E seguindo coas obras relacionadas con JFK, xa teño nas miñas mans o libro de Vincent Bugliosi sobre a morte do presidente dos EEUU, da que vos darei conta en 2021.

 

FICHA TÉCNICA


Título

El Informe Müller


Autor

Antonio Manzanera


Ano

2.013


Edición

Primeira Edición (en castelán)


Editorial

Books4Pocket


Data

2.015


O mellor

A documentación e o plan de fuga de Hitler


O peor

A falta de carisma das personaxes principais


A miña nota

7/10


Mercar El Informe Müller
portada El Informe Müller
Portada de "El Informe Müller"

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *