Track 6: Here I Go Again

Ao día seguinte, Antón armouse de valor antes de petar na porta do despacho do inspector. Sabía que sería a súa última posibilidade de entrar no caso e facer a mellor reportaxe da promoción. Para iso tiña que convencer a Torreira, ou do contrario éste non lle deixaría ser o seu acompañante e quedaría sen reportaxe.

Cando Torreira abriu a porta, Antón arrancou a falar antes de que poidese dicir nada:

– Sei que non teño que estar aquí e que non son máis que un estorbo, pero onte na casa descubrín algo máis que pode ser de axuda na investigación. Serán dous minutos.

– Mira rapaz -respondeu o inspector con calma-. Quizais onte non fun moi educado contigo. Pídoche desculpas, pero tes que comprender que isto é unha investigación real e non un xogo.

– Señor -volveu a utilizar o apelativo como último recurso-. Pídolle encarecidamente que me deixe expoñer a miña teoría. Quizais o axente -sinalou a Varela, que tamén estaba no despacho- poida ofrecer a súa opinión. Dous contra un, se perdo marcharei co rabo entre as pernas sen rechistar.

– Primeiro escoitas o que non debes e agora vesme con éstas. Isto vaiche saír caro -ameazouno o inspector, mentres o deixaba entrar no despacho.

Tranquilo e seguro de sí mesmo, Antón explicou a súa teoría. Persistiu en que o asasino era un seguidor das ciencias ocultas, baseándose na firma que deixara no escenario do crime: Jimmy Zoso. Un seudónimo composto polo nome do pila do guitarrista de Led Zeppelin, Jimmy Page, e polo símbolo que éste escollera para ilustrar unha das súas portadas: o Zoso. Para reforzar esta idea, Antón amosoullela portada con todos os símbolos e explicou os posibles significados satánicos que tiña o Zoso.

A expresión do inspector Torreira seguía sendo de desaprobación, pero a súa postura parecía máis relaxada. En cambio, Varela estaba incorporado cara diante, amosando todo o interés que Antón reclamaba para a súa teoría. O rapaz rematou a súa explicación indicando que o patrón do crime suxería que estaban ante un asasino en serie, e que a súa teoría viña a reforzar esta crenza:

– Haberá máis crimes e todos serán igual de brutais. O asasino deixará máis pistas que nos axudarán a relacionalas coas que deixou no primeiro cadáver -Antón falaba en plural, coma se fose parte da investigación-. Daremos con él.

– ¡Bravo! -Torreira aplaudía e ría-. Bonito espectáculo. Agora que xa pillaches ao asasino, xa podes marchar, ¿non?

– Señor, co debido respeto -interviu Varela-. Penso que o rapaz apunta unha serie de conexións interesantes que poden ser de axuda. Salvo a mensaxe do asasino e a posición do cadáver, o resto dos elementos do escenario do crime parecen estar en consonancia co que él di. Sinto dicir isto, pero é a primeira vez que somos capaces de relacionar algo con certo sentido.

O inspector fulminou a Varela coa mirada. Non quería aceptar a súa derrota. Antón quixo rebaixar a tensión:

– Señor, non quero facer de policía. Só quero ser de axuda.

– Ben -falou Torreira, serio-. Se queres axudar, vaite para a casa. Se hai outra morte e o asasino nos deixa un casete dos Beatles avisarémosche.

O rostro de Antón palideceu. Varela agachou a cabeza, consciente da bronca que lle viña enriba. Antón recolleu as súas cousas de xeito apresurado. Perdera a partida. Tocaba retirada.

Nese mesmo intre, soou o teléfono do inspector Torreira. Parco en palabras, o inspector cortou a conversación de seguido e falou con semblante serio:

– Antón agarda. Non marches. Creo que vas ser de axuda… Jimmy Zoso volveu a actuar.

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *