Mar 1, 2017 - O Rincón de Villa    No Comments

O Radeburger Karneval

Nestes tempos de Entroido e xusto un ano despois da última entrada neste blog, recuperamos por fin a actividade para falarvos da 60° edición do Carnaval de Radeburg, a celebración entroideira máis famosa de toda Sachsen. O pasado domingo, unhas 75 carrozas desfilaron enchendo de color as rúas deste pobo ata fai pouco descoñecido para nós.

Villa | Dresden

E por fin, case cinco anos despois da nosa mudanza a Alemaña, atopamos a Don Carnal agochado en Radeburg, un pobo de 7.500 habitantes situado a 12 km. de Dresden. A nosa Negreira, A Baña e Barcala particulares estaban case ao noso carón, e nós sen sabelo.

O noso Entroido queridiño, con carrozas e comparsas empurradas por camións e tractores, moi ao estilo barcalés, tamén existe en Alemaña. Se ben en Dresden apenas hai tradición, nos pobos dos arredores sí que a hai. E o rei do Entroido en Sachsen é Radeburg, ou RABU, na súa versión breve, utilizada como proclama polos carnavaleiros para encender ao público con vivas e vítores durante a Umzug ou desfile.

As principais diferencias do Karneval de Radeburg cos nosos carnavais son, a grandes rasgos, tres:

A organización

O Radeburger Volkskarneval non está organizado polo concello de Radeburg, senón polo RCC, o Radeburger Carnevals-Club. A festa comeza o venres e exténdese ata o mércores de cinza ou aschermittwoch. A fama do Entroido de Radeburg é tal que é moi difícil acadar tickets, a maioría xa os mercan cun ano de antelación.

img_9651A apertura oficial do Carnaval faise cada ano o día 11.11. ás 11:11 horas, e durante esa semana de novembro, celébranse diversas Prunksitzungen, unha especie de asembleas ou comités onde se anuncian a temática do Entroido do ano seguinte e onde se fan actuacións musicais, monólogos e distintas representacións e bailes. A orixe destas sitzungen atópase no famoso Carnaval de Colonia, que tamén arranca o 11 de novembro.

A fin de semana propia de Carnaval, o venres e o sábado, na praza do pobo instálase unha carpa con postos aos que só podes acceder cunha entrada, e un escenario tipo Carnaval de Cádiz onde se fan as representacións. O domingo é o gran desfile polas rúas do pobo, no que este ano participaron unhas 75 carrozas. Para asistir a él hai que pagar unha entrada de 5€ por persoa. Ao non ser organizado polo municipio, de algún lado ten que vir a financiación.

Os Carneval-Clubs

Os auténticos protagonistas do Entroido son os clubs ou asociacións, a maioría cuns 30 anos de antigüidade e procedentes dos pobos cercanos a Radeburg coma Meißen, Weinböhla, Ottendorf ou Großenhaim. Na maioría deles xa se aprecia un cambio xeneracional, os homes e mulleres que formaron parte da súa fundación, hoxe máis veteranos, comparten desfile cos fillos e novas xeracións.

Durante o desfile, cada clube identifícase co seu estandarte propio, que soe ser unha bandeira cun escudo e o nome do clube. Cada un tes as súas cores identificativas, sempre presentes no desfile en forma de sombreiro e chaqueta estilo banda de música, independentemente de cal sexa a temática dese ano.

img_9644

Cada clube prepara os seus disfraces arredor do motto ou tema escollido pola organización cada ano. O motto deste ano foi: “Jetzt ist der Teufel los!“, algo así como “xa anda o demo solto”.  E notábase, pois tres de cada cinco comparsas levaban varios compoñentes disfrazados de demos polo medio. Nalgúns casos o demo era o motivo principal, e noutros, un elemento máis do disfraz principal.

Case todas as comparsas intentaban xogar tanto co lema deste ano coma coa celebración dos 60 anos do Radeburger Karneval. Unha delas, aproveitou o aniversario para disfrazar aos seus membros de tarta e celebrar así a efeméride; outra preparou un carrito de bebé enorme, dando a entender que ao Carnaval aínda lle quedan moitos anos por diante.

Outros ían máis por libre, cun saloon ao máis puro estilo “City Kansas” de Lañas, unha partida de xadrez ou un grupo de rockeiros seguidores de Kiss. Sen dúbida o máis orixinal foi o grupo chamado “O diaño viste de Prada”, na que o demo ía representado por unha marioneta que suxeitaba unhas bolsas de Prada cheas de merda, e que encerraba unha crítica social ao poder da moda e o consumismo.

Os príncipes

A última das diferencias atopámola na imaxe dos Carnavais. Se en Galicia predomina a figura do pregoeiro, aquí temos a parexa formada pola princesa e o príncipe do Entroido. Ambos son paseados na Umzug do domingo, saudando aos veciños e visitantes. Mesmo se escollen os príncipes para os máis cativos, os Kinderprinzenpaar.

En definitiva, foi un pracer desfrutar de novo do desfile de Carnaval, aínda que fose como espectador. Iso sí, como non podía ser doutra maneira, ¡íamos disfrazados! Ao remate desta entrada podedes ver algún vídeo e unha galería de fotos do que foi a Umzug de Radeburg. Gracias a este descubrimento, botamos un pouco de menos o Carnaval de Barcala. Quizais para o ano argallamos unha comparsa e participamos no Radeburger Karneval, sempre podemos conseguir un tractor e poñernos a facer unhas filloas en pleno desfile. ¡Que viva o Entroido!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

Got anything to say? Go ahead and leave a comment!