Mar 19, 2017 - Crónica    No Comments

O Panometer e a destrucción de Dresden (1945)

rundbild-dresden-1945-lockt-rund-160-000-besucher-an_pdabigteaser

Con motivo da celebración do meu cumpreanos, tiven a oportunidade de visitar o Panometer Dresden, un antigo depósito de gas reconvertido nun recinto que acolle distintas exposicións do artista Yadegar Asisi en 360° e a escala 1:1. A exposición “DRESDEN 1945” recrea a destrucción da cidade tralos bombardeos de febreiro de 1945, unha época histórica sobre a que sempre me sentín atraído.

Villa | Dresden

Teño que recoñecer que a II Guerra Mundial sempre me pareceu fascinante. Lecturas coma o diario de Ana Frank e o visionado de películas como “El pianista”, “La vida es bella” ou “Salvar al Soldado Ryan”, contribuiron na miña infancia a aumentar o interese por este conflicto armado. Un interese que nunca decaeu, e que incluso foi a máis desde que me mudei a vivir a Alemaña.

Se ben o pasado máis recente de Dresden está ligado á súa época de dominación comunista, non podemos esquecer que a cidade foi destruida case por completo tralo bombardeo aliado de 1945. Cada visita á Altstadt ou cidade vella de Dresden encerra un novo detalle relacionado coa II Guerra Mundial. Basta con erguer a mirada e ollar algunha pedra calcinada na Frauenkirche ou no Zwinger, para que a miña mente se traslade a aqueles días de febreiro de 1945 e se imaxine cómo viviron os habitantes de Dresden a destrucción da cidade cando a guerra estaba a piques de rematar.

dresden-bombing

Imaxe real de Dresden tralos bombardeos de 1945

Este interese pola II Guerra Mundial e o holocausto xudío acrecentouse aínda máis fai dous anos, cando visitei Polonia cun amigo, precisamente no mes de marzo. Ademais do barrio xudío de Cracovia e a fábrica de Schindler -sí, confeso que “La Lista de Schindler” aínda está na miña lista de pendentes-; a visita ao campo de concentración Auschwitz-Birkenau impactoume tanto que non puiden reprimir o impulso de seguirme adentrando no tema. Isto foi o que escribín ao pouco de volver de Auschwitz.

A lectura de “O neno do pixama de raias” foi un interesante exercicio de imaxinación. En cada capítulo trataba de situar as esceas no propio lugar, despois de visitalo, e salvando os 70 anos de diferencia, claro. Pero sentía que ao relato, se ben inspirado nos feitos reais, faltáballe o ingrediente de realidade que eu buscaba. Eu estaba interesado en saber de primeira man o que sentían as víctimas do holocausto e dos bombardeos, contado por elas.

O ano pasado, aló polo mes de maio, coincidindo coa visita de meus pais a Dresden, vimos xuntos o documental “La destrucción de Dresde”, que podedes ver máis abaixo. Nel faise un percorrido polas horas previas e posteriores aos bombardeos, relatadas por varios superviventes da masacre e incluso a través dos testemuños de algún dos pilotos británicos que perpretaron o ataque aéreo sobre a Florencia do Elba.

Estas lembranzas, contadas de viva voz polos protagonistas, aos que se lle quebra a voz recordando o sucedido ou revivindo a perda dos seres queridos, achegábanse máis ao que eu quería. Moitas películas e libros están inspirados na realidade, e por suposto son moi importantes para ter unha visión do ocorrido, pero poder escoitar de primeira man o que sentiron os protagonistas da historia, cómo reaccionaron e afrontaron os feitos, iso é outro conto.

A miña inmersión no holocausto completouse coa lectura a primeiros de ano do libro “Si esto es un hombre”, de Primo Levi. Os crudos relatos deste químico italiano supervivente de Auschwitz, engadiron o ingrediente de realidade que andaba perseguindo, condimentado cunha dose de obxectividade sorprendente, sobre todo vindo dun prisioneiro que sufriu e padeceu todo tipo de vexacións por parte dos alemáns.

si-esto-es-un-hombre

Levi describe con precisión e frialdade cómo era o funcionamento de Auschwitz: a distribución do traballo e dos barracóns, a selección de prisioneiros, da que os máis veteranos eran plenamente conscientes de a onda conducía; ou as tretas que tiñan que facer os prisioneiros para facerse con racións extra de pan ou de “sopa”, que logo usaban como moeda de cambio para conseguir unha culler ou unha camisa remendada.

En “Si esto es un hombre” un pode descubrir unha nova dimensión dos Lager ou campos de exterminio, na que os prisioneiros son víctimas, sí, pero unhas víctimas ás que o proceso de deshumanización imposto polo sistema nazi, conduce a sacar a relucir instintos de supervivencia en ocasións cuestionables e irracionais.

Coa lectura da primeira obra da triloxía sobre Auschwitz de Primo Levi aínda fresca, chegou a visita ao Panometer Dresden que motivou este post. A casualidade quixo que visitase a exposición o 28 de febreiro, un martes de Carnaval, ao igual que aquel 13 de febreiro –Faschingdienstag- no que comezaron os bombardeos.

Ao entrar na exposición, un par de paneles expositivos e lonas con diversas fotografías e filmacións antigas, vanche pouco a pouco metendo en ambiente. Tamén o fai ver unha imaxe de Hitler facendo o saúdo nazi nun lugar tan coñecido de Dresden como é Theaterplatz, moi preto da Semperoper. Rematados os paneis informativos, entramos nunha estancia escura que comeza a iluminarse pouco a pouco, cos destellos luminosos que simulan o bombardeo.

Xa estamos no epicentro da exposición, rodeados pola imaxe xigante e escurecida de Dresden, a escala 1:1. Subimos as escaleiras situadas nunha plataforma central e comezamos a ascender, mentres a música de fondo e os destellos, que pouco a pouco van cambiando de blanco a vermello, anuncian o final do bombardeo. Ao chegar ao alto da plataforma, Dresden está derruida, e as luces vermellas imitan o arder das lapas provocadas polos milleiros de bombas lanzadas pola aviación británica.

panometer-images

Vista 360º da exposición “DRESDEN 1945” no Panometer

A imaxe 360º recrea o estado da cidade tralos bombardeos, cos edificios máis emblemáticos coma a Frauenkirche e o Zwinger convertidos en escombros. Outros coma a Kreuzkirche ou a Facultade de Letras permanecen erguidos e en condicións aceptables no medio do caos e a destrucción. Para complementar a exposición, un vídeo con testemuños de superviventes que participaron na reconstrucción da cidade, engade unha sensación optimista que che fai deixar o recinto cun mellor regusto.

Á saída, non puiden reprimir o impulso de firmar no libro de visitas, reflexionando sobre a importancia da educación e o respeto como base para evitar os erros do pasado, nunha época incerta na que non está nada claro que isto non se volva repetir, sobre todo tendo en conta a ola de refuxiados aos que Europa lle nega os seus dereitos básicos -mirando para outro lado-, e as novas e perigosas políticas anti-inmigración do goberno americano.

Quizais o mundo “civilizado” precise dunha visión panorámica 360º para evitar que a historia se repita, unha vez máis, da forma que non debe.

panometer-dresden-1945-3-1000x565

A Kreuzkirche, apenas afectada, rodeada de edificios destruidos

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

Got anything to say? Go ahead and leave a comment!