Feb 23, 2016 - Escritura Creativa    No Comments

Track 25: Paying Dues

richie-kotzen_s345x230

Trala escenificación do plan ideado por Antón, o inspector Torreira e o axente Varela conseguen acotar a investigación a tres sospeitosos. A carreira para atrapar ao asasino entra na súa recta final.

Villa | Dresden

Ao mediodía, Torreira, Varela e Antón reuníronse no despacho do inspector para analizar os acontecementos acaecidos esa mañá. Pasaran unhas catro horas desde que descubriran o incidente que destrozara por completo a vida de Iolanda López. Nese tempo, Varela e Torreira entrevistaran un por un a todos os alumnos de 6°A, e descubriran o cruel e ruín que podía chegar a ser o ser humano cos seus conxéneres.

A lista de sospeitosos reducírase a tres nomes: Miguel Fuentes, Xaime Silveira e Alfonso Sánchez. Segundo o relato de María Vieites, os tres tiñan motivos suficientes para matar a cada unha das vítimas. Os testemuños do resto de compañeiros, os mesmos que mantiveran en segredo aquel incidente durante 32 anos por medo ás represalias da ruda e implacable señorita De la Torre, así o corroboraban.

– Non entendo cómo unha persoa pode exercer tal control sobre un grupo -laiouse Varela-. ¿Cómo pode ser que ninguén se atrevese a denunciar o ocorrido pasados uns anos?

– Por unha simple razón -interviu Torreira-. O medo. Se a directora levantaba o teléfono podía adornar os feitos e arruinar a carreira de calquera que abrise a boca. A institución por riba das persoas. A todos lles conviña mantelo en silencio.

– Sí, pero… ¿e a monxa? -preguntou Antón-. ¿Cómo estaba ela enterada do incidente do sacerdote se ningún alumno abrira a boca?

– Eu penso que foi o cura o que contou a súa propia versión dos feitos no convento -razonou Varela-, ocultando a parte dos seus abusos aos agresores, claro está. Así, se algunha vez alguén lle preguntaba ás monxas, todas contarían a versión que a él lle interesaba.

– Xa teredes tempo de preguntarllo á monxa -Torreira quería pasar á acción canto antes, pero Varela seguía dándolle voltas ao asunto.

– Pobre rapaza. Se non tivera suficiente cos abusos no colexio, a familia vai e reclúea illándoa do mundo ata que cumpre os 18. ¿E qué lle queda despois? Sen estudos e cunha infancia interrompida, cambiarse de nome e meterse a prostituta. Qué lástima de vida.

– O que máis me chama a atención -interviu Antón, recordando a reflexión de Sara na biblioteca-, é que se quedase tan preto do lugar dos feitos. ¿Non lle traía malos recordos?

– María Vieites contoume que o fixera para humillar aos seus pais -explicou Varela-, para que visen en qué se convertera a súa filla. Foi a súa forma de botarlles en cara que non a axudasen e que a recluísen na casa durante cinco anos. Despois, cando eles morreron, Iolanda xa restablecera a súa vida como Remedios Castro, limpando oficinas, e non quixo moverse. Había anos que a señora Vieites perdera o contacto con ela, pero semellaba que Remedios lograra sobrepoñerse.

– O que eu me pregunto, Antón -dixo Torreira, cambiando de tema-, é como carallo adiviñaches que todos os alumnos sabían que o asasino non acudira á cita.

– Pura intuición. Contaba con que, fose cal fose o incidente, ningún dos afectados ía aparecer para someterse ao escrutinio público. Era previsible que o resto dos compañeiros acudisen só polo morbo. Levaban 32 anos gardando o segredo, ¡tiñan que ter moita curiosidade por saber se se faría público!

– Varela, ¿qué opinan disto os psicólogos? ¿Notaron algo interesante?

– A grandes rasgos coinciden con Antón. A revelación dun segredo gardado durante tanto tempo é capaz de provocar reaccións de histeria e nerviosismo semellantes ás que vimos esta mañá. Fóra diso, non viron nada estraño.

– Pois se así é, centrémonos nos sospeitosos. É hora de que ese desgraciado pague polos pecados cometidos.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

Got anything to say? Go ahead and leave a comment!