Onte no traballo mandáronme pa casa unha hora antes. Sí, sí, o meu turno acababa ás 6 e ás 5 dixéronme que si quería ir para casa que non había problema. Eu, sorprendido, dixen que aínda me quedaba unha hora. A resposta foi, “non é tan malo, temos que reducir as horas extra e o hoxe o traballo vai ao día, así que podes irte sen problema“. E alá me volvín pa casa pensando no diferente concepto que teñen os alemáns das horas extra e as condicións laborais.
Villa | Dresden
Que unha das encargadas de Departamento me mande para casa unha hora antes do previso non é algo novo para min. Lembro os tempos de Ames Radio, cando os meus benqueridos Nazaret ou Juan Luis tiñan detalles similares comigo, ou máis recentemene en Marca TV, cando Liborio ou Isaac me sacaban do ordenador de editar e me chimpaban fóra.
Hoxe lembrei unha escea na que Libo, despois dunha longa xornada de traballo e coma bo galego, me soltou: “Dieguiño, ¿pero aínda estás aquí? ¡Pasa pa casa oh!“. Noutra ocasión colleume por banda, miroume aos ollos e díxome: “este finde colles e vaste a Galicia, que a saber cando volvemos ter 4 días libres”. Fïxenlle caso, claro, a un tipo de 1’90 que che di eso mirándoche os ollos dille ti que non. Gran tipo Liborio.
Pero isto foi diferente. Onte, igual que cando fixemos o reparto das vacacións, deime conta de que aquí os dereitos laborais van un paso por diante. Son igual de rigurosos coas libranzas que coas horas de traballo. Explícome. Normalmente temos reunión de Departamento todos os mércores, pero antonte aquí foi festivo, o Tag der Deustchen Einheit (o día da Unificación Alemana, 3 de outubro de 1990), e aínda que a algúns nos tocou traballar igual, a reunión cambiouse para onte para que estivésemos todos. Nela, os encargados do Departamento dixéronnos que había bastantes horas extra acumuladas e que debíamos reduci-las. Pero non en plan riña, nin insinuando que non ibamos cheirar nada desas horas, como me imaxino que pasa (e me pasou) en moitas empresas españolas. En plan ben.
Aquí convén explicar que todos os días fichamos hora de entrada e saída (incluídas as pausas), cun sistema de huella dixital, e logo pásannos un extracto mensual das horas de máis feitas. O mes pasado houbo xente de vacacións, varios enfermos e o servidor estaba a tope e iba moi lento, así que se xuntaron varios factores para ter sobrecarga de horas extra. Coas horas extra imos recibindo días libres de vez en cando, ou ímolos acumulando para ter 4 ou 5 días xuntos máis adiante. Aínda non é o meu caso, pero xente que leva algún tempo máis ca min xa xuntou unha ponte de 5 días ben xeitosa.
O caso é que na reunión nos explicaron que agora co servidor novo e coa xente máis ou menos reincorporada, podíamos ter menos carga de traballo (a priori), e que era bo momento para rebaixar un pouco as horas extra. Incidiron en entrar puntuais e non a menos dez como é o habitual, en facer a pausa de 1 hora e non de menos tempo -como ás veces facemos cando hai moito choio-, e en facer o Feierabend puntual ás 5 ou ás 6 ou incluso dez minutiños antes (este termo non ten traducción directa en español, literalmente sería algo así como “tarde festiva”, é o termo que usan para desexarche unha boa saída do traballo ou para desexarche que disfrutes o teu tempo despois do traballo), e non máis alá do noso horario.
No fondo non deixan de dicirnos que se acumulamos moitas horas extra, van ter que darnos moitos días libres e que se podemos evita-lo mellor, como pensamento normal dunha empresa que mira polo seu, pero a forma de dicircho é algo así como: “veña, arrimade o ombro cando sexa necesario, pero procurade cumprir o voso horario que como aquí respetamos os vosos dereitos, imos ter que darvos unha morea de días libres e tampouco hai que pasarse (engadide un emoticono dunha cara feliz e listo)”…
En ningún momento che están planteando a posibilidade de negarche o dereito a cambiar as horas extras por horas/días libres, ou de dicirche directamente que o que faga horas extra non recibe nada a cambio, nada diso. Ao contrario. O seu concepto de reducir as horas extra é, veña, xa que agora imos ben de traballo, hoxe vaste ti unha hora antes, maña o teu compañeiro do lado, pasado o outro, etc., etc. E así, deste xeito, van restando pouco a pouco as horas extra facendo 7 en vez de 8 horas, mantendo o ritmo de traballo intacto, e sen ter que mandar a media plantilla pa casa días enteiros perxudicando aos compañeiros que se quedan traballando “en minoría”. Paréceme unha boa solución. Empresa/ario e traballadores contentos, e os encargados sen ter a presión dos de arriba por exceso de horas extra, nin a molestia dos de abaixo por pringar a dolor.
O conto é que ao acabar a reunión, volvinme para a miña mesa e seguín currando. Ás 5 menos 5 os compis do primeiro turno comezaron a facer o Feierabend, e sobre as 5 e 10, a encargarda veu a miña mesa e díxome: “Diego, ¿apéteche facer o Feierabend agora? E ahí foi cando dixen, ah, carallo, esté é outro conto. Dixenlle que aínda me quedaba unha hora, que tiña turno das 6 e alá me dixeron que hoxe estábamos cos mails actuais, sen acumular, e que non había problema porque me fora antes. Outro día xa lles tocou a outros compañeiros. Ahí lembrei que o luns e o martes me chamara a atención que un par de compis marcharan ás 4 e pico, e caín da burra, xa llo foran comentando a algún entre semana, e esperaron á reunión de equipo para dicirllo a todos.
Así que alá me fun, contento por saír unha hora antes no primeiro día gris e chuvioso do outono alemán. Desde que cambiamos de estación, e despois de tres anos en Madrid, nun ambiente cheo de contaminación e cun tempo moi seco, non deixo de pensar no moito que se me está parecendo o outono daquí ó da casa. Verde, respirando a natureza, menos humidade que en Galicia pero máis que en Madrid… Pinta ben. Xa me acordarei desto que escribo cando empece a nevar e haxa menos 15 graos, nada que ver con Galicia, pero de momento, agradezo esta sensación semellante a estar na casa.
Cada vez atópome máis a gusto na empresa, os compañeiros son xeniais, onte na mesma reunión da que vos falei, ata pillei un chiste e rinme coas mesmas ganas que os demais. Parecía un máis. De feito, teño esa sensación desde fai un par de semanas. Costáme un chisco entender todo e falar tamén, pero mellorei un mundo en expresión e comprensión. Aínda que son “o español”, trátanme coma un máis. A iso tamén axuda que eu me impliquei en facer que iso fose así, en reducir as barreiras áo mínimo. Detalles cativos.
Quixen ter o mesmo teclado que o resto, non un “á española”; en canto puiden aparquei o inglés e preferín que me repetisen sete veces as cousas e pregunta-las oito aínda quedando coma un parvo en vez de optar pola solución fácil; desde o principio escribín os mails internos da empresa en alemán aínda que me levase dez minutos e fosen cheos de faltas, agora ata parece que conxugo algún verbo ao xeito e todo; ata fun a todos os grills e ceas cos compañeiros, nun esforzo por sentime un máis a pesar de entender a metade e que me entendesen un 10%. A todo iso tamén contribuíron os meus compañeiros, coa súa paciencia e comprensión. Da gusto de verdade (segue na parte 2, que xa podes ler aquí).
One comment