“En Alemania, cousas verás…”

… “que en España nunca farás”. Así podemos resumir este último post do ano, un ano de asentamento en Dresden no que o manexo do idioma foi mellorando e no que vivín momentos de incertidume no traballo, pasando dunha mini-crise na empresa á estabilidade en poucos meses, para que vexades que alí tamén afectan os problemas económicos, aínda que lle dan menos publicidade ca nós. E xa que remata o ano, aproveito para recapitular unha serie de curiosidades que nos deixa o día a día na sociedade alemana… Curiosidades da vida entre bárbaros.

Villa | Dresden

A sociedade alemana pode destacar de cara ao exterior pola súa seriedade, o seu pragmatismo, a súa capacidade de sacrificio ou a súa constancia, pero unha vez que convives con eles descobres que moitos destes conceptos son reais e outros non tanto. Durante un tempo parecía que Alemania vivía allea á crise, eso pensaba eu comparando as conversacións cotiás que oía en Galicia e que oía alá, pero despois dunha temporada entre bárbaros, descubrín que pouco a pouco tamén os alemáns comezan a preocuparse pola crise. De xeito distinto, iso sí, non é o tema único pero sí comeza a ser unha excusa para xustificar certas cousas e comeza a aparecer veladamente nalgunhas conversas.

A primeira vez que o notei e fun consciente disto foi celebrando o magosto rodeado de españois unha tarde calquera de finais de outubro. Alá lle ensinamos aos compis españois e a algún alemán que se uniu á festa cómo celebramos os galegos o outono. Castañas, empanadas, bolos preñados e como non, Estrella Galicia. O conto é que nos xuntamos unha ducia e falando de todo un pouco, démonos conta de que o que máis o que menos, todos tiñan algún que outro problema no traballo. Que se tiñan poucos encargos, que se botaran a xente, que se  houbera cambio de xefes e estaban facendo limpeza…

Magosto en Dresden
Celebrando o Magosto en Dresden

Ningún dixo, ah, pois na miña empresa todo vai ben. Aí foi cando dixemos todos, coidado, aquí tamén se nota a crise. A diferencia, acordamos todos, é que eles non afrontaban iso con psicose colectiva, senón con pragmatismo e incluso con hermetismo. Penso que todos son conscientes de que as cousas alí tamén afrouxaron un pouco, pero semella haber un pacto colectivo para non airear os males internos mentres os alleos sigan sendo tan ruidosos. Cando menos iso é o que se aprecia en Sachsen, na rexión onde nos atopamos.

Xa coñezo casos de alemáns con 26-28 anos no paro despois de acabar a carreira ou vivindo apurado para pagar o alquiler e os gastos de electricidade, coche e demais… algo que nos é ben coñecido na terriña e arredores. Quizais estando vivindo a nosa situación de fai uns anos, cando comezou a estalar a bomba inmobiliaria e demais, pero o sentir xeral entre a comunidade española que alí nos atopamos, é que eles saberán xestionar mellor os problemas e os danos non serán tan grandes. Irémolo vendo ao longo de 2014, un ano que se presenta interesante, veremos a incidencia desta recesión tardía na sociedade alemana e cara onde van os tiros.

Tras esta reflexión ao máis puro estilo en tódolos sitios cocen fabas, poñémonos un pouco menos serios para facer un retrato das curiosidades que despois de 1 ano e 7 meses entre bárbaros, aínda hoxe me siguen sorprendendo. Vou tratar de enumera-las, aínda que non coa idea de facer un ranking, simplemente vounas ir enfiando unhas con outras comezando polas máis recentes:

1. Se un alemán está enfermo, non che da a man. Os alemáns son moi coidadosos coa saúde. Os médicos en seguida che dan unha baixa de cinco días se estás acatarrado. O seu medo é o contaxio aos demais, nos seus esquemas non entenden que un traballador enfermo poida provocar máis baixas nunha empresa e deseguido o mandan para casa. Por iso, se alguén está acatarrado ou ten fiebre, o normal é que se negue a darche a man cando che vexa. Eu tiña un xefe no traballo que tiña o costume de darlle a man a todo o mundo cando chegaba á empresa. A semana seguinte á súa incorporación, estivo de baixa unha semana e varios compañeiros foron detrás. Aínda hoxe din que foi culpa del por pasarse media mañá dándolle a man aos empregados. ¡Cousas verás!

2. As ceas de empresa son ás 7 da tarde. E as que non son de empresa, tamén. Antes de vir de vacacións para Galicia, foi tempo de ceas de Nadal. A de empresa, a do equipo de fútbol, a dos compañeiros españois… Naturalmente, a cea dos españois fixémola ás dez da noite cos conseguintes quince minutos de retraso de rigor. A camareira do local, desesperada, xa preguntaba ¿e cando van vir os outros? O caso é que os alemáns non teñen o concepto de cea de empresa que temos nós. Eles son máis de Weihnachtsfeier (léase bainagsfaia), é dicir, festa de Nadal. Se hai cervexa e algo inusual, tipo xogar aos bolos, ir a patinar ou visitar os mercadillos de Nadal, xa lles vale. Son capaces de programar unha cea de Nadal entre semana, a finais de novembro ou nun restaurante irlandés de hamburguesas e pratos combinados. A excusa é xuntarse e celebrar, non tanto o ritual de cea e sobremesa con chupitos que temos nós. ¡Canto teñen que aprender!

3. Os alemáns son quen de comer o postre antes que o prato principal. Así é. Non contentos con facer comidas a base de pepino e cenoiras crudas, teño compañeiros de traballo que mentres quentan o tupper no microondas, xa van comendo o iogur e a froita antes de que a pasta ou o arroz estén listos. A comida para eles é un trámite, a orde dos factores non altera o valor do producto. ¡Matemática pura!

4. Un alemán pode secar a louza sen aclarar. Increíble pero certo, visto cos meus propios ollos. No traballo temos turnos de limpeza para ter a cociña recollida e a louza lista para os seguintes turnos na comida. Aínda que na maioría das empresas alemanas soe haber cantina, no meu choio non, e mesmo pasamos do cátering a ter que traer o tupper ou cociñar na hora da pausa. Así, mentres o lavavaixelas traballa a reo, púxenme a lavar os catro pratos e cubertos que non colleran no aparello, mentres un dos meus compañeiros os ía secando cun trapo. Cal foi a miña sorpresa cando se puxo a secar a louza directamente sen aclarar. Eu perplexo, pregunteille senon sería mellor que esperase a que a aclarase e que despois a secase. A contestación foi algo así como: “Co xabón xa está limpo”. Desde esa, o que lavo, xa o aclaro ao momento. Por se acaso.

5. Os alemáns xustifican todo con estadísticas e cifras. Un costume tan admirable como desesperante. Os alemáns poden explicarche o prezo da luz tirando da estadística do prezo por kilowatio en función dos metros cadrados da túa vivenda e da velocidade ca que sopra o aire. Son tan capaces de memorizar os litros de cervexa que producen ao ano como de bebelos, e si teñen que explicar algo, diráncho sempre cunha porcentaxe. Fano polo menos o 99% dos alemáns.

Cifras, datos, estadísticas!!!
Cifras, datos, estadísticas!!!

6. Un alemán precisa organizar todo con antelación. Un costume máis desesperante incluso que o punto 5. Na miña cea de empresa leváronnos aos bolos. Na metade da primeira partida, un compañeiro meu xa me estaba preguntando ¿e despois desto qué facemos? A miña resposta foi: “xa improvisaremos algo”. Durante a segunda partida de bolos volveu a repetir a mesma pregunta. A miña resposta foi: “fai o que queiras que eu xa irei vendo”. Este costume lévaos a chamarche un mércores e preguntarche se o sábado queres quedar para xogar ao poker ou á consola, algo que aquí faríamos como moi pronto o venres ou máis ben o sábado de tarde. Fan así con todo. Improvisación cero.

7. Os alemáns teñen un verbo para todo. E senón o hai invéntano. Se nós temos verbos compostos polo verbo auxiliar e a acción correspondente, eles constrúen o verbo directamente, o que en galego soaría algo así como: emailear en vez de enviar un email (mailen), barbacoear en vez de facer unha barbacoa (grillen) ou googlear en vez de buscar en google (googeln). No traballo incluso levan esta práctica ao extremo con termos como: fedexen, que non é outra cousa que enviar un email á compañía de transportes FedEx. ¡Qué cousas!

8. Os alemáns son uns artistas do weiterleitismo (léase baitalaitismo)Este é un verbo novo, inventado por min, para definir unha arte moi curiosa dos alemáns. Weiterleiten significa “reenviar”, co cal, aplicado ao ámbito laboral, o termo weiterleitismo podería ser definido coma a arte de rebotar todo tipo de marróns, o que vén sendo un “lavarse as mans” en toda regra. Sorprendente, pero así é, os alemáns son uns artistas á hora de traspasarlle a outro os problemas, que rebotan de email en email ou de departamento en departamento ata que alguén lle pon remedio. Si se lle pon. Ante isto, o mellor é recurrir aos refráns de toda a vida. “Mellor facer as cousas que manda-las”.

9. Os alemáns son uns artistas da política de acción. É o contrapunto do weiterleitismo. Se nalgún problema non se aplica o weiterleitismo tírase man doutra arte que lle gusta moito aos dirixentes alemáns. É o que podemos chamar a política de acción, que consiste en facer algo que todo o mundo, xefes incluídos, saben que non vai solucionar nada, polo simple feito de dicir que estamos facendo algo. Eu creo que o fan para gañar tempo pero o único que fan e poñer un parche a un buraco que sigue medrando. Pero todo o mundo sabe que non vale de nada. Outro claro caso de en tódolos sitios cocen fabas.

Feliz Resbalón!!!
Feliz Resbalón a todos!!!

10. Guten Rutsch, ou o que é o mesmo, feliz resbalón. Xa para rematar. Os alemáns non che desexan Feliz Ano Novo, senón que che desexan un feliz resbalón. É a súa forma de dicir que teñas unha boa entrada no ano novo, o como din eles, un feliz resbalón dun ano a outro. E eso, fieis lectores, familiares e amigos, é o que vos desexo a todos. ¡¡¡FELIZ ANO NOVO E FELIZ RESBALÓN!!! Vémonos e lémonos no 2014. E recordade… ¡o importante é non levar un gholpe na cabesa!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *