El día que se perdió la cordura

El día que se perdió la cordura, de Javier Castillo (2017)

A novela debut que converteu a Javier Castillo nun éxito de ventas empeza forte pero vaise diluindo progresivamente ata converterse nunha decepción.

Ata este Nadal non oíra falar de Javier Castillo. Meu irmán Paco relagounos un pack da editorial Debolsillo coas dúas primeiras novelas deste autor, “El día que se perdió la cordura” (2017) e a súa continuación, “El día que se perdió el amor” (2018). A sinopse da contraportada da primeira parte chamoume a atención e, en pleno confinamento versión alemana, decidinme a lelo. Toda a intensidade que ten o punto de partida, un home espido que camiña polas rúas de Boston coa cabeza decapitada dunha muller, vaise desinflando nunha trama pouco crible, superficial, enrevesada e, por momentos, sin sentido.

A novela, iso sí, lese moi rápido. O seu estilo é áxil, algo ao que contribúe a superficialidade das personaxes, o escaso realismo dos diálogos e a breve lonxitude dos capítulos (a maioría ocupan tres ou catro páxinas). O autor conta a historia alternando a perspectiva en primeira persoa de Jacob, o suposto asasino que sostén a cabeza decapitada, e os puntos de vista das personaxes secundarias, en terceira persoa. Desde a aparición da axente do FBI Stella Hyden e do director do centro psiquiátrico de Boston, o doutor Jenkins, apréciase a falta de rigor e profundidade da novela.

El día que se perdió la cordura

“El día que se perdió la cordura”, ambientada en diversas cidades de EE.UU, presenta incongruencias tan banais coma a referencia ás inocentadas do 28 de decembro, que nos Estados Unidos se celebran o primeiro de abril (April’s Fool Day); e outras con maior incidencia na trama coma un leit motiv para os asasinatos citado de pasada e sen apenas fundamento, unha historia de amor irreal e forzada, unha axente do FBI á que semella que lle regalaron a placa na tómbola e un director dun centro psiquiátrico descafeinado.

Para arranxar o desaguisado, o autor contradise con frecuencia nunha mesma oración e crea da nada cliffhangers que pouco aportan á trama ou que continúan restando a credibilidade dun relato que, en primeira instancia, funciona ata que a historia se vai precipitando e as incoherencias se acumulan.

A historia avanza sen que realmente lle collas cariño a ningunha personaxe nin acabes de entender o trasfondo da historia ou, como explica Stephen King en “Mientras escribo”, o tema da novela, esa esencia global que ten toda historia e que enmarca a trama. Aquí podería ser o amor, pero este está presentado de maneira tan irreal e infantilizada, que se desvanece. O mesmo ocorre coa trama, impactante e atraínte ao inicio; superficial e irrelevante cara o final.

Javier Castillo

Javier CastilloA historia de Javier Castillo é bastante curiosa. Ao parecer, cando rematou esta novela, enviou o manuscrito a catro grandes editoriais e, ao mesmo tempo, colgouna á venda en Amazon. Alí, supostamente, as ventas da novela disparáronse ata acabar fichando por Suma de Letras. Hoxe vai pola súa cuarta novela, o cal parece indicar que o estilo de novela “serializada”, con capítulos breves que deixan un enganche inverosímil para o seguinte, ao estilo das series de TV, está máis vivo ca nunca.

Se comparo as novelas debut de Domingo Villar (Ollos de auga) e Javier Castillo, non hai cor. Quédome con “Ollos de auga”, que sí me espertou as ganas de seguir lendo os seguisteis traballos do seu autor. Iso sí, se algo transmite “El día que se perdió la cordura” é esperanza para que os escritores noveis poidan vencer o medo e autopublicar, e a partir de ahí, saltar ao mercado literario. Ese quizais sexa o maior mérito de “El día que se perdió la cordura” e de Javier Castillo.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

Diego Villaverde

Neste blog atoparás o que no sae escrito nos medios. Como xornalista, escritor, emprendedor e camareiro, comprenderás que teño moitas cousas que contar. ¿O que pretendo? Romper fronteiras e estreitar lazos coas persoas. ¿Sinxelo verdade?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará