Feb 29, 2016 - Escritura Creativa    No Comments

Track 31: I Believe in a Thing Called Love

3942889

No último capítulo de “Simpatía polo Diaño“, Antón e Torreira enfróntanse co asasino en pleno Monte do Gozo, nunha batalla na que só o amor sairá vencedor. A ópera rock de Jimmy Zoso chega ao seu final en plenos fogos do Apóstolo.

Villa | Dresden

Sara seguía inconsciente. E mellor para ela, pois así non tería que presenciar cómo Antón e Torreira caían a mans de Fuentes. O inspector sentiu as pisadas detrás deles mentres trataban de desatala. Demasiado tarde. Torreira xirouse botando man á pistola, pero o asasino fora máis rápido.

– Nin se lle ocorra -díxolle apuntándoos-. Déame a arma.

Torreira accedeu, pensando por qué carallo Varela e os nacionais tardaban tanto.

– Non me gusta que me interrompan, inspector. Ao seu axente quedoulle claro -fixo unha pausa-. Levo tantos anos seguíndoo, estudando á persoa que trataría de impedir a miña misión, que cando descubrín cál era o seu punto débil -sinalou a Sara-, non me puiden resistir. Ten unha filla encantadora.

– ¿Igual de encantadora que Iolanda López? -provocouno Antón, cortando a Torreira.

– E éste é o xornalista listillo. Asume a túa derrota. Este é o meu espectáculo. Deixa que me divirta cun pouco de rock and roll.

– ¿Iso mesmo lle dixeches cando abusaches dela?

Pasárase da raia. Antón encaixou estoicamente a labazada enfurecida de Fuentes. O sangue brotoulle da comisura da boca.

– ¡Eu non a violei! ¿Enténdelo? ¡Foron eles! -berrou-. ¡Obrigáronme a facelo! ¡Toqueina unha vez pero negueime a seguir! ¿E qué conseguín? Que o fillo de puta de Sánchez me sodomizase. Foi idea de Silveira. Él ocupábase de Iolanda, e Sánchez grababa todo mentres me daba polo cú. ¿Parecéche divertido?

– ¿Entón por qué a mataches? -Torreira quería gañar tempo.

– Rexeitoume. Seguina varias veces ao traballo, pero tratoume coma se fose igual que os outros. Non entendía que eu tamén sufrira abusos por protexela. Para ela era un agresor máis, ¡non unha vítima! Cando entendín que nunca ía ser miña, decidín matala. Fíxeno ao meu estilo, o de Jimmy Zoso, pero despois ocorréuseme incriminar a Silveira. Él era o culpable de que perdese o amor da miña vida. Imaxinei cómo executaría él un crime e comecei a vingarme de todos.

– Pero Sánchez aforrouche o traballo suicidándose.

– Sempre foi un cobarde. Houbérame gustado cortalo en talladas como fixen con Señarís -deleitouse-. Ao cura deille o que merecía por sacar o paxariño a voar. Como odiaba a Silveira pola súa obsesión co demo e as invocacións, tratei de desviar a vosa atención cara un asasino satánico. De la Torre foi un asunto rápido, e teño que recoñecer que simular o exorcismo de Silveira fixo que acabase collendo simpatía polo diaño.

– Xa tes a túa vinganza, Fuentes. Non precisas facer isto.

O son das sirenas dos reforzos achegándose mobilizou a Fuentes. Colocou a Antón e a Torreira a cada lado de Sara, coma se fose o paredón de fusilamento.

– Comezarei por ela -anunciou.

Ocorreu moi rápido. Cando Fuentes disparou, Antón lanzouse cara ó lado, cubrindo o corpo de Sara e recibindo o impacto da bala no costado esquerdo. Torreira abalanzouse sobre o asasino, ao tempo que o estrondo dos fogos do Apóstolo se misturaba co ruído dos disparos, nunha sinfonía caótica e sanguinaria.

Miguel Fuentes, vítima da súa propia ópera rock, caeu abatido polos balazos de Varela, que aparecera para salvalos no último suspiro.

Ao remate dos fogos, Varela fíxolle un resumo dos danos a Antón. O inspector, na súa embestida, recibira un inofensivo disparo no ombro. A Sara agardáballe unha longa recuperación.

Antón tamén sairía desa. Sentiu cómo lle ardía o costado esquerdo. Era un acordo razonable: a dor que merecía por poñer a Sara en perigo, facíase soportable sabendo que fora quen de salvala.

Sí. Quizais non fose mala idea pedirlle a saír.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

Got anything to say? Go ahead and leave a comment!