Track 4: The Number of the Beast

– A ver Antón, déixate de historias e dime por qué carallo non volveches para a casa cando cho dixen.

– Señor…

– Nin señor nin ostias, isto é serio. ¡Estabas escoitando detrás da porta! Isto non é a Universidade. ¡Isto é un asasinato de verdade!

– Por iso o fixen, señor. Quedei porque podo ser de axuda.

– Un estorbo, Antonciño. Iso é o que estás sendo. Accedín á reportaxe e só che pedín que non molestases. Dixenche que xa falaríamos pero aquí estás, tocando o carallo con paranoias de adolescente. ¡Xa lle dixen a Sara que era unha mala idea!

Así que era iso. Antón arqueou as cellas e reprimiu un xuramento. O inspector Torreira estaba utilizando aquilo como excusa para deixar a reportaxe. Estaba claro que lle interesaba o máis mínimo e que Sara era a única razón pola que o inspector aceptara.

– Desculpe se son unha molestia, pero pensei que o meu descubrimento podía ser de axuda e quixen contarllo. Xa vexo que non serve de nada.

– ¿Descubrimento? -o inspector riu a esgalla-. ¿Sabes qué? Tes madeira de xornalista. Xa pareces un deses carroñeiros que crean unha historia da nada. Vas ter futuro na profesión, rapaz, pero non comigo. Síntoo pero vas ter que buscar outra persoa para seguir coa túa reportaxe.

– Moi ben, inspector -omitiu a palabra señor conscientemente-. Xa conseguiu quitarme de diante, tal e como quería.

Colleu as cousas e saíu do despacho. Non podía crelo. Estaba decepcionado co inspector Torreira. Chegou a pensar que sería un bo protagonista para a reportaxe, pero en realidade nunca estivera disposto a facela. Pensou en Sara. Isto vaille fastidiar tanto como a min. Era tan diferente a seu pai. Ela era tan… guapa e especial.

De volta na casa, prendeu o ordenador e tecleou a palabra Zoso no buscador de google. Mentres o facía, foi consciente de que o que máis lle doía era que o inspector non tomase en serio o seu descubrimento. Tan pronto como oíra a firma do asasino na comisaría lembrárase da banda de rock Led Zeppelin, da que era fan incondicional. Sabía que o símbolo Zoso fora utilizado na portada dun dos seus discos, e sabía dos rumores que relacionaban a banda co satanismo e as ciencias ocultas.

Cando llo contou ao inspector Torreira, éste riuse del sen piedade. Tiña que apuntalar a súa teoría con argumentos máis sólidos. Mans á obra. Comprobou os resultados da búsqueda no ordenador. A terceira entrada facía referencia ao cuarto disco de Led Zeppelin, publicado sen título, pero coloquialmente coñecido coma Four Symbols ou Zoso. Bingo.

Seguiu lendo. Ao parecer, para a portada do disco, cada membro da banda tivera que escoller un símbolo co que se sentise identificado. O do guitarrista, Jimmy Page, era o Zoso. ¡Claro! ¿Pero cómo non se dera conta antes? Jimmy e Zoso, ¡aí o tiña! ¡A conexión que estaba buscando! ¡A ver qué dicía Torreira agora!

Buscou a portada do disco e aí estaba o símbolo, formando a palabra Zoso con letras runas. Antón atopou na rede dúas teorías interesantes, a pesares da reticencia de Jimmy Page a desvelar o significado do símbolo. Unha delas indicaba que Zoso representaba o 666, o número asociado ao demo. A outra sostiña que o can de tres cabezas que gardaba as portas do inferno tiña a marca Zoso escrita na fronte.

Agora xa tiña unha pista máis contundente que ofrecerlle ao inspector. Aínda que non aportaba ningunha clave sobre a identidade do asasino, sí parecía levar a investigación cara un satánico e demente fan dos Led Zeppelin.

Antón tivo entón a certeza de que se atopaban ante un asasino en serie.

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *