Track 19: Hey Joe

Cando Antón chegou á comisaría despois das prácticas de radio, o inspector Torreira e o axente Varela puxérono ao día dos últimos acontecementos. Amosáronlle as fotos do cadáver de Rosario De la Torre e maila nota que ésta lle deixara ao axente Varela, un descoido do asasino que só podía indicar unha cousa: actuara con precipitación.

– Antón -explicou Torreira-, o asasino decidiu matar á vítima sobre a marcha. Cremos que estaba seguindo a Varela, e que se cabreou ao intuír que a directora nos ía falar do incidente do cura e de Iolanda López, a verdadeira identidade de Remedios Castro.

– ¿Qué vos leva a pensar iso?

– Hai un cambio de proceder -continuou Varela-. Executou á vítima con cinco disparos. O importante aquí non é cál deles lle causou a morte, senón a improvisación coa que adornou o escenario do crime. ¿Qué opinas? -dixo, dándolle as fotos de novo.

Antón examinounas coidadosamente. A pistola na man da vítima. Os tres tiros na cabeza e os dous restantes disparos formando os ollos da cara satánica. A firma, Jimmy Zoso. E a mensaxe. Yes, I did, I shot her. Esbozou un sorriso.

– Inspector, ¿podo usar o seu ordenador? -Torreira asentiu. Antón fixo unha búsqueda no google e pulsou a tecla imprimir. Tres copias-. Hey Joe, de Jimi Hendrix. É a canción que utilizou como guía neste crime. Non sei cómo seríades capaces de adiviñar estas cousas sen min -dixo, fachendoso.

– ¿Cómo poideches sabelo tan rápido? -Varela estaba impresionado.

– O asasino sabe escoller os versos mais recoñecibles. Aquí a canción fala dun home que mata á súa muller porque se viu con outro home. Se obviamos o contido sexual, ese home, Varela, es ti. Ela viuse contigo e o asasino matouna. É certo, actou con precipitación, pero a canción que escolleu dinos algo.

Antón púxose a analizar os versos con calma, mentres Varela comparaba os nomes dos alumnos de 6ºA cos do listado que recibira da Archidiócese esa mesma tarde. Torreira, pola súa parte, aproveitou para facer un par de chamadas.

– Listo. Non atopei coincidencias -Varela foi o primeiro en rematar-. Ningún dos compañeiros de Iolanda López fixo o bautizo ou a primeira comuñón con Plácido Señarís.

– Podemos descartar esa vía -confirmou o inspector-. E outra cousa, acabo de falar con balística, o Star do calibre 45 que matou á directora non aparece na base de datos de crimes anteriores. Isto reduce a investigación aos alumnos de 6ºA do ano 82, tal e cómo sospeitabamos.

– Falarei de novo co director en funcións, o antigo xefe de estudios, Xesús Blanco. Leva poucos anos no centro e asegura descoñecer o incidente, pero espero que me axude a localizar aos profesores que coincidiron con Señarís aquel curso, e aos alumnos da clase de Iolanda López.

– ¿Pero cómo sabedes que o asasino é da promoción do 82? -interrompeu Antón, fruncindo o ceño. Non lle contaran iso.

– Porque ese foi o único ano no que Plácido Señarís lle deu clase de relixión a Iolanda López. Despois daquel curso, ela deixou o colexio e pasou a chamarse Remedios Castro.

– Entendo -asentiu Antón-. Ou sexa que o incidente ao que se refería a monxa tivo que ser naquel ano. E se descubrimos qué pasou e qué alumnos estiveron implicados, estaremos moi cerca de saber o nome do asasino.

– Teño que recoñecer que es moi listo, rapaz- dixo Torreira-. Esa é a nosa vantaxe. O asasino pensa que manexamos xa unha lista de moi poucos sospeitosos.

– Temos que aproveitar iso dalgún xeito -interviu Varela.

– Teño unha idea -soltou Antón-. Sei como tenderlle unha trampa ao asasino.

Diego Villaverde

Xornalista, aspirante a escritor e opositor de Lingua Castelá e Literatura afincado en Alemaña. Leo máis do que escribo e escribo máis do que estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *