A ti…MULLER

O pasado 8 de marzo, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, participei case por casualidade aquí en Dresden nunha actividade reivindicativa contra a reforma da Lei do Aborto de Albertito I El Progre. Se ben a sociedade alemana é moi dada a conmemorar os “días de”, algo do que non son moi partidairo, sorprendeume gratamente que unha asociación alemana se interesase pola polémica decisión do goberno cada-vez-menos-popular do noso querido Marianito Facilidad de Palabra. Este feito motivoume a desgranar e reflexionar sobre o rol da muller na ala este da sociedade alemana. E é que desgraciadamente, non tódolos días son 8 de marzo.

Villa | Dresden

O 8 de marzo conmemorouse o Día Internacional da Muller Traballadora en todo o mundo, e sen ser eu moi dado a este tipo de datas sinaladas, a verdade é que estando en Alemania é difícil non contaxiarse un pouco da trascendencia que lle dan aquí a estas cousas. Moito ollo, pois isto non fai máis que esconder unha doble moral moi presente na sociedade alemana, cando menos aquí no Este e na zona da antiga República Democrática. Con todo, nalgunhas cousas sí que nos sacan moita vantaxe.

Un 8 de marzo calquera en Dresden transcorre entre anuncios na radio e nos paneis do transporte público para que non te olvides da data, todo misturado cunha curiosa ansia por felicitarlle o día a toda muller coa que te atopas (o luns seguinte unha compañeira miña estaba toda indignada porque o seu mozo non se acordara de felicita-la)… xestos todos eles un pouco de cara a galería cos que se pretende limpar a conciencia dunha sociedade unha vez ao ano para volver a sumerxirse nas mesmas dinámicas discriminatorias do día a día.

Por suposto fago extensiva esta crítica ao meu país de orixe e á sociedade occidental en xeral, aínda que nalgúns aspectos teño que bater unha lanza en favor de España pois levámoslle bastante vantaxe a Alemania no respecto ao trato á muller a pé de rúa. Escribo a pé de rúa porque no tema das leis estamos a retroceder da man de Albertito I El Progre e Marianito Leré, e non nos esquezamos, os dereitos laborais das mulleres en Merkelandia son a priori e “na letra grande” cen veces mellores. Comecemos cos matices.

Unha muller que se queda embarazada en Alemania ten unha serie de facilidades que en España son  imposibles de atopar, como por exemplo, unha baixa laboral pagada de 12 meses que pode ser ampliada a 36 meses, deixando de cobrar o segundo e terceiro ano. A isto engádese en ocasións unha xornada laboral de 6 horas cando a nai se reincorpora ao seu posto de traballo despois da baixa por maternidade. Nalgunhas empresas coma a miña mesmo as nais reciben un aumento de soldo por cada fillo que teñan. Sen esquecer o kindergeld do que xa vos teño falado, polo cal o Estado alemán lle da unha pequena paga mensual a cada familia por cada neno que ten ata que este cumpla os 18 anos. Só con este parrafo xa desmonto todos os matices que veñan a continuación. Neste terreo temos moito que aprender.

Claro está, isto é sobre o papel, pois non tódalas empresas alemanas son maravillosas ou teñen centos de millóns de beneficios nin todas ofrecen estas posibilidades. Xa coñezo algunha nai en Alemania que se quedou sen traballo trala baixa de maternidade porque colleron a outra persoa no seu sitio. E mesmo na miña empresa vin, fai uns meses, cando as cousas se puxeron feas, cómo despedían a unha compañeira con dous fillos polo simple feito de que cobraba algo máis que o resto debido ao bonus por ser nai. Logo tiveron que readmiti-la porque se demostrou que o despido fora improcedente. Dos tipos de contrato en Alemania e das poucas garantías que che ofrece un posto indefinido aquí xa falaremos outro día.

Saíndo un pouco do que din as leis e entrando máis no día a día, detéctanse certos comportamentos na sociedade alemana, cando menos deste lado do mapa, que amosan aínda unha certa involución no que á igualdade entre homes e mulleres se refire. Son pequenos detalles que che fan entender mellor ese lavado de conciencia do 8 de marzo ou falando en claro, que lle fan ferver a un o sangue.

Angela Merkel durante a DDR

Contextualizando. A muller tipo daquí, digamos de mediana idade, viviu a súa xuventude na recta final do período soviético (a DDR), e conserva aínda costumes propios daquela época na que a figura do home prevalecía sobre a muller, destinada para tarefas máis domésticas e menos relacionadas co esforzo físico. Digamos que aínda se nota ese sentimento de a muller non vale para certas cousas, mellor deixalas para os homes. Entendo que a evolución nunha sociedade pode ser lenta (o muro de Berlín caeu fai menos de trinta anos), pero o que máis me sorprende é que esta concepción da muller prevalece aínda hoxe entre as mulleres xóvenes, entre as fillas destas mulleres ás que facíamos referencia. Hai excepcións, claro está, pero como norma xeral as dúas xeracións están cortadas polo mesmo patrón.

E non só iso, senón que en ocasións son elas mesmas as que asumen esta condición impoñéndose o seu propio límite, aceptando ese rol secundario, un rol sen dúbida moito máis difícil de atopar na muller española, se ben aínda temos moitos casos de sumisión, claro está. Non coñezo ningunha muller alemana tan decidida pola defensa dos seus dereitos e da súa posición fronte ao home coma a muller española. E xa levo aquí dous anos. É máis, a miña sensación é que en moitos países europeos o sentir xeral aseméllase máis ao que vexo en Alemania que ao que vin na España a.d.M. (antes de Marianito).

Imos con varios exemplos a pé de rúa e comezamos polo caso máis sangrante co que me atopei ata agora. Unha clara mostra de cómo unha sociedade acepta que hai certas cousas que son, e ademais deben ser, cousa de homes. Unha anécdota que non sei como catalogar, xa que coñezo dúas versións distintas para explica-lo. Tampouco teño claro cal das dúas é mellor. Mans ao porco, que me enredo.

Voilá: Frauen Parkplatz!

Resulta que un día entrei no aparcamento dun Centro Comercial no coche dunha compañeira de traballo, e como ía de acompañante boteille un ollo a unhas prazas anchas e espaciosas que había nun rincón do aparcadoiro. Enriba destas prazas máis grandes que o resto había un cartel que dicía: Frauen Parkplatz, é dicir, praza de aparcamento para mulleres. A miña reacción foi inmediata e incrédulo, pregunteille á miña compañeira que era iso de prazas reservadas para mulleres, intuíndo a resposta. Ela, toda tranquila, díxome: “ah, eso nada, son prazas máis anchas para as mulleres que teñen problemas para aparcar“. Con un par.

Nunca vin unha mostra de machismo tan explícita coma esta en moito tempo. É máis, o  que me fastidiou máis non foi o feito da praza en sí e o que iso conleva, senón a reacción tan natural da miña compañeira, como dicindo “home claro, Diego, e que necesitamos prazas máis anchas. Fas cada pregunta“. Non vos podedes imaxinar a rabia que sentín, a carraxe como dirían na jalleja. Pouco despois comenteillo a un compañeiro español que leva aquí máis tempo ca min, e contoume unha segunda versión para explicar isto. Estas prazas máis anchas e espaciosas estarían destinadas ás nais para sacar o carrito do bebé do coche e ter espacio para maniobrar. Se damos veracidade a esta versión, tampouco me parece lóxico que se asocie carrito de bebé a muller, ¿e logo os pais non levan aos fillos ou é só cousa das mulleres? ¿Non sería mellor poñer no cartel praza para pais, así en plural? Eltern Parkplatz, leva os mismos caracteres, ¡nin máis nin menos!

Outro detalle. O outro día pola mañá estaba mirando pola ventá da casa antes de saír para o traballo e vin aparcado o camión do lixo diante do portal do noso bloque. Fixeime no cartel que tiña pegado nun dos laterais, que amosaba a dous traballadores da empresa de recollida vestidos cun mono laranxa de traballo e guantes, fotografiados saudando cun sorriso aos viandantes baixo o lema: Saubermänner (algo así como Os homes da limpeza). É dicir, que recoller a basura das rúas é un traballo reservado para os homes. Nota do Autor: cargar contedores e levantar peso, para os homes. Sen embargo, quen limpa os baños e os pasillos na miña empresa son todo mulleres. Nota do Autor: limpeza doméstica, para as mulleres. Home claro.

Despois de reparar nisto, saín da casa e pasei por diante da confitería da esquina, xusto onde dobro para coller o tranvía e ir para o choio. Diante da confitería hai un cartel desde fai uns meses que di que buscan traballadores, así en plural, pero na foto só aparecen mulleres e detrás da barra, oh sorpresa, hai só tamén mulleres. E non é a única na que pasa iso. E xa que falamos de hostelería, é moi sangrante o que soe ocorrer á hora de pagar se vas de cea ou tomar algo coa túa parella. O camareiro de turno soe deixar a factura na mesa pero, oh sorpresa, a quen lle ofrecen o maquinillo para pagar con tarxeta é ao home. E ademais de maneira descarada. Non unha vez non, tódalas veces.

E o mesmo ocorre na rúa. Xa me ten pasado en varias ocasións de ir andando pola rúa e pararnos a preguntar algo a calquera viandante. Se a miña parella formula a pregunta a quen lle dirixen a resposta e a mirada automáticamente é a min. ¡Pero se eu non dixen nada! Paréceme incrible que isto siga ocorrendo no século XXI, pero tristemente así é. E dito sexa de paso, isto mesmo pasóunos en Santiago nas vacacións do Nadal pasado. No colexio cando había a EXB poñíannos destacas se o facías moi ben, aquí o que había que repartir era estacas, porque o tema da igualdade e o respeto debía de estar no fondo do libro que nunca daban chegado a él ao longo do curso.  

E se despois de saír da casa e dobrar a esquina da confitería imos ao traballo, aquí tamén atopamos un filón interesante. Xa vos contei moitas veces que na miña empresa non temos cantina, pero sí temos unha cociña grande a disposición de todos. Case ninguén cociña, eu son un dos poucos que o fai, por certo. Hoxe mesmo entraron dous compañeiros e uliron o meu polo á prancha e xa preguntaron, ¿que fixo Diego hoxe?. Ben é certo que lles sorprende calquera cousa que non estea cruda. Animaliños. Pois eso, que o outro día un dos meus compañeiros tiña un prato con moi boa pinta e pregunteille se o cociñara él. Miroume coma se fose un pecador e dixo: non oh, fíxomo a miña moza. E teño outro compañeiro que vive só e só cociña pasta ou comida precociñada, cual estudiante recén emancipado. Só os luns trae un prato elaborado que, como non, a súa nai lle prepara o domingo e lle mete nun tupper. Nota mental: Cociñar, cousa de mulleres. 

Algúns exemplos do que soe ocorrer no día a día

O propio sábado, día da muller,  tocoume traballar no turno de fin de semana cunha compañeira. A nosa oficina está ubicada na antiga planta de producción da empresa de circuitos de cableado e innovación tecnolóxica FUBA Circuit Prints, unha mole de hormigón con grandes plantas de montaxe e teitos altos. A porta de entrada é enorme e pesada, pero para abrir e cerra-la precísase máis ben maña que forza, xa que o peche é bastante rabudo. Pois ben, esta compañeira alá vai e sóltame o venres: “espero que saibas abrir e pechar ti a porta, eu non penso facelo que non podo con ela“. Nin que fóra eu Sansón agora, que con cerra-la firmemente e darlle dúas voltas de chave na posición xusta, listo. En fin.

E seguindo no meu traballo, no Departamento de Producción temos algunha que outra muller manexando os plotters na sala de impresión. ¡Minipunto para el equipo de las chicas!. Cambia o conto se nos imos á sala de enmarcado de lienzos. Este traballo, que consiste en unir os listóns de madeira a gholpe de martillo e asegurar o lienzo no marco cunhas grapas, é feito única e exclusivamente por homes. Pola contra, no Departamento de Envíos, son mulleres as encargadas de dobrar e montar as caixas de cartón para meter os productos dentro e como non, son mulleres as que teñen que imprimir as etiquetas cas direccións dos clientes. Só hai un home. ¡Será por temas de paridade!

Se saímos da miña empresa e miramos cara o mercado laboral de maneira ampla, atopamos unha escaseza alarmante de mulleres directivas na meirande parte das empresas alemanas. Ao final non nos diferenciamos tanto. Bueno, en algo sí. En Alemania case non hai enxeñeiras muller, algo do que en España podemos presumir, e moi ben cualificadas ademais. Igual que os nosos enxeñeiros, dito sexa de paso. Quizais había que preguntarlle ao Eduqueishon Minister Nachete Wert por qué é preciso reventar un sistema universitario que é tan demandado e valorado en toda Europa e botar abaixo a educación pública para encher de privilexios a los hijos de... ¡Que imos seguir pensando por nós mesmos igual!

E xa que falamos de Wert (wert, en alemán significa valor ou prezo, segundo o contexto), no tema dos soldos entre homes e mulleres, penso que as diferencias aquí son semellantes ás de España, sobre todo entre postos de igual posición e a medida que avanzamos na xerarquía das empresas, aínda que este é un tema que non domino tanto. Penso que os exemplos falan por sí sós neste ámbito, e o que está claro é que queda moito camiño por percorrer, tanto en Alemania coma en España, para deixar de falar do concepto igualdade e simplemente substituílo por normalidade.

Mentres tanto, en ocasións convén facer pequenas accións nos días de para que o resto da sociedade vaia tomando conciencia, aínda que sexa pouco a pouco, das cousas que o resto do ano quedan esquecidas. Así foi como de maneira espontánea, e por suxerencia dun amigo, me acheguei o pasado 8 de marzo ao local dunha asociación de mozos e mozas alemás, que de vez en cando realiza actividades sobre calquer tema de actualidade que esperte o seu interese. Nesta ocasión, e coa participación do Grupo Marea Granate de Dresden, o tema a tratar foi a reforma da Lei do Aborto promovida en España polo xa citado El Cid Gallardón. A idea deste acto era xuntar a mulleres e homes residentes en Dresden, independemente da súa nacionalidade (aínda que os españois eran maioría), e lanzar unha mensaxe de apoio ás mulleres españolas que xa non van ter a posibilidade de decidir por sí mesmas e en función das súas circunstancias nun tema tan persoal e privado coma o embarazo.

Estivemos comentando e debatendo sobre o tema con novos españois chegados recentemente a Dresden; coa xente da asociación, interesándonos polo porqué desta iniciativa arredor de España; cunha rapaza brasileña que nos contou cómo era a situación do aborto no seu país… e ademais estivemos pintando carteis de apoio ás mulleres españolas, en varios idiomas, cos que logo posamos tanto en grupo como individualmente para facer unha serie de fotografías que serán expostas no local da asociación o próximo mes. Estas fotografías serán enviadas ademais á delegación madrileña de Ecoloxistas en Acción como mostra de apoio do pobo de Dresden ás mulleres españolas. Espero poder compartir algunhas fotografías da exposición con todos vós próximamente.

mujerFoi unha acción espontánea e inesperada que nos fixo a todos reflexionar sobre o rumbo que está tomando a política do noso país e tamén para descubrir que aquí en Alemania hai xente que nos segue, que se preocupa por nós e pola deriva antidemocrática que está a coller España nos últimos anos. Lanzamos un “non estades soas” en toda regra, un xesto de apoio sinxelo e humilde que aos que estamos fóra e non podemos facer chegar a nosa opinión por mor da distancia, serviunos para desafogarnos e comprobar que aquí pretiño hai xente coma nós, preocupada polas inxustizas do mundo e que non mira só cara o seu embigo. Pequenos xestos coma este fanche sentir que estás tratando de facer algo pese aos 2.500 kilómetros que che separan da casa.

Persoalmente sentan moi ben este tipo de cousas. O que non senta tan ben é ver desde a distancia cómo pouco a pouco se vai desmontando todo o que as nosas mulleres e os nosos homes foron conseguindo nas últimas décadas. As loitas e pequenas victorias en materia social, tanto a nivel de igualdade como en educación (¡PÚBLICA!), sanidade (¡PÚBLICA!) e cultura (¡VIVA!), van tornando en derrotas e deixan un futuro para as nosas fillas e fillos, privatizado, innacesible e reservado para as élites. Máis unha cousa é clara. Seguiremos loitando polo que nos corresponde e traballando duro coa esperanza de que algún día as mulleres, incansables e loitadoras, poidan dirixir o mundo mellor do que os homes o están a facer.

2 comments

  • Ana di:

    Enhorabuena Diego y gracias por tu reflexión ten acertada. No tenía ni idea que las mujeres alemanas fuesen tan “tolerantes” con temas como la desigualdad. Aquí desde luego, como dices tu, “a pé de rúa” le llevamos much ventaja pero nuestras leyes dejan cada día menos q desear. Solo nos queda educar a nuestros peques para que ellos entiendan q hombre y mujer son iguales y que así deben exigirlo siempre.
    Un bico.

  • Diego di:

    Pues sí, la verdad es que tienen mucho que aprender de todas vosotras y de vuestra lucha por lo que os corresponde! A nivel de leyes nos ganan por goleada, si en España las leyes van por detrás de la sociedad, en esta parte de Alemania las leyes les sacan ventaja a la sociedad, es curioso!!! En estas cosas es donde se nota que aquí hace 30 años vivían bajo un régimen dictatorial muy rígido!! Para hacerse una buena idea os recomiendo las películas “Good Bye Lenin” (visión más cómica y divertida) y “La vida de los otros” (visión más cruda del espionaje de la Stasi en esos años)… En la educación está la clave de todo!! Es por lo que tenemos que luchar, que no nos quiten la pública!! Bicos!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *