Mar 16, 2012 - O Rincón de Villa    No Comments

Eu xa sentín a chamada, ¿e ti?

Cartel presentación Galileo día 24 de marzo

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Fai un par de semanas tiven o pracer de coñecer a Alfonso Blanco, músico e productor lugués, galego e ante todo, cidadán do mundo. Un par de cañas, uns cantos acordes na guitarra e algún que outro licor café despois, tiven o gusto e a honra de coñecer o proxecto máxico e universal que Alfonso se está encargando de traer a este mundo. Adiante compañeiro.

Villa | Madrid

Eu sentín a chamada como ocorren as mellores cousas nesta vida, a carón da barra dun bar. Por suposto, non dun bar calquera, xa sabedes a miña devoción polo Meigas, Pulpo & Friends, un sitio máxico no que teño o gusto de traballar como sirvecopas. E digo ben o de máxico porque senón non se explica que Alfonso Blanco aparecese por alí de casualidade un xoves calquera do pasado mes de febreiro, arrastrado por dous compañeiros que coñecían o bar e sabían que alí servían pulpo.

Tras degustar o pulpo ben regado cunha Estrella Galicia, Alfonso, coma bo galego, decatouse de que o sirvecopas tamén era da terra. E alá nos botamos a falar. Tamén estaban presentes os meus xefes e compañeiros, que tomaron parte activa da conversa. O caso é que Alfonso contounos que era músico, e preguntounos si era posible que nos trouxese algún CD e máis o cartel dun concerto que ía facer o día 24 de marzo na Sala Galileo Galilei. Carallo, ahí non toca calquera, pensei eu. Disque o concerto era para presentar os temas do CD, unha escolma dun proxecto potente sobre o Camiño de Santiago. Un musical. Sí. Un musical sobre o Camiño.

Dito isto, un dos compañeiros que acompañaban a Alfonso, foille buscar a guitarra ao coche, e azuzouno para que nos tocase alí, en vivo e en riguroso directo, algún dos temas do futuro musical. Foi flipante. Repasou “O Camiño das Estrelas” darriba abaixo. Él só coa guitarra enche un escenario. E disque o fai mellor coa de doce cordas. Coma Jimmy Page o Led Zeppelin, dixen eu. Así é, asentiu Alfonso. Qué ganas de comproba-lo. O que sí comprobei e que cunha guitarra, un bo músico e unha boa cervexa, pódense facer maravillas. Ademáis dos temas que vai incluír no musical, Alfonso repasou clásicos coma O Tren, Adiós ríos, Adiós fontes, La Chica de Ayer, o Viva la Vida de Coldplay e mesmo o Wish You Were Here de Pink Floyd, tema polo cal teño unha certa debilidade. Un puto fenómeno, dispensando.

Alfonso gañounos a todos co feeling da súa música, e convidámolo gustosamente a que nos trouxese o CD sobre o musical e o cartel do concerto de presentación na Galileo Galilei. Unha semana e pico despois, Alfonso volveu ao bar, cos CD’s e os carteis baixo o brazo. Estiven conversando con él hora e pico, logo uníronsenos máis galegos e quedamos emprazados para falar do musical con calma. Así o fixemos uns días despois. Presentoume o musical do Camiño de Santiago con todo luxo de detalles. Está todo pensado, todo proxectado, todo saído da mente de Alfonso Blanco e do seu compañeiro Gugu Martínez, enxeñeiro de son e productor de Mecano, Alejandro Sanz e Nacho Cano, entre outros. A todo esto, Alfonso tamén ten un currículum.

Entre outras cousas, produciu concertos e xiras de Joaquín Sabina, Rosario Flores, Bruce Springsteen e mesmo o Festival de Ortigueira do 2009. Vamos, que o home controla. Para o musical está rodeado de xente potente. No concerto de presentación do día 24, no que presentará 13 temas do futuro musical, estará acompañado de José María Guzmán, o cantante dos míticos Cadillac, e do director musical Toni García, arreglista de Alejandro Sanz ou Azúcar Moreno. Pero iso non é todo. Se consegue inversores para levar a cabo o musical, contará coa colaboración especial de Stephane Boko, coreógrafo e bailarín do Circo do Sol. De luxo, meu. Aquí vos deixo o vídeo de presentación do concerto.

Tralo encontro con Alfonso e unha longa e interesante conversa sobre o papel da xente na sociedade actual, fun quen de escribir isto sobre o musical que ten en mente, para que vos enteredes de qué vai o asunto:  “Oito personaxes con oito historias. Oito actitudes universais guiadas polo propio Camiño, que se converte en narrador atemporal dun relato audiovisual en formato musical, que levará aos espectadores a indagar na razón da súa existencia. A duda, o coñecemento, a redención, a esperanza, o escepticismo, a promesa, a beleza e a crise de fé, atópanse nun percorrido máxico e sensorial cheo de preguntas con resposta. Un espectáculo para os sentidos que despertará emocións daqueles que reciben a Chamada do Camiño”.

“La Llamada del Camino”, que así se chama o musical, ten vocación de proxecto internacional. Se Alfonso logra recaudar o diñeiro preciso para poñe-lo en marcha, que o fará, estará uns meses en cartel nalgún teatro da capital, e logo percorrerá as principais cidades galegas máis as cidades que acollen algún tramo do Camiño, para lograr emprender unha viaxe por Europa na que Reino Unido, Alemania, Holanda ou Italia serán citas obrigadas. E non vos extrañe se dentro duns anos “La Llamada del Camino” soa no mesmísimo Broadway de Nueva York.

Deséxolle a Alfonso toda a sorte do mundo, porque a merece, porque o está loitando e porque ten nas súas mans un proxecto tan ambicioso coma espectacular. Cunha mistura de música pop con tintes galegos e celtas de base folk, o concerto do día 24 (Sala Galileo Galilei, 21:30 horas, entrada 10 €), será unha boa mostra da boa conxunción entre o musical e o sensorial, entre o son e a imaxe, entre o espiritual e o real, entre o coñecemento e a fé (non a relixiosa, senón a persoal, a fé pola vida, por un proxecto, por unha forma de entender as cousas), entre tradición e modernidade…

Eu xa sentín a Chamada do Camiño, agora só falta que algún mecenas descubra este caramelo e aposte por él para darlle a dimensión que merece. O Camiño é longo, pero só acadan a Compostela, ou mellor dito, só alcanzan a Finis Terrae, aqueles que se lanzan á aventura, mochila ao lombo, cun rumbo e unha meta claras. A felicidade de coñecerse a sí mesmos e descubrir qué carallo vin a facer nesta vida. Ti xa o sabes, compañeiro. Sorte Alfonso!!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

Got anything to say? Go ahead and leave a comment!