Feb 28, 2016 - Escritura Creativa    No Comments

Track 30: Runnin’ with the Devil

Runnin-Devil-eruption-UK

“Simpatía polo Diaño” está a piques de chegar ao desenlace final. Antón e Torreira diríxense ao lugar onde o estudante de xornalismo cre que Jimmy Zoso ten recluído a Sara. ¿Chegarán a tempo de salvala?

Villa | Dresden

Escurecía. Non tiñan tempo que perder. Antón ergueuse, colleu o móbil do axente Lemos e premeu a tecla de rechamada. Varela non contestaba, así que saíron da comisaría e subiron ao coche patrulla.

Antón esperaba que a súa intuición non lle fallase, non agora que a vida de Sara dependía diso. Oxalá non sexa demasiado tarde. Se estaba no certo, o asasino non faría a súa posta en escea na Praza do Obradoiro nin no Parque da Alameda. Aqueles eran espazos reservados a outro tipo de espectáculos, dirixidos a un público profano. Miguel Fuentes buscaría un escenario á altura da súa nova creación: o Monte do Gozo.

Alí actuaran artistas coma Bruce Springsteen, Bob Dylan e as súas satánicas maxestades, os Rolling Stones. Era o anfiteatro perfecto para representar a súa sanguinaria ópera rock, un espectáculo dirixido por Miguel Fuentes, con Sara Torreira como artista invitada. Antón volveu a chamar a Varela, que desta vez colleu ao segundo ton:

– ¡Perdoa Antón! Tiven que moverme para collerche, hai tanta xente no Obradoiro que non se escoita nada. ¡Non hai rastro de Sara por ningún lado!

– ¡Tira para o Monte do Gozo, Fuentes tena alí recluída! ¿E o inspector?

– ¡Na Alameda! ¿Cómo sabes que a ten alí retida?

Antón explicoulle a evolución do método de Fuentes. Cansárase das versións clásicas, agora ansiaba compoñer a súa propia vendetta rock. Sara sería a tecla que faría soar as notas do seu primeiro gran concerto como solista, que ía ser no Monte do Gozo, pois alí era onde tocaban as grandes estrelas de rock cando viñan a Santiago.

– ¡Qué faríamos sen ti! Avisa ao inspector, vémonos alí cando dea saído cos meus homes do Obradoiro.

Iso era o difícil, falar co inspector, pero como Sara non aparecía, convencelo foi máis fácil do que Antón pensaba. Lemos agardou a Torreira diante do Instituto Rosalía de Castro, mentres éste mobilizaba a unha patrulla da Policía Nacional que se uniría a eles no Monte do Gozo.

Lemos, Torreira e Antón chegaron os primeiros, pasadas as 11 da noite. Aparcaron a carón do albergue de Peregrinos, e Torreira ordeoulle a Lemos que peitease a zona mentres él e Antón se dirixían ao foso do auditorio. Bordearon o recinto do anfiteatro a pé e chegaron á parte traseira do escenario. Ante eles, 40.000 localidades vacías. Non había rastro de Sara nin de Fuentes.

A noite, escura e silenciosa, dominaba a explanada do auditorio, só perturbada por unha luz moi tenue que alumeaba a uns metros de alí. Acostumaron á vista á escasa luz, asomáronse e entón vírona. Chegaran tarde. O corpo de Sara, en roupa interior, estaba amarrado a un poste duns dous metros de altura, en forma de cruz, que o asasino cravara no centro do foso. Tiña a cabeza caída, ladeada, e varios cortes superficiais nos brazos e nas meixelas.

Ao pé da cruz había unha cadeira e un charco de sangue, que Fuentes utilizara para debuxar a súa cara diabólica en tamaño xigante, bordeando a circunferencia do foso. Pero había algo raro. A cara estaba incompleta. Interrompérano antes de acabar.

Antón, desesperado, correu cara Sara arriscándose a que o asasino o abatise. Subiu á cadeira e tomoulle o pulso. Estaba inconsciente.

– ¡Está viva! -berrou- ¡Axúdeme a desatala!

Torreira botou a correr ao mesmo tempo que soaba o disparo. Detívose e mirou a Antón. Os dous estaban ben. Lemos. Sen tempo para laiarse, Torreira axudoulle cos nós a Antón. Estaban atados con saña ás extremidades de Sara.

Se o asasino abatera a Lemos na zona do albergue, estaría a uns 800 metros deles.

Tiñan que darse présa.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

Got anything to say? Go ahead and leave a comment!