Track 24: Sex & Religion

O caos instalárase na sala trala decisión tomada pola amiga de Iolanda López. Varios compañeiros erguéronse, dispostos a contar a súa versión do misterioso incidente. Outros recostáronse sobre os seus asentos, con expresión contrariada. Tiñan medo de que o segredo que levaba 32 anos escondido saíse á luz.

Torreira tiña que actuar, poñer orden e controlar a situación. Os psicólogos non daban feito a tomar notas. Varela pedía calma ás persoas dispostas a falar. Antón achegouse ao inspector cun papel dobrado. Éste desdobrouno. Había tres nomes escritos: as persoas que faltaran á cita. Xa sabía o que tiña que facer.

– ¡Un momento de calma, señores! Faremos o seguinte: falaremos con todos un por un, pero antes deixemos que a señorita da terceira fila nos conte a súa versión daquel incidente. Xa está ben de segredos. Achéguese, señorita…

– Señora Vieites. María Vieites -respondeu ela, nerviosa.

– Desculpe, señora. Tan só unha pregunta sinxela antes de que nos conte o ocorrido -Torreira mirou a Antón, que volveu a asentir coa cabeza-. Segundo a súa opinión, ¿está o asasino hoxe entre nós?

– Non, penso que non.

– ¡Claro que non está! -dixo unha voz masculina, levantando de novo os murmurios da sala.

– ¡Silencio, por favor! ¿Están todos de acordo con esta afirmación? -preguntou incrédulo Torreira, comprobando cómo o plan de Antón estaba dando resultado. Todos asentiron coa cabeza. Sabían que o asasino non estaba entre eles.

– Entón, ¿coñecen todos a súa identidade?

– Non, exactamente -dixo a señora Vieites-. Non é tan sinxelo.

– ¿E iso cómo pode ser? -Torreira estaba formulando as preguntas que Antón lle aconsellara facer o día anterior, mentres preparaban a citación no despacho. O inspector non podía crer que o rapaz soubese de antemán que todo ía ocorrer así. ¿Cómo o fixera?

– Porque hai varias persoas que poden ser perfectamente o asasino -respondeu a señora Vieites.

– E esas persoas, ¿coinciden cos nomes que están escritos nesta nota? -Torreira ensinoulle o papel que lle pasara Antón.

– Así é inspector. Todos eles tiñan motivos máis que suficientes para matar a Iolanda López, Don Plácido e á señorita De la Torre, porque todos estiveron implicados naquel incidente. Vexo que fixeron ben o seu traballo.

– Gracias señora Vieites. ¿Sería tan amable de contarnos agora o incidente que provocou este arrebato de vinganza tanto tempo despois?

María Vieites asentiu e comezou o seu relato, rompendo a lei do silencio que impuxera 32 anos antes a directora De la Torre. O ano 82 destrozara a vida de Iolanda López para sempre. Con apenas 13 anos recén cumplidos, aquela fermosa nena inocente fora violada sistemáticamente durante todo o curso polos alumnos Miguel Fuentes e Xaime Silveira. Nos abusos tamén participara o profesor de educación física, Alfonso Sánchez, que ademais era quen de masturbarse mentres grababa aos nenos practicando sexo.

Guiada polas súas crenzas relixiosas, Iolanda reuniu o valor suficiente para contarllo a Don Plácido, quen inmediatamente suxeriulle á directora a expulsión de Alfonso Sánchez. O que non esperaba Iolanda é que o sacerdote fose a castigar aos alumnos coa súa propia menciña, abusando deles sexualmente.

A señorita De la Torre, máis preocupada pola reputación do colexio que pola saúde de Iolanda, encubriu a Don Plácido e limitouse a expulsar ao profesor e aos dous alumnos, co consentimento da familia da rapaza e a complicidade de todo 6°A.

Iolanda quedou soa, vexada e afastada do resto do mundo. Ata que decidiu cambiar de vida.

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *